Georg Philipp Friedrich von Hardenberg, máis coñecido polo seu pseudónimo Novalis, nado en Wiederstedt (Electorado de Saxonia) o 2 de maio de 1772 e finado en Weißenfels o 25 de marzo de 1801, foi un escritor e filósofo alemán, representante do romanticismo alemán temperán.
Ademais dos Himnos á noite e os conxuntos de fragmentos Blüthenstaub e Glauben und Liebe (o núcleo da súa obra publicada en vida), a súa produción inclúe dúas novelas inconclusas (Die Lehrlinge zu Sais e Heinrich von Ofterdingen), un poemario de temática relixiosa (Cantos espirituais) xunto a varias poesías soltas, dous ensaios (Die Christenheit oder Europa e o Monólogo) e diversos grupos de fragmentos e apuntamentos, como os “Fragmentos logolóxicos”, os temperáns Fichte-Studien ou o máis tardío Das allgemeine Brouillon, máis coñecido como Enciclopedia.
A súa figura asociouse tradicionalmente ao tópico literario da “flor azul”, á súa historia de amor con Sophie von Kühn, á súa cosmovisión coñecida como “idealismo máxico”, ao pensamento místico e á súa pertenza ao grupo dos primeiros románticos alemáns, entre os cales se contaban os seus amigos e responsables da primeira edición das súas obras Friedrich Schlegel e Ludwig Tieck. Actualmente considérase que algunhas destas asociacións, en particular a do seu vínculo con Sophie von Kühn, a cuxa temperá morte se adxudicou tradicionalmente un pretendido xiro cara ao misticismo no pensamento novaliano, fúndanse nun estudo parcial e pouco coidadoso da súa obra e en simplificacións presentes nas primeiras edicións dos seus escritos e nalgunhas biografías temperás.
A súa vida profesional desenvolveuse no ámbito da minaría (chegou a ser inspector das minas de sal de Weißenfels), temática recorrente na súa obra literaria. Unha parte central dos seus estudos e intereses orientábase, en xeral, ás investigacións científicas. Esta orientación atópase moi presente tanto na súa obra teórica como na súa produción literaria, na que se acode con frecuencia a teorías como as do magnetismo, o galvanismo ou a alquimia e ao tema, en xeral, do estudo da natureza.
Traxectoria Infancia e adolescencia (1772-1790) miniatura|Schloß Oberwiederstedt, casa natal de Friedrich von Hardenberg. Novalis pertenceu a unha familia da nobreza saxoa oriúnda da zona da Baixa Saxonia, con antecedentes que poden rastrexarse sen saltos ata o século XII. A rama á que pertencía Novalis (a rama dos baróns) desprazouse á zona do actual estado alemán Saxonia-Anhalt.A xenealoxía de Hardenberg reconstruíuna Richard Samuel (un dos editores da súa obra) xa en 1929 na epígrafe correspondente a Novalis do Ahnentafeln berühmter Deutscher. Samuel achegou, xunto cunha reconstrución comentada das orixes da familia, unhas táboas xenealóxicas nutridísimas. Posteriormente este texto foi revisado e ampliado en 1969 e apareceu na compilación de Schulz (outro dos editores da obra novaliana) Novalis. Beiträge zu Werk und Persönlichkeit Friedrich von Hardenbergs, de 1970, e na reedición de 1986. Unha anécdota lembrada por Samuel, que dá conta da antigüidade e da sona da familia, sinala que xa en 1174 o emperador Barbarroxa menciona (chamándoo “nobre señor do Hardenberg”, “edler Herr auf dem Hardenberge”) a Didericus (Dietrich von Hardenberg) nun documento oficial. Cf. Samuel, Richard (1986) : “Ahnentafel des Dichters Friedrich von Hardenberg gen. Novalis”, en: Schulz, Gerhard [Hg] (1986) . Novalis. Beiträge zu Werk und Persönlichkeit Friedrich von Hardenbergs [2., erweiterte Auflage]. Darmstadt: Wissenschaftliche Buchgesellschaft [páx. 106-130]. Edición orixinal: Ahnentafeln berühmter Deutscher [Hg. von der Zentralstelle für Deutsche Personen und Biographie Familiengeschichte e.V. zu Leipzig]. Leipzig 1929. Mit Nachträgen von 1969. Alí, no Schloss Oberwiederstedt da pequena localidade de Wiederstedt, naceu en 1772.
