Olivia Mary Manning, nada o 2 de marzo de 1908 e finada o 23 de xullo de 1980, foi unha novelista, poetisa e crítica británica. Os argumentos dos seus libros, ficticios e realistas, viraban ao redor de viaxes e odiseas persoais, ambientadas principalmente en Europa (sobre todo no Reino Unido e Irlanda) e Oriente Medio. Adoitaba escribir sobre experiencias propias e, en ocasións, apelaba tamén á imaxinación. Foi recoñecida polo seu ollo artístico e polas vívidas descricións presentes nos seus libros.

Durante a súa nenez, Manning viviu en Portsmouth e Irlanda, polo que adquiriu o que describiría como «a habitual sensación anglo-irlandesa de non pertencer a ningunha parte». Contraeu matrimonio con Reginald Smith («Reggie») en agosto de 1939, el era un conferenciante do British Council que posteriormente foi enviado a Bucarest (Romanía), e máis tarde a Grecia, Exipto e Palestina a medida que os nazis foron invadindo o leste de Europa. As súas experiencias neste tempo foron a base para a súa obra máis famosa, as seis novelas que forman The Balkan Trilogy e The Levant Trilogy, coñecidas como Fortunes of War. Os críticos catalogaron como irregular a calidade da súa produción en xeral, pero Anthony Burgess describiu esta serie en particular, publicada entre 1960 e 1980, como «a mellor constancia escrita ficticia da guerra que fora producida por un escritor británico».

Manning regresou a Londres despois da guerra e viviu alí até a súa morte; durante o resto da súa vida escribiu poesías, relatos curtos, escritos de non ficción, críticas e obras de teatro para a BBC. Tanto Manning como o seu esposo foron infieis, pero xamais contemplaron a posibilidade do divorcio. Manning tivo unha relación de amizade complicada coas escritoras Stevie Smith e Iris Murdoch, xa que Manning, insegura de si mesma, sentía celos do éxito das súas amigas. As súas queixas constantes sobre todo o que sucedía veñen reflectidas no seu sobrenome, «Olivia Moaning» («Olivia Queixas»), pero Reggie nunca fraqueou no seu papel como o principal admirador da súa esposa, confiado de que o seu talento finalmente sería recoñecido. Como ela temía, a verdadeira fama chegoulle despois da súa morte (ocorrida en 1980), cando se levou á televisión unha adaptación de Fortunes of War, en 1987.

Os libros de Manning recibiron pouca atención por parte da crítica. Como ocorreu durante a súa vida, as opinións están divididas, en particular as que se basean na súa caracterización e a súa descrición doutras culturas. As súas obras tenden a minimizar os problemas de xénero e non poden clasificarse facilmente como literatura feminista. Con todo, estudos recentes resaltaron a importancia de Manning como unha escritora de ficción bélica nun tempo en que o Imperio británico estaba en decadencia. As súas obras critican a guerra, o racismo, o colonialismo e o imperialismo, e abarcan temáticas de desprazamento e de alienación física e emocional.

Primeiros anos dereita|miniatura|Portsmouth Grammar School. Manning naceu en North End, Portsmouth, o 2 de marzo de 1908.Algunhas fontes datan o seu ano de nacemento en 1911, posiblemente debido ós coñecidos problemas de Manning coa súa idade. A biografía de Braybrooke e Braybrooke e o Oxford Dictionary of National Biography dan a data como 1908. O seu pai, Oliver Manning, foi un oficial naval que pasou de ser aprendiz naval a tenente comandante a pesar da falta de ensino formal. Cando tiña 45 anos de idade, nunha visita ao porto de Belfast, coñeceu a Olivia Morrow, a filla do dono dun bar, catorce anos menor que el; en menos dun mes contraeron matrimonio, en decembro de 1904, na igrexa presbiteriana da súa cidade natal, Bangor, Condado de Down.

Manning adoraba ao seu animado, atractivo e mullereiro pai, quen entretiña aos seus amigos cantando óperas de Gilbert e Sullivan e recitando poesías que memorizara durante as longas viaxes polo mar. Pola contra, a súa nai era mandona e dominante, con «unha mente tan ríxida coma o ferro», e tiña pelexas co seu marido constantemente. A relación entre a nai e a filla, ao principio cálida, volveuse tirante despois do nacemento do irmán de Manning, Oliver, en 1913. El era delicado e con frecuencia estaba enfermo, polo que pasou a ser o centro da atención materna, situación que foi un gran desgusto para Olivia, quen realizou numerosos intentos infantís para magoalo. Esta infancia infeliz e insegura deixou unha marca duradeira en Olivia que se plasmaría na súa obra e a súa personalidade.

