O efecto Matilda é o prexuízo en contra de recoñecer as achegas de mulleres científicas na investigación, cuxo traballo adoita atribuírselles aos seus compañeiros varóns. O efecto foi descrito por primeira vez pola sufraxista e abolicionista do século XIX, Matilda Joslyn Gage, no seu ensaio Woman as an Inventor. O termo foi acuñado en 1993 pola historiadora de ciencias Margaret W. Rossiter, e que segundo Jennifer S. Light faría referencia ao fenoméno polo que miniatura| Efecto Matilda O efecto Matilda está relacionado co efecto Mateo, xa que científicos eminentes reciben a miúdo máis crédito que un investigador comparativamente descoñecido, aínda que o seu traballo sexa conxunto ou similar. Rossiter presenta varios exemplos deste efecto: Trótula, unha médica italiana (séculos XI-XII), escribiu libros que foron atribuídos a autores homes despois da súa morte, e a hostilidade cara ás mulleres levou ás profesoras e médicas a negar incluso a súa existencia. Os casos do século XX que ilustran o efecto Matilda inclúen os de Nettie Stevens, Maria Skłodowska Curie (foi incluída no Premio Nobel de Física en 1903 só por insistencia dun membro do comité -o matemático sueco Magnus Goesta Mittag-Leffler- e o seu marido Pierre Curie), Lise Meitner, Marietta Blau, Rosalind Franklin, Agnes Pockels e Jocelyn Bell Burnell.
Investigacións A partir da análise de máis de mil artigos científicos publicados entre 1991 e 2005 nunha única revista e as citas que estes artigos recibiran demostrouse que os científicos masculinos amosaban unha "tendencia desproporcionada"Cita orixinal:" Male scholars indeed showed a disproportionated preference for citing male scholars, whereas female scholars did not show a preference for citing male or female scholars" p. 21 a citar os traballos de autores masculinos con máis frecuencia que os de autoras femininas, mentres que as autoras non demostraban ter unha preferencia á hora de citar os traballos de colegas masculinos ou femininos. En 2012, dous investigadores da Universidade Radboud Nijmegen demostraron que nos Países Baixos o xénero dos candidatos á praza de profesor inflúe na súa avaliación. Descríbense casos similares nun estudo italiano, que corroboraron estudos nos Estados Unidos e España.
Un estudo da universidade de Princeton identificou, a través dun experimento no que se valoraba o acceso a unha hipotética praza de laboratorio, o nesgo de xénero como un dos posibles factores que inciden na disparidade de representación do xénero feminino no mundo academico. Os científicos homes dos Estados Unidos reciben máis recoñecementos e premios que as súas compañeiras femininas, incluso con logros similares. Esta diferenza reduciuse: foi máis pronunciada na década de 1990 que na década de 2000. Aos científicos cústalles aceptar o nesgo de xénero que prexudica ás científicas.
Ben Barres, que foi neurobiólogo en Stanford e fixo a transición de muller a home, nun artigo para a revista Nature refutou as hipóteses sobre as menores capacidades innatas das mulleres na área STEM e falou da súa experiencia persoal e como el mesmo tardou en recoñecer o nesgo de xénero na academia. Segundo el, o feito de non recoñecer o nesgo de xénero cando existe é tan probable en individuos homes como en mulleres,Cita orixinal: "Remarkably, women are as likely as men to deny the existence of gender-based bias" p. 134 razón pola que é necesario poñer en marcha estratexias concretas como: asegurar a diversidade no liderado e nos órganos das institucións; asegurar a diversidade nos referentes a seguir dentro do mundo académico, tendo en consideración a calidade e non a cantidade da produción académica á hora de acceder a determinados postos; facer visibles os actos que supoñen unha clara discriminación e asegurar que os procesos competitivos sexan xustos axustando o seu deseño para garantir o acceso en verdadeiras condicións de igualdade.
