Clara Thalmann, de solteira Clara Ensner, nada en Basilea o 24 de setembro de 1908 e finada en Niza o 24 de xaneiro de 1987, foi unha xornalista, deportista e miliciana suíza que loitou na guerra civil española.
Traxectoria Clara Ensner naceu en Basilea en 1908. Uniuse ao Partido Comunista de Suíza, aínda que en 1925 xa rompeu coa liña do partido polo seu apoio á Oposición de Esquerda de Lev Trotski. Tamén simpatizou co anarcosindicalismo español debido ao seu programa radical, que ía máis lonxe có socialismo soviético nas súas propostas revolucionarias. En 1928 coñeceu a Paul Thalmann, o seu futuro marido, a través da publicación Basler Volwarts. Foron expulsados do partido o ano seguinte. Xuntos, Thalmann e Ensner fixéronse coñecidos como unha «parella revolucionaria» exemplar. Destacaba a igualdade de xénero entre eles e traballaban xuntos para lograr os seus obxectivos políticos. Nese momento, Clara desenvolveu paixón pola natación e uniuse ao Club de Natación de Traballadores Suízos (en ).
Guerra civil española En 1936 Clara Thalmann viaxou a Barcelona para a Olimpíada Popular, onde pretendía competir como nadadora. Ao estalar a guerra civil española un día antes da inauguración, canceláronse os acontecementos previstos, polo que se atopou loitando nas barricadas durante a Batalla de Barcelona. Xa simpatizante da esquerda antiestalinista, uniuse ao Partido Obreiro de Unificación Marxista (POUM) e axudou a producir as súas transmisións en alemán.
Alistouse entón na milicia anarcosindicalista da Columna Durruti, que foi loitar á fronte de Aragón. Segundo o seu marido, Clara atravesou con relativa facilidade o período caótico dos primeiros meses da guerra civil. Axiña entrou en contacto con outros voluntarios antifascistas europeos, formando o Grupo Internacional da Columna Durruti. Ela era só unha do puñado de mulleres estranxeiras que loitaron na liña da fronte. De feito, estimábase que só o 2% dos combatentes de primeira liña nas milicias confederais eran mulleres. Máis tarde escribiu que «apenas se consideraba unha pioneira ou mesmo unha feminista».
Pronto se desilusionou polas loitas internas que observou no seo do anarquismo español e gravitó cara ao comunismo, ao consideralo un colectivo máis organizado. A principios de 1937 abandonou a Columna Durruti e tentou incorporarse ás Brigadas Internacionais, mais foi rexeitada polo mando da brigada, quen declarou que as mulleres «non tiñan lugar nun exército profesional». Regresou rapidamente á Columna Durruti pero descubriu que na súa ausencia as mulleres tamén foran expulsadas das súas filas. Porén, a súa experiencia na loita permitiulle permanecer na liña da fronte, mesmo cando a outras mulleres voluntarias se lles negou a mesma oportunidade.
En abril de 1937 volveu gravitar cara o POUM e uniuse ao «Batallón de Choque» do partido por un curto tempo. Logo centrou a súa atención nos conflitos sectarios entre varias faccións trotskistas e axudando a estabelecer boas relacións entre o POUM e os refuxiados antifascistas italianos, que estaban organizados en gran medida ao redor dos bolxeviques-leninistas. Tamén coñeceu áAgrupación dos Amigos de Durruti, que segundo ela estaba baixo a dirección do trotskista alemán Hans Freund, alias «Moulin». Víctor Alba e Stephen Schwartz cuestionaron a validez desta acusación, afirmando que fora motivada por unha «incredulidade trotskista» na capacidade dos anarquistas para actuaren sen a intervención marxista e sinalando a súa aliñación con acusacións stalinistas similares contra o grupo.
Durante os Sucesos de Maio de 1937 viuse envolta nos combates. Atopouse nunha azotea con outros membros da milicia do POUM, entre eles o xornalista inglés George Orwell. Tras a vitoria das forzas republicanas Thalmann e o seu marido tentaron fuxir do país en barco, pero foron capturados e encarcerados polo Partido Comunista de España (PCE). En prisión cantáronse cancións populares suízas cambiando algunhas liñas para se informaren mutuamente sobre os que estaban a ser interrogados. Os tribunais suízos tamén a condenaron a prisión tras xulgala in absentia por recrutar xente suíza para loitaren en España. Tras un chamamento da Internacional Obreira e Socialista, a parella foi liberada da prisión española e decidiu fuxir a Francia.
Durante e despois da Segunda Guerra Mundial Tras o estalido da Segunda Guerra Mundial e a posterior ocupación nazi de Francia, Thalmann, tentando evitar problemas, negouse a unirse de xeito oficial á Resistencia francesa, decepcionada polo colapso do antifascismo en España. Con todo, participou en actos individuais de resistencia e axudou a ocultar refuxiados xudeus en París.
Tras a guerra, os Thalmann apoiaron a causa do nacionalismo alxeriano e axitaron contra o goberno totalitario do stalinismo na Unión Soviética. Finalmente ficaron desilusionados con ambos bandos da Guerra Fría e renunciaron á actividade política. En 1953 mudáronse á Riviera Francesa e compraron un terreo preto de Niza. Alí estableceron a pensión La Serena, que formou unha comunidade igualitaria. Co desenvolvemento da contracultura na década de 1960, os Thalmann regresaron ao activismo e traballaron cos estudantes activistas da Nova Esquerda.
Vellez Ao final da súa vida os Thalmann participaron en documentais sobre as súas biografías e escribiron as súas memorias persoais, que se publicaron pouco antes da morte de Paul Thalmann en 1980. A fidelidade de moitas das acusacións feitas nas súas memorias foi cuestionada por Víctor Alba e Stephen Schwartz, quen aconsellaron cautela ao lelas como fonte primaria. Cando Burnett Bolloten interrogou á propia Clara sobre as acusacións do seu marido de que membros de dereitas do POUM dispararan contra trotskistas, ela afirmou non ter coñecemento de tales execucións.
En 1983, tras a transición española, Clara Thalmann e o anarquista alemán Augustin Souchy viaxaron a España e visitaron os lugares nos que loitaran durante a guerra civil española. O ano seguinte lamentou os excesos do Terror Vermello en España, e mostrou particular desacordo coas execucións de monxas que resultaran do estalido de violencia ao comezo da guerra. Tras regresar da súa viaxe, Thalmann morreu en Niza en 1987.
Publicacións
Notas
Categoría:Activistas de Suíza Categoría:Nados en Basilea Categoría:Nados en 1908 Categoría:Finados en 1987