As pleckstrinas son unha familia de proteínas atopada en plaquetas e outras células. O seu nome deriva do inglés platelet and leukocyte C kinase substrate and the KSTR string of amino acids (substrato da quinase C de plaquetas e leucocitos e a cadea KSTR de aminoácidos). A proteína prototípica, agora chamada pleckstrina-1, foi identificada en 1979 como o principal substrato da proteína quinase C en plaquetas. A proteína homóloga pleckstrina-2 exprésase máis amplamente nos tecidos.

O dominio de homoloxía de pleckstrina (dominio PH) recibiu ese nome porque se atopou por primeira vez na pleckstrina-1.

Secuencia e estrutura Tanto a pleckstrina-1 coma a pleckstrina-2 conteñen dous dominios de homoloxía de pleckstrina, separados por un dominio DEP. A pleckstrina-1 é fosforilada pola proteína quinase C en tres residuos de serina e treonina situados entre o primeiro dominio de homoloxía de pleckstrina e o dominio DEP; a pleckstrina-2 non é substato da proteína quinase C. As dúas proteínas comparten un 65 % de homoloxía de secuencias e teñen un tamaño duns 47 quilodaltons.

En 2024 non se resolvera aínda ningunha estrutura tridimensional en alta resolución das pleckstrinas nas súas lonxitudes completas, pero publicáranse as estruturas dos dominios individuais das pleckstrinas-1 e -2.

Funcións As pleckstrinas están implicads no rearranxo do citoesqueleto de actina en procesos como a activación das plaquetas, eritropoese e extensión de filopodios e lamelipodios. A pleckstrina-1 crese que queda activada pola fosforilación que lle fai a proteína quinase C, o cal ten como resultado a unión ao lípido de membrana fosfatidilinositol 3,4-bisfosfato. As intraccións coas integrinas e a GTPase Rac orixina despois a reorganización do citoesqueleto de actina. A pleckstrina-2 tamén se une a fosfolípidos de inositol, pero interacciona directamente coa actina F, a diferenza da pleckstrina-1. Como a pleckstrina-2 se expresa nunha ampla variedade de tipos celulares, as súas funcións biolóxicas son máis diversas que as da pleckstrina-1.

A pleckstrina-1 é unha proteína clave nos procesos de remodelación de membranas que ocorren durante a activación das plaquetas. Tamén aparece en células inmunitarias como os macrófagos e os neutrófilos, onde intervén na formación de fagosomas e a secreción de citocinas proinflamatorias.

A pleckstrina-2 ten unha función na extensión da célula (por emisión de pseudópodos), a inflamación, eritropoese e tumoroxénese. En linfocitos está implicada na formación da sinapse inmunolóxica mediada pola quinase PI3. A pleckstrina-2 tamén é mediadora nos cambios citoesqueléticos implicados na proliferación de eritroblastos ao inicio da eritropoese. Tamén se cre que é esencial na transición epitelial-mesenquimal na metástase de tumores, e sábese que a pleckstrina-2 se sobreexpresa nunha variedade de cancros.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Categoría:Proteínas