Huaca Pucllana é un sitio arqueolóxico situado no casco urbano de Lima, á marxe esquerda do val baixo do río Rímac, na costa central do Perú; actualmente está totalmente rodeada polas modernas urbanizacións do distrito de Miraflores. O lugar contaba orixinalmente con 18 hectáreas, pero debido á destrución ocasionada polos traballos de urbanización reduciuse a 6.

O xacemento tivo tres ocupacións. A monumental, obra da cultura Lima (200-700 d.C.); a funeraria, da cultura Wari (700-1000); e, finalmente, unha ocupación funeraria, de ofrendas pero aparentemente tamén habitacional tardía (1000-1570?). O lugar está composto actualmente por unha pirámide e construcións ao nordés, feitas de tapiais nas súas etapas máis temperás e de adobes paralelepipédicos mediante a técnica do «libreiro» (Villar Córdova, 1935).

Definíronse tres fases construtivas para o xacemento, a partir do tipo de material construtivo empregado. De acordo con isto, a fase máis antiga está asociada a construcións de tapiais, relacionadas co Lima Medio; a segunda fase corresponde ás construcións de adobes paralelepipédicos cuadrangulares, correspondentes aos finais do Lima Medio; e a terceira fase é de adobes paralelepipédicos rectangulares. Durante esta fase é cando o xacemento acada a súa máxima extensión.

Historia e características miniatura|Parede da pirámide no tramo de acceso ao público. Xuño de 2026 A pirámide de Huaca Pucllana, situada no moderno barrio de Miraflores, mide hoxe 25 metros de altura, aínda que orixinalmente alcanzaba os 36 metros. Non tiña escaleiras, só ramplas, xa que os líderes relixiosos eran transportados sen camiñar.

A construción consistía en moldear á man adobes con forma de libros, amoreándoos horizontalmente para resistir os frecuentes terremotos.

Desde a parte alta da pirámide era posible observar o mar. Hoxe, os edificios tapan a vista, aínda que nos días despexados aínda se percibe unha franxa azul no horizonte, a 2 quilómetros de distancia.

Entre os anos 400 e 700 d. C., practicáronse sacrificios humanos. Preto do 90 % das vítimas foron mulleres de entre 16 e 25 anos que xa tiveran fillos. Varias teses manexan a hipótese de que isto tiña relación coa fertilidade e a abundancia, aínda que non existen escritos daquela época que o confirmen.

As escavacións revelaron plataformas cerimoniais, unha antesala ritual, unha área de ofrendas e un cemiterio adaptado co tempo. Nunha soa zona de irrigación atopáronse oito corpos relacionados con rituais e, en total, identificáronse 30 osamentas femininas. Sobre os pavimentos e no medio dos recheos que cobren as prazas trapezoidais, as ramplas e algúns patios con estruturas graduadas, atópanse restos humanos completos ou mutilados, en posición de decúbito ventral, estendidos coas extremidades superiores dirixidas cara á cabeza, cubrindo as mans o rostro nalgunhas ocasións. Son escasos os restos de obxectos asociados, limitándose en moitos casos a téxtiles sinxelos que deberon envolver os corpos. Na maioría dos casos trátase de mulleres novas, aínda que tamén aparecen mulleres de idade avanzada, varóns e nenos de curta idade. As causas da morte son golpes contundentes no cranio e noutras partes do corpo, así como feridas ocasionadas por lanzas. A cantidade de corpos que aparecen en cada tipo de unidade arquitectónica parece depender do tamaño desta: máis de vinte nunha gran praza trapezoidal e ata catro nunha rampla.

Rompemento de vasillas: sobre os pavimentos e nos inicios do recheo de cantos rodados e area gris de recintos e ramplas atopáronse restos de vasillas de cerámica decoradas con motivos de volutas, quenllas e outros seres mariños. Ás veces aparecen acompañadas de vasillas de uso doméstico sen decoración. Unha variante é que só aparecen os fragmentos que posúen a decoración, como se as vasillas fosen rotas noutras zonas e posteriormente colocadas con certa orde no lugar do achado. Unha vasilla decorada con volutas foi atopada aínda na posición que tiña antes de ser rota, coa boca cara abaixo. É probable que o resto das vasillas fose roto da mesma maneira, desde a base.

Banquetes rituais: en corredores ou patios que forman parte dos sistemas de acceso, e nas ramplas, atópanse grandes acumulacións de residuos sobre os pavimentos. Entre estes residuos hai restos de cerámica (pratos, cuncas, ondas e, en menor proporción, xerras), vexetais (millo, cabaza, pacae, goiaba, lúcuma, entre outros), peixes (lorna, anchoveta, catro especies de quenlla, etc.), moluscos (mexillóns, caracois, machas, etc.), crustáceos (gran cantidade de cangrexos e camaróns en menor proporción), algúns obxectos de adorno persoal, como contas e colgantes, ademais de escasos restos de camélidos e aves mariñas. Os tiburóns, símbolo de valentía e poder mariño, tamén foron sacrificados. Os seus dentes e vértebras atopáronse dentro de vasillas xunto con outras ofrendas. A revista especializada Galileu informou de que as especies identificadas foron tiburón azul, tiburón cobre e tiburón branco, este último pouco habitual na costa peruana.