Neste castelo (actualmente museo e centro de investigacións sobre romanticismo alemán temperán) pasou os primeiros doce anos da súa vida, ata que o seu pai foi nomeado, en 1784, director das salinas de Dürrenberg, Kösen e Artern do Electorado de Saxonia e a familia mudouse a unha casa (hoxe museo) na cidade de Weißenfels (tamén en Saxonia-Anhalt).Na páxina web da Novalis-Gesellschaft poden verse as actividades que se levan a cabo no museo. Alí tamén se atopan informacións de interese para a investigación, incluída unha bibliografía moi completa. Na casa de Weißenfels atópase a Novalis-Gedenkstätte, e a curta distancia desta casa localízase a tumba de Novalis.
Novalis foi o segundo dos once fillos que tiveron Heinrich Ulrich Erasmus von Hardenberg, home de firme relixiosidade pietista vinculado á Irmandade de Moravia, e a súa segunda esposa Auguste Bernhardine von Bölzig. A rigorosidade do pai xerou certas rifas entre el e o seu fillo Friedrich, as cales, con todo, non levaron nunca a conflitos insuperables. De non ser pola aparición inquietante dunha grave disentería en 1780 ou 1781, a infancia de Hardenberg transcorreu sen maiores perturbacións.A dúbida sobre a data débese a que a fonte (a biografía de Novalis redactada polo seu irmán Karl von Hardenberg) indica "no seu noveno ano". Segundo esta biografía, "como consecuencia desta doenza [padeceu] unha atonía do estómago que só puido ser superada mediante os máis dolorosos estimulantes e unha cura penosa" (IV: 531).
Para as citas de Novalis (ou, como neste caso, de textos doutros autores incluídos como testimonios nas súas obras completas) séguese convencionalmente a edición coñecida como historisch-kritische Ausgabe (HKA): Schriften. Die Werke Friedrich von Hardenbergs (Begründet von Paul Kluckhohn und Richard Samuel. Herausgegeben von Richard Samuel in Zusammenarbeit mit Hans-Joachim Mähl und Gerhard Schulz. Historisch-kritische Ausgabe in vier Bänden, einem Materialienband und einem Ergänzungsband in vier Teilbänden mit dem dichterischen Jugendnachlaß und weiteren neu aufgetauchten Handschriften).
O primeiro testemuño en que se apoiaron as biografías posteriores é este de Karl von Hardenberg (IV: 531-535). Sobre esta base e a do seu propio coñecemento persoal de Hardenberg escribiron as súas biografías August Cölestin Just (IV: 536-550) en 1805 e Ludwig Tieck (IV: 551-560) en 1815.
Anos de formación (1790-1794) Novalis, nun principio, foi educado por titores privados. Máis tarde, en 1790, acudiu ao Luthergymnasium de Eisleben, onde adquiriu habilidades en retórica e cultura clásica. En outubro dese mesmo ano matriculouse na Universidade de Jena para cursar dereito. Alí coñeceu, entre outros, a Friedrich Schiller e a Karl Leonhard Reinhold, e asistiu ás leccións de ambos. Durante xaneiro de 1791 coidou persoalmente, xunto con outros alumnos, a Schiller, que caera enfermo. A el alúdese na primeira publicación de Hardenberg, o poema Klagen eines Jünglings, aparecido na revista Der neue Teutscher Merkur.O poema apareceu en abril de 1791 (vol. 1, Nº 4: páx. 410-413) coa indicación de autor “v. H***g”. Atópase dixitalizado e transcrito nesta páxina En outubro abandonou a Universidade de Jena e matriculouse posteriormente na de Leipzig. Durante 1792 coñeceu a Friedrich Schlegel, quen foi máis adiante un dos seus máis grandes amigos, e atravesou unha grande incerteza sobre o seu futuro, considerando incluso a posibilidade de facerse soldado. O ano seguinte, con todo, matriculouse na Universidade de Wittenberg, onde se graduou finalmente en 1794.
