Graziano Bini, nado en San Daniele Po o 7 de xaneiro de 1955, é un exfutbolista italiano. Xogaba como defensa e desenvolveu case toda a súa carreira deportiva no Inter de Milán, no que militou durante 14 tempadas, 7 delas como capitán.
Traxectoria Despois de pasar pola Cremonese entrou en 1968 na canteira do Inter de Milán, tras pasar unha proba dirixida por Helenio Herrera. O 7 de maio de 1972 debutou co primeiro equipo na Serie A, nun empate sen goles ante a Sampdoria no estadio Luigi Ferraris de Xénova. Empregado inicialmente como defensa central xunto a Giacinto Facchetti, converteuse nun habitual no once titular a partir da tempada 1977/78, por elección do novo adestrador Eugenio Bersellini. Militou durante 14 anos no club lombardo, exercendo como capitán a partir de 1978. Coa camiseta nerazzurra gañou un scudetto e dúas edicións da Copa Italia (marcando o gol decisivo na final ante o Napoli na tempada 1977/78). Alcanzou as semifinais da Copa de Europa na tempada 1980/81, e aínda que marcou o gol da vitoria no partido de volta, o seu equipo caeu eliminado contra o Real Madrid.
Nas súas últimas tempadas en Milán sufriu varias lesións, entre elas unha grave en 1984.
Para a tempada 1985/86 fichou polo Genoa, co que xogou dúas tempadas na Serie B antes de retirarse.
Selección italiana Foi cinco veces internacional coa selección sub-23 de Italia e dúas coa sub-21. Coa selección absoluta non chegou a disputar ningún partido oficial, pero si un partido amigable non oficial contra Noruega en 1975.
Trala retirada Despois dunha breve experiencia como adestrador do filial do Inter de Milán, foi observador e responsable do equipo xuvenil do Piacenza, entre 2000 e 2009. Durante esa época levou a Italia a Hugo Campagnaro e Radja Nainggolan, e subiu a xogadores da canteira como Tommaso Bianchi e Marco Calderoni.
Traballou tamén no Bellinzona e en 2012 adestrou os Free Players, xogadores da liga italiana sen equipo.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol . Datos do xogador en Transfermarkt .
Categoría:Nados en 1955 Categoría:Nados na provincia de Cremona Categoría:Futbolistas de Italia Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Inter de Milán Categoría:Xogadores do Genoa CFC Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Italia sub-21