María José Rodríguez Malmierca, nada en Logroño en 1970, é a responsable da Área de E-learning e Colaboración do Centro de Supercomputación de Galicia dende 1999. Traxectoria María José Rodríguez é doutora en educación e licenciada en Filoloxía Inglesa. Tivo contacto coa informática dende pequena grazas ao seu pai, un dos primeiros profesores de informática en FP nos anos 80. Grazas ao seu dominio do inglés comezou a deseñar páxinas web, en especial escolares, e impartindo formación neste eido.

Está involucrada en iniciativas que promoven a presenza das mulleres nas TIC, como o proxecto europeo ICT-Go-Girls!: Promoting entrepreneurship among secondary school girls through ICT, a celebración do Día Internacional das Rapazas nas TIC no CESGA e tamén participa no programa Unha enxeñeira ou científica en cada cole.

En 2022, doutorouse na Universidade de Santiago de Compostela coa tese "La integración de la tecnología de computación en la nube en el proceso de enseñanza-aprendizaje: el proyecto RuralSchoolCloud", coa que obtivo un sobresaínte cum laude. A tese está baseada nunha investigación sobre os resultados do proxecto europeo RuralSchoolCloud. Dito proxecto foi parte da liña de investigación do CESGA sobre computación na nube e escola rural, que comezou en 2011 co proxecto Rural School Communities for Education in the Cloud desenvolvido no CRA Boqueixón-Vedra Neira Vilas, e no posterior proxecto Rede de Escolas na Nube, mediante senllos convenios coa Consellería de Educación da Xunta de Galicia e AMTEGA, e por outra banda, coa empresa TIC Balidea. Os resultados desenvolvidos neste proxecto foron transferidos mediante un acordo coa AMTEGA e a Consellería de Educación da Xunta de Galicia, que dende 2017, estendeu a dispoñibilidade do programa a todas as escolas rurais de Galicia.

Tamén participou como xurado dos premios Prismas 2019 e na cuarta edición dos Premios Spin-Off PuntoGal. Forma parte do Comité de Sabias da Cátedra de Feminismos 4.0 da Universidade de Vigo.

Recoñecementos

Galardón "10 anos Conectad@s" do CPEIG polo traballo de promoción das TIC para o futuro profesional e académico das máis pequenas.

Notas

Categoría:Científicos de Galicia Categoría:Nados en Logroño Categoría:Nados en 1970 Categoría:Personalidades sen imaxes