David Remeseiro Salgueiro, coñecido como Jason Remeseiro ou simplemente Jason, nado na Coruña o 6 de xullo de 1994, é un futbolista galego que xoga de centrocampista no Al-Fayha FC, de Arabia Saudita.
É curmán do tamén futbolista Marcos Remeseiro.
Traxectoria
Inicios Naceu no barrio coruñés dos Mallos e comezou a xogar ao fútbol no Imperátor. De aí pasou á canteira do Deportivo da Coruña, onde para diferencialo doutros dous compañeiros chamados David, o adestrador alcumouno Jenson, facendo referencia ao piloto Jenson Button e á súa velocidade. O alcume derivou logo en Jason, como pasou a ser coñecido.
Tras dous anos nas filas deportivistas, o adestrador Miguel Gamallo descartouno pola súa baixa estatura. A pesar deste golpe e animado por seu pai, probou sorte no Montañeros, pasando logo aos xuvenís do Racing de Ferrol, que o levaban tempo seguindo grazas ás referencias do seu curmán Marcos Remeseiro, que xogaba no equipo xuvenil ferrolán. Un ano despois incorporouse á canteira do Levante.
Levante UD Na súa única tempada nos xuvenís do Levante foi un dos futbolistas máis destacados do equipo, marcando 15 goles en 34 partidos. Disputou tamén tres partidos co filial, o Atlético Levante, en Segunda División B, e ao final da tempada asinou un novo contrato de dous anos para xogar no filial.
O 25 de agosto de 2013 debutou na Primeira División, entrando case ao final do partido da segunda xornada contra o Sevilla FC no Sánchez Pizjuán. Co filial disputou 25 partidos esa tempada, na que o club descendeu a Terceira.
En agosto de 2014 saíu cedido ao Villarreal B, pero o Levante recuperouno xa en xaneiro para reforzar o equipo de Lucas Alcaraz. Marchou cedido de novo ao ano seguinte, esta vez ao Albacete. Marcou o seu primeiro gol como profesional o 3 de xaneiro de 2016, nun empate 2-2 contra a SD Ponferradina no Estadio Carlos Belmonte. O equipo acabou descendendo ao final da tempada á Segunda División B.
Na tempada 2016/17 gañou un posto no primeiro equipo do Levante, descendido á Segunda División na tempada anterior. Marcou 10 goles e contribuíu de xeito importante a que o equipo se proclamase campión de Segunda e regresase á máxima categoría só un ano despois.
Militou dúas tempadas máis no Levante, acadando os 105 partidos disputados, con 13 goles anotados.
Valencia En xullo de 2019 asinou un contrato de tres anos co Valencia CF. Con todos, pouco despois foi cedido ao Getafe CF, tamén da Primeira División. Participou en algo máis da metade dos partidos do equipo madrileño, que rematou a tempada na oitava posición, e anotou un gol, precisamente fronte ao Valencia en Mestalla.
Na tempada 2020/21 volveu ao Valencia, debutando co equipo "che" en Balaídos contra o Celta de Vigo. Xogou un total de 17 encontros de liga esa tempada co equipo de Javier Gracia, pero só 4 deles como titular. O seu protagonismo no equipo reduciuse na seguinte campaña, con Bordalás no banco, e en xaneiro foi traspasado ao Alavés de José Luis Mendilibar.
Alavés Disputou 14 partidos no que restaba da tempada 2021/22, que rematou co descenso do Alavés á Segunda División. Na seguinte campaña, con Luis García no banco, xogou un total de 38 encontros, 23 deles como titular, e marcou dous goles, contribuíndo ao regreso do conxunto vitoriano á máxima categoría. O primeiro dos seus dous goles coa camiseta do Alavés chegou cun espectacular saque de falta que lle deu ao o equipo vasco a vitoria ante o Zaragoza (1-0) e que foi descrito polo capitán rival, Alberto Zapater, como un dos mellores que vira na súa carreira.
Arouca En xullo de 2023 desvencellouse do Alavés e trasladouse a Portugal, onde asinou co Arouca, da Primeira Liga. Militou dous anos no club da Rexión Norte, consolidándose como un dos principais referentes ofensivos do fútbol portugués. Disputou un total de 75 partidos, nos que anotou 13 goles e repartiu 9 asistencias.
Al-Fayha O 1 de xullo de 2025 anunciouse a súa fichaxe polo Al-Fayha FC de Arabia Saudita.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol . Perfil oficial do Levante . Datos do xogador en lapreferente.com .
Categoría:Nados en 1994 Categoría:Nados na Coruña Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Levante UD B Categoría:Xogadores do Levante UD Categoría:Xogadores do Villarreal CF B Categoría:Xogadores do Albacete Balompié Categoría:Xogadores do Valencia CF Categoría:Xogadores do Getafe CF Categoría:Xogadores do Deportivo Alavés Categoría:Xogadores do FC Arouca