Comezos da actividade profesional (1794-1795) En outubro de 1794 Hardenberg partiu cara a Tennstedt para ocupar un cargo de secretario oficial (Aktuarius) na administración do distrito, que estaba a cargo de August Cölestin Just. Just deveu posteriormente no seu íntimo amigo e mesmo o autor dunha das máis importantes biografías temperás de Novalis. Nesa etapa, en novembro de 1794, coñeceu en Grüningen a Sophie von Kühn, de doce anos, con quen posteriormente, no aniversario número 13 de Sophie o 17 de marzo de 1795, se comprometeu. Durante ese ano Hardenberg dividiu o seu tempo entre as actividades oficiais en Tennstedt e a relación con Sophie en Grüningen, e comezou tamén as súas anotacións filosóficas coñecidas como Fichte-Studien. Co mesmo Fichte (e tamén con Hölderlin) compartiu unha reunión en maio en casa de Immanuel Niethammer.Sábese deste encontro en Jena en maio de 1795 por unha anotación no diario do dono da casa, que indica que esa noite “se falou moito sobre relixión e sobre a Revelación e sobre que para a filosofía permanecen aínda abertas, respecto disto, moitas preguntas” (IV: 588).
O 30 de decembro aprobouse a designación de Novalis como funcionario menor (Akzessist) na dirección das minas de sal en Weißenfels, traballo que acompañou coas súas continuadas anotacións sobre Fichte e coa súa relación con Sophie, cada vez máis marcada polo empeoramento do estado de saúde dela.
Relación con Sophie von Kühn (1795-1797) alt=|miniatura|Sophie von Kühn Hardenberg coñeceu a Sophie no contexto dunha viaxe oficial e, segundo o seu propio testemuño, bastoulle un cuarto de hora para namorarse dela. A doenza de Sophie interpúxose, con todo, pouco despois do compromiso: xa en novembro de 1795 padeceu unha primeira crise e durante a segunda metade de 1796 foi operada en tres oportunidades, sen lograr mellorías esperanzadoras. Morreu finalmente en marzo por mor da tuberculose. Dende entón Hardenberg levou adiante un diario no que consignaba, cunha datación establecida a partir da cantidade de días pasados dende a morte de Sophie, a evolución dos seus sentimentos, así como tamén as actividades ás que se dedicou durante este período, en particular, o estudo a fondo dos Anos de aprendizaxe de Wilhelm Meister de Goethe.Este diario atópase en IV: 29-49 e abrangue dende o 18 de abril de 1797 (día número 31 dende a morte de Sophie) ata o 6 de xullo (día número 110), é dicir, aproximadamente, dous meses e medio.
A relación entre Sophie e Novalis e a morte temperá dela deixarían certas marcas na obra literaria del. Fundamentalmente remiten a estes eventos o terceiro e central dos Himnos á noite e diversos elementos de Heinrich von Ofterdingen. A crítica ao redor da obra de Novalis fixo desta relación un elemento absolutamente capital na vida de Hardenberg, a punto tal de articular a súa existencia completa en torno dela.Por exemplo Egon Friedell, que di expresamente que “o suceso central na vida de Novalis é o seu amor por Sophie von Kühn” (Novalis als Philosoph , publicado baixo a indicación de autor inexacta “Egon Fridell”, Múnic: Bruckmann, páx. 12). Posteriormente esta visión sería desacreditada pola investigación sobre a súa vida e a obra, aínda que subsiste até hoxe a imaxe, feita lugar común, de Novalis como un poeta torturado pola morte temperá da súa moza amada.
Anos de estudo en Freiberg e desenvolvemento da obra madura (1797-1799) Entre decembro de 1797 e mediados de 1799, un período sumamente produtivo da súa vida, Hardenberg formouse na Bergakademie de Freiberg (Academia de Minería). Alí asistiu, entre outras, ás clases de xeoloxía de Gottlob Werner, que tiveron un grande impacto sobre o seu pensamento e tamén sobre a súa obra literaria. Durante 1798 publicáronse os seus conxuntos de fragmentos máis recoñecidos, xa baixo o pseudónimo de “Novalis”: Blüthenstaub, redactado a fins de 1797, e os seus fragmentos de contido político Glauben und Liebe. Desa época datan tamén o seu primeiro proxecto de novela Die Lehrlinge zu Sais, o conxunto de anotacións coñecido como Teplitzer Fragmente e as primeiras elaboracións do Das allgemeine Brouillon, nalgunha medida resultado do seu interese crecente pola Naturphilosophie de Schelling, a quen coñecera persoalmente durante 1797. A finais de 1798 comezou o seu noivado con Julie von Charpentier, que o acompañou a partir de entón.
Últimos anos produtivos (1799-1800)