Exemplos Exemplos famosos de mulleres na historia da ciencia inclúen:
Trótula: médica italiana que viviu entre o século XI e o XII, autora de obras que despois da súa morte comezaron a publicarse e atribuírse a autores masculinos. Para dar máis apoio á idea de autoría masculina, cuestionouse a propia existencia da autora. Rosalind Franklin: agora recoñecida como unha das principais responsables de descubrir a estrutura do ADN. Por este descubrimento, Francis Crick e James Dewey Watson recibiron o premio Nobel en 1962, e o traballo de Franklin non recibiu o debido recoñecemento. Franklin estaba morta cando se outorgou ese premio Nobel. Gerty Cori: traballou durante anos como axudante do seu marido a pesar de ter iguais cualificacións para o posto de profesor universitario. Harriet Zuckerman: como resultado do efecto Matilda, Zuckerman non aparecía como coautora no artigo de Robert K. Merton sobre o efecto Mateo. Mary Whiton Calkins: foi a inventora da técnica de aprendizaxe por asociación de pares, que consiste na asociación de dous elementos para mellorar o recordo dun deles, e nos que xoga un papel importante o estímulo sensorial. Tamén descubriu que a duración da exposición levou a unha mellor memoria. Estes descubrimentos, xunto co seu método de asociación vinculada, foron utilizados posteriormente por Georg Elias Müller e Edward B. Titchener sen dar ningunha credencia a Calkins. Marthe Gautier: agora Gautier é recoñecida polo seu importante papel no descubrimento da anormalidade cromosómica que causa a síndrome de Down, que fora atribuído exclusivamente a Jérôme Lejeune. Nettie Stevens: os seus estudos cruciais sobre invertebrados demostraron que o sexo dos organismos está determinado por cromosomas máis que por factores ambientais. Stevens influíu enormemente na transición da comunidade científica a esta nova liña de investigación, a determinación do sexo cromosómico. Non obstante, Thomas Hunt Morgan, un distinguido xenetista da época, xeralmente ten crédito para este descubrimento. A pesar do seu extenso traballo no campo da xenética, as contribucións de Stevens ao traballo de Morgan a miúdo son ignoradas. Programadoras do ENIAC: moitas mulleres contribuíron substancialmente ao proxecto, incluíndo Adele Goldstine, Kay McNulty, Betty Jennings, Betty Snyder, Marlyn Wescoff, Fran Bilas e Ruth Lichterman, pero na narrativa contemporánea do ENIAC non adoitan figurar agás contadas ocasións. No ensaio de Jennifer S. Light, When computers were women. faise unha análise da asociación da área de software como unha área menos tecnolóxica en comparación co ensalzamento dos aspectos do hardware e de enxeñaría aplicada do ENIAC. Segundo esta autora, que fai un traballo de contextualización do que significou a segunda guerra mundial no acceso a determinados postos do mercado de traballo ata o daquela reservados ós varóns, na construción desta narrativa os esforzos das traballadoras do ENIAC foron minimizados ao ser disociados dos logros e funcionamento da propia máquina. Considerábase que a tarefa de programación non implicaba o coñecemento do hardware, cando hai documentación que indica que si posuían estes coñecementos e que foron relevantes para o éxito das rutinas de programación.
