José Ramón Gallego Souto, coñecido como Txetxu Gallego, nado en Durango o 7 de agosto de 1959, é un exfutbolista español, que xogaba como centrocampista. Desenvolveu case toda a súa carreira no Athletic de Bilbao, co que disputou 331 partidos oficiais en 11 tempadas.

Traxectoria Comezou a súa carreira futbolística en 1978, nas filas da Cultural Durango da súa vila natal, en Rexional Preferente. Ao ano seguinte fichou polo filial do Athletic de Bilbao, o Bilbao Athletic, que militaba na Segunda División B.

No filial bilbaíno tivo como adestrador a Javier Clemente e antes de rematar a súa primeira tempada subiu ao primeiro equipo para disputar as últimas xornadas da tempada 1979/80. Debutou na Primeira División nun partido contra o Espanyol en Sarrià, entrando na segunda parte como substituto de José María Noriega. Disputou outros seis partidos co primeiro equipo esa tempada, mentres que na seguinte xogou cedido no Córdoba CF, de Segunda B, mentres realizaba o servizo militar en Andalucía. Co club cordobés logrou o ascenso a Segunda División.

Regresou ao equipo de San Mamés en 1981, sendo un habitual no centro do campo titular durante os seguintes oito anos. Formou liña media con De Andrés e Urtubi nas dúas ligas conquistadas de xeito consecutivo polo club vasco nas tempadas 1982/83 e 1983/84, e foi titular nas dúas finais de Copa do Rei que o seu equipo disputou neses anos, gañando a de 1984. Xogou ademais 4 partidos da Copa de Europa e 15 da Copa da UEFA.

Deixou o club en 1991, despois de 331 partidos oficiais e 17 goles (18 segundo o sitio web do Athletic). Xogou unha última tempada co Alavés en Segunda B antes de retirarse. Despois de colgar as botas foi durante anos encargado de material do Athletic.

Selección española Foi internacional coa selección española sub-21, coa que conquistou a Eurocopa sub-21 en 1986. Disputou tamén catro partidos coa selección olímpica, buscando a clasificación para os Xogos Olímpicos de 1988, pero sen lograr o obxectivo.

Palmarés Athletic Club Primeira División (2): 1982/83, 1983/84. Copa do Rei (1): 1983/84.

Selección española sub-21 Eurocopa Sub-21 (1): 1986.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador no sitio web do Athletic Club . Datos do xogador en BDFutbol .

Categoría:Nados en 1959 Categoría:Nados en Durango, Biscaia Categoría:Futbolistas do País Vasco Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do SCD Durango Categoría:Xogadores do Bilbao Athletic Categoría:Xogadores do Athletic Club de Bilbao Categoría:Xogadores do Córdoba CF Categoría:Xogadores do Deportivo Alavés Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-21