Minia Manteiga Outeiro, nada en Negreira en 1963, é unha astrofísica galega. En 2018 converteuse na primeira muller catedrática de Astrofísica de Galicia, e en 2020 na primeira muller da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación da Real Academia Galega das Ciencias.
Traxectoria Manteiga comezou a carreira de Física na Universidade de Santiago de Compostela, onde cursou os tres primeiros cursos, e logo especializouse en Astrofísica na Universidade de La Laguna. Realizou a súa formación doutoral no Instituto de Astrofísica das Canarias, e posdoutoral no Istituto di Astrofísica Spaziale (Frascati-Roma, Italia) e no Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA, Madrid).
Entre os anos 1994 e 1999, impartiu clase na Facultade de Ciencias da Universidade de Vigo, e dende entón exerce como docente na Escola Superior de Náutica e Máquinas da Universidade da Coruña.
A súa investigación céntrase no estudo da evolución estelar, astrofísica espacial e a Big Data Astronomy. Forma parte do equipo galego da misión Gaia, da Axencia Espacial Europea (ESA), na que participan máis de 450 científicos e enxeñeiros doutros 23 países co obxectivo de elaborar un mapa preciso en 3D da Vía Láctea. Entre outras labores, á fronte do equipo ten desenvolto un software que permite a clasificación de estrelas a partir dos datos obtidos. Está baseado nun algoritmo que usa redes neuronais artificiais.
Recoñecementos
En 2019 foi galardoada co Premio e-Woman á Traxectoria Profesional. En 2021 foi elixida vicepresidenta da Sociedad Española de Astronomía. En 2023 a revista Gciencia considerouna unha das 20 mulleres de ciencia en Galicia que había que coñecer. En 2024 foi elixida presidenta da Sociedad Española de Astronomía.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Mulleres ninguneadas na Ciencia no programa Vivir Aquí da TVG
Vídeo da RTVE Biografía na exposición Astrónomas.
Categoría:Físicos de Galicia Categoría:Nados en Negreira Categoría:Nados en 1963 Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Membros da Real Academia Galega das Ciencias Categoría:Alumnos da Universidade de La Laguna Categoría:Profesores da Universidade de Vigo Categoría:Astrofísicos Categoría:Catedráticos da Universidade da Coruña Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Profesores da Universidade da Coruña