Exemplos de científicos masculinos favorecidos por científicas femininas no premio Nobel
En 1903, Marie Curie (1867-1934) foi incluída no Premio Nobel de Física tan só pola insistencia dun membro do Comité do Premio Nobel que avogaba polas mulleres científicas, o matemático sueco Magnus Gösta Mittag-Leffler, e polo seu compañeiro premiado, e esposo Pierre Curie. Marie foi a primeira muller en recibir un Premio Nobel. Nunca foi admitida na Academia Francesa de Ciencias. En 1962 unha alumna súa, Marguerite Perey, foi a primeira muller admitida. En 1934, o Premio Nobel de Fisioloxía ou Medicina foi outorgado a George Whipple, George Richards Minot e William P. Murphy, quedando excluída Frieda Robscheit-Robbins. Whipple, recoñecendo a débeda con ela contraída e a inxustiza do premio, loouna e compartiu o premio con ela e mais dúas axudantes. Frieda Robscheit-Robbins foi coautora de case todas as publicacións de Whipple. En 1944, o Premio Nobel de física entregouse exclusivamente a Otto Hahn. Lise Meitner traballou con Hahn e estableceu os fundamentos teóricos da fisión nuclear e acuñou o termo fisión nuclear. Meitner non foi recoñecida polo comité Nobel polo seu xénero e en parte pola súa identidade xudía na Alemaña nazi. Foi afectada pola Lei de restauración do servizo profesional civil, que prohibía aos xudeus ocupar cargos relacionados co goberno, incluso como investigadores. Nun primeiro momento, a súa cidadanía austríaca protexeuna da persecución, pero fuxiu de Alemaña tras a anexión de Austria en 1938. En 1950, Cecil Powell recibiu o Premio Nobel de Física por desenvolver o método fotográfico para estudar procesos nucleares que resultou no descubrimento do pión (pi-Mesón). Marietta Blau foi pioneira neste campo. Erwin Schrödinger nomeouna ao galardón xunto con Hertha Wambacher, pero ambas foron excluídas. En 1956, dous físicos estadounidenses, Tsé-Tung Lee e Chen Ning Yang, prognosticaron a violación da lei de paridade na interacción débil e suxeriron un experimento para comprobalo. En 1957, Chien-Shiung Wu realizou o experimento necesario en colaboración co Instituto Nacional de Normas e Tecnoloxía e demostrou a violación da paridade no caso de emisións beta. O Premio Nobel de Física de 1957 concedeuse aos dous científicos, e Wu foi omitida. Recibiu o Premio Wolf en 1987 como recoñecemento ao seu traballo. En 1958, Joshua Lederberg compartiu o Premio Nobel de Fisioloxía e Medicina con George Beadle e Edward Tatum. Os microbiólogos Joshua Lederberg e a súa muller Esther Lederberg, xunto con Beadle e Tatum, desenvolveron un método de replicación, transferindo bacterias dun prato petri a outro, o que é vital para a comprensión actual da resistencia aos antibióticos. Non obstante, Esther Lederberg non foi recoñecida polo seu traballo vital neste proxecto de investigación; a súa contribución foi fundamental na aplicación da teoría. Ademais, non recibiu ningún recoñecemento polo seu descubrimento do fago lambda ou polos seus estudos sobre o factor de fertilidade que crearon as bases para futuras investigacións sobre xenética e bacterias. En 1974, Jocelyn Bell Burnell descubriu os primeiros púlsares. Por este descubrimento, o seu supervisor Antony Hewish e Martin Ryle foron galardoados co premio Nobel e ela quedou fóra. Esta omisión foi criticada por Fred Hoyle, fundador do Instituto de Astronomía de Cambridge.
Outros usos Aínda que o efecto Matilda foi acuñado para referirse á invisibilidade das mulleres no eido científico tamén foi empregado recentemente para falar da invisibilidade das fotógrafas galegas.
O fenómeno recorrente, ao longo da historia e na maioría das culturas, de ocultación das mulleres e referentes femininos en diferentes ámbitos da sociedade, especialmente os de maior prestixio foi acuñado como criptoxinia por Begonya Pozo e Carles Padilla, docentes da Universidade de Valencia. Ademais difundiron o termo publicamente por primeira vez o 5 de febreiro de 2020 nun artigo publicado nun diario dixital.
Proxectos para eliminalo En 2021 están activos varios proxectos para procurar eliminar este efectoː campañas de visibilización e asociacións de mulleres científicas entre eles. A inicios de 2021, a Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT) publicou a iniciativa #NoMoreMatildas.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Ligazóns externas O efecto Matilda en OpenCulture Nettie Stevens, un exemplo do efecto Matilda en Madame Châtelet y sus seguidoras en Instagram Campaña #No more Matildas Categoría:Socioloxía Categoría:Ciencia Categoría:Igualdade de xénero