O castelo San Felipe de Barajas é unha fortificación que se atopa na cidade de Cartaxena de Indias, en Colombia. O seu nome real é Forte de San Felipe de Barajas. Está situado sobre un outeiro chamado San Lázaro e foi construído en 1657 durante a época colonial española. Sufriu constantes ataques por parte dos ingleses e franceses, sendo o comandante francés Barón de Pointis quen tomase o castelo a mediados de 1697.

En 1984, a Unesco incluíu o centro histórico da cidade de Cartaxena de Indias, o conxunto das súas fortificacións e o castelo San Felipe de Barajas dentro da lista de Patrimonio da Humanidade. Considérase unha das sete marabillas de Colombia, recoñecemento que lle acredita como unha das máis grandes estruturas construídas en territorio colombiano, logo dunha enquisa realizada polo xornal El Tiempo. Tamén forma parte do patrimonio histórico e cultural de Colombia, segundo o Ministerio de Cultura.

Ao longo de toda a súa historia, a fortificación militar sufriu varias remodelacións co fin de evitar a súa deterioración e manter conservado un monumento importante, non só para a xente de Cartaxena, senón tamén para toda Colombia. Hoxe en día serve como un atractivo turístico e é o lugar de importantes eventos e reunións sociais. O 14 de abril de 2012, o castelo foi o escenario principal da cea de benvida na celebración do VI Cumio das Américas.

Notas

Categoría:Castelos de Colombia