As culturas da época veneraban o mar como unha forza viva. Primeiro foron pescadores e despois agricultores. O mar era fonte de vida, pero tamén un perigo. Era habitual que o adorasen como un deus. Na última etapa de ocupación do lugar, os rituais dirixíronse a Pacha Kamaq, divindade dos terremotos. Para calmalo, ofrecíanse elementos como algodón, follas de coca, cerámicas e restos de llamas e alpacas.

Durante a época colonial existen rexistros escritos sobre o uso dos outeiros da Huaca Pucllana como punto defensivo. En 1855, a súa posición estratéxica foi supostamente aproveitada durante a Batalla de La Palma mais non existen achados arqueolóxicos que o detallen.https://www.researchgate.net/publication/395208728_Un_cementerio_de_la_epoca_wari_en_Pucllana_Lima_Peru Un cementerio de la época wari en Pucllana, Lima, Perú

Tras o seu abandono no século XV, a Huaca Pucllana foi cuberta por terra e vexetación. Nos anos 1960, o lugar converteuse nunha pista de motocrós e bicicrós, sen que moitos soubesen do seu valor histórico. Existen testemuños de algúns veciños actuais que aínda relatan como xogaban nese outeiro durante a súa infancia, sen saber que se trataba dun sitio arqueolóxico.

Cando comezaron as escavacións en 1981, o terreo era propiedade dunha empresa privada con plans para construír avenidas e edificios. Daquela, xa se perderan dous terzos do terreo orixinal. Das 18 hectáreas iniciais, só se conservaron 6 hectáreas.

Partes do Parque Kennedy e as rúas circundantes tamén formaban parte do antigo centro cerimonial. Algúns residentes afirman que os seus avós atoparon cerámicas e tecidos ao construír vivendas na zona.

Visita miniatura|Recreación dun enterro Wari, co corpo envolto en múltiples capas de tea e máscaras funerarias. miniatura|Ruta de entrada a visitantes e restaurante con vistas ás escavacións. O Museo de Sitio Pucllana, inaugurado en 1984, alberga os achados arqueolóxicos e coordina as escavacións. No lugar hai unha sala de exposicións, unha área administrativa, un parque de flora e fauna autóctonas e un restaurante desde o cal se poden observar as ruínas mentres se xanta. Alberga unha colección de bens culturais produto das escavacións arqueolóxicas realizadas desde o ano de apertura polo Proxecto de Investigación, Conservación e Posta en Valor Huaca Pucllana, dirixido pola Dra. Isabel Flores Espinoza ata o ano 2020.

Desde o ano 2005, a administración dos recursos financeiros autoxerados pola institución foi delegada polo Ministerio de Cultura, mediante un convenio interinstitucional, á Municipalidad de Miraflores.

Conta cunha infraestrutura que inclúe unha sala de exposicións, un circuíto de visitas na zona arqueolóxica, un parque de flora e fauna nativas, unha zona de servizos complementarios, depósitos, gabinetes e unha área administrativa.

Cumpre tres funcións principais que orientan as súas actividades desde a súa creación: a investigación científica, como compromiso fundamental que comprende a escavación arqueolóxica e a análise de materiais; a conservación arquitectónica e posta en valor do sitio arqueolóxico; e a educación, como nexo coa comunidade local, nacional e internacional.

As escavacións continúan cada ano entre abril e novembro, cunha pausa durante o verán debido á intensa calor. Galileu informou de que nelas participan arqueólogos de diversas partes do mundo, mesmo especialistas de Exipto. Ademais, entre agosto e a primeira quincena de setembro, persoas non profesionais poden sumarse ás tarefas de escavación baixo supervisión.

O centro destaca que todo o coñecemento sobre a Huaca Pucllana procede dos obxectos atopados, xa que as culturas que habitaron a zona non deixaron rexistros escritos.

Imaxes

Notas

Véxase tamén Bibliografía Jerry D. Moore, “Architecture and the Power in the Ancient Andes”, . The archaeology of public building. United Kingdom. Cambridge University Press.

Ligazóns externas URBAN SETTLEMENTS IN ANCIENT PERU DEFINICIÓN DE UNA NUEVA FASE CONSTRUCTIVA EN HUACA PUCLLANA

Categoría:Arquitectura lima Categoría:Historia do Perú