Manning foi a unha pequena escola privada para señoritas antes de mudarse ao norte de Irlanda en 1916, no primeiro de varios períodos que pasaría alí mentres o seu pai estaba no mar. En Bangor foi á Bangor Presbyterian School, e en Portsmouth á Lyndon House School e posteriormente á Portsmouth Grammar School, onde desenvolveu, segundo ela mesma, «a habitual sensación anglo-irlandesa de non pertencer a ningunha parte». Os seus compañeiros na escola describírona como unha moza tímida e propensa ás perrenchas, e a súa tendencia a contar fachendosas esaxeracións sobre a súa familia conduciuna ao ostracismo na clase. Apoiada polo seu pai, Manning lía e escribía moito, cunha marcada preferencia cara ás novelas, e en especial as de H. Rider Haggard. A súa nai non apoiou a súa afección pola lectura e a escritura e confiscou o material que consideraba inaxeitado; cando descubriu á súa filla lendo o Times Literary Supplement díxolle que «aos mozos non lles gustan as mulleres que len periódicos como ese», e aconselloulle que se centrara en actividades que a axudaran a conseguir traballo, tales como a mecanografía.

De feito, cando as circunstancias económicas obrigaron a Manning a abandonar a escola con dezaseis anos de idade, comezou a traballar como mecanógrafa e pasou un tempo como axudante nun salón de beleza. Tomou clases nocturnas na Escola Municipal de Arte de Portsmouth, onde un compañeiro describiuna como intelectual e distante. En maio de 1928, unha pintura súa foi seleccionada para unha exhibición en Southsea e posteriormente ofrecéuselle presentar unha exhibición como artista única. Manning parecía destinada a ter unha carreira como artista, pero ao mesmo tempo seguía tendo interese na literatura, e aos vinte anos de idade decidiu ser escritora. O seu ollo artístico demostraríase máis tarde a través das intensas descricións de paisaxes presentes nos seus libros.

Principios da súa carreira As primeiras obras publicadas de Manning foron tres novelas de detectives en forma de serie, Rose of Rubies, Here is Murder e The Black Scarab, que apareceron no Portsmouth News desde 1929 baixo o pseudónimo de Jacob Morrow. Manning non se acreditou estes libros até a década de 1960; as súas datas de publicación poderían revelar a súa idade, un segredo que lle escondía mesmo ao seu esposo. Entre 1929 e 1935 escribiu ao redor de vinte relatos curtos, que incluían unha historia de terror que foi a primeira obra publicada co seu propio nome, aínda que utilizou iniciais para ocultar o seu xénero. Manning tamén escribiu dúas novelas literarias, ningunha das cales foi aceptada para a súa publicación. Con todo, Edward Garnett, editor literario de Jonathan Cape, quedou impresionado co segundo manuscrito e pediulle ao seu asistente Hamish Miles que escribise a Manning unha nota de ánimo. Miles, un conselleiro literario respectado e ben relacionado, convidou a Manning a visitalo se algunha vez viaxaba a Londres. Manning, que se sentía sufocada en Portsmouth, xa tentara mudarse á capital, pero o seu encontro con Miles axudouna a decidirse. Logrou conseguir un posto como mecanógrafa na tenda de departamentos de Peter Jones e, a pesar da oposición da súa nai, mudouse a un apartamento pequeno en Chelsea.

Con pouca comida e diñeiro, Manning pasaba varias horas escribindo despois do traballo. Miles tomouna baixo o seu coidado e levábaa a cear, conversaba con ela sobre literatura, contáballe as noticias recentes e dáballe un apoio moral ao que non estaba afeita. Miles era un home casado e tiña dous fillos, pero contoulle a Manning que a súa esposa era inválida e xa non podía soportar o sexo; pronto se fixeron amantes. Manning máis tarde lembraría que «o sexo para ambos era o que lle daba o encanto motivador á vida».

Un caso de erro de identidade, relacionado cunha artista con nome parecido, levou a Manning a conseguir un emprego mellor remunerado como anticuaria nunha tenda de mobles, onde traballou durante máis de dous anos. Durante o seu tempo libre continuou escribindo; describiu esta etapa como «unha das tempadas máis felices» da súa vida. Co apoio de Miles completou unha novela, The Wind Changes, publicada por Jonathan Cape en abril de 1937. A novela, ambientada en Dublín en xuño de 1921 durante o conflito de Irlanda do Norte, trata sobre unha muller que debe debaterse entre un patriota irlandés e un escritor inglés que apoia aos republicanos