Iván "Iban" Salvador Edú, coñecido como Iban Edú en África, nado en L'Hospitalet de Llobregat o 11 de decembro de 1995, é un futbolista que xoga na posición de dianteiro. Nado en Cataluña, é internacional coa selección de fútbol de Guinea Ecuatorial.

Traxectoria en clubs Hospitalet En 2002, á idade de 6 anos, Salvador ingresou nas categorías inferiores do CE L'Hospitalet. O 27 de outubro de 2013 realizou o seu debut sénior, sendo substituto de Enrique Carreño nunha vitoria por 3-2 contra o Villarreal CF B da Segunda División B.

Salvador anotou o seu primeiro gol sénior o 10 de novembro de 2013, nunha vitoria por 5-0 contra o AE Prat. Terminou a tempada 2013/14 con 5 goles en 26 partidos.

Valencia O 4 de agosto de 2014 pasou a formar parte do Valencia CF, sendo asignado inicialmente ao Valencia Mestalla da Segunda División B. O 10 de febreiro de 2016 participou no seu único encontro co primeiro equipo do Valencia, no marco das semifinais da Copa do Rei 2015/16 contra o FC Barcelona. Por mor do 7-0 a favor do Barcelona no partido de ida, ambos os equipos realizaron varios trocos no segundo encontro e Salvador entrou no minuto 80 en substitución de Fran Villalba.

Valladolid O 20 de xullo de 2016 chegou a un acordo por tres anos co Real Valladolid da Segunda División. O debut profesional de Salvador tivo lugar o 21 de agosto de 2016, cando foi titular nunha vitoria por 1-0 contra o Real Oviedo. O 2 de outubro dese ano anotou o seu primeiro gol nesa división, o segundo do Valladolid nunha derrota por 2-3 perante o Levante UD.

Cesións a Murcia e León O 25 de xaneiro de 2017 foi cedido ao UCAM Murcia CF para disputar o resto da tempada 2016/17. Na tempada 2017/28 comezou unha nova cesión de seis meses coa Cultural y Deportiva Leonesa.

Celta de Vigo O 10 de xullo de 2018 asinou un contrato de tres anos co Celta de Vigo B da Segunda División B. Durante a tempada 2018/19 marcou un total de 10 goles en 32 partidos.

Fuenlabrada O 5 de xullo de 2019 fíxose oficial a chegada de Salvador ao CF Fuenlabrada, que viña de ascender á Segunda División. Nos seguintes anos renovou contrato até 2023 e posteriormente até 2024. Na tempada 2020/21 foi o segundo futbolista que recibiu máis faltas nas dúas primeiras divisións españolas, tan só por detrás de Lionel Messi. Os seus rivais acusárono de simulación, mentres que o adestrador do Fuenlabrada, José Ramón Sandoval, falou de "persecución".

Etapa polaca O 10 de xullo de 2023 anunciouse a súa fichaxe polo AD Ceuta FC. Con todo, Salvador non chegou a xogar co equipo ceutí e o 12 de setembro asinou un contrato dun ano co Miedź Legnica da 1 Liga polaca. O 30 de xullo de 2024 pasou a formar parte do Wisła Płock na mesma división. Foi liberado polo club ao finalizar a tempada 2025/26.

Traxectoria internacional O 7 de xaneiro de 2015 debutou con Guinea Ecuatorial nun partido amigable contra Cabo Verde. O día seguinte foi incluído polo seleccionador Esteban Becker na convocatoria de 23 xogadores para a Copa de África de Nacións de 2015. Estreouse na competición o 17 de xaneiro nun empate 1-1 perante o Congo. O 26 de xaneiro anotou o seu primeiro gol nunha vitoria por 2-0 contra Gabón, alcanzando os cuartos de final por segunda vez na historia do país. Finalmente Guinea Ecuatorial terminou no cuarto posto no torneo.

No marco da clasificación para a Copa de África de Nacións de 2021, o 15 de novembro de 2020 Salvador anotou o único gol nunha vitoria contra Libia. Durante o torneo foi nomeado xogador do partido en vitorias en fase de grupos contra Alxeria e Serra Leoa; no segundo caso tamén asistiu o gol de Pablo Ganet. Nos oitavos de final contra Mali, Salvador anotou un gol na rolda de penaltis que lle deu a vitoria ao seu equipo.

Vida persoal O avó materno de Salvador naceu na antiga Guinea Española e na década de 1960 emigrou a Cataluña xunta coa súa esposa galega. Elixible para representar España ou Guinea Ecuatorial, Salvador decidiu xogar coa selección africana.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Iban Salvador en LaPreferente.com

Categoría:Nados en 1995 Categoría:Nados en L'Hospitalet de Llobregat Categoría:Futbolistas de Cataluña Categoría:Futbolistas de Guinea Ecuatorial Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Guinea Ecuatorial Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do CE L'Hospitalet Categoría:Xogadores do UCAM Murcia Categoría:Xogadores do Real Valladolid Categoría:Xogadores da Cultural Leonesa Categoría:Xogadores do Valencia CF Mestalla Categoría:Xogadores do Valencia CF Categoría:Xogadores do Celta de Vigo B Categoría:Xogadores do CF Fuenlabrada Categoría:Xogadores do AD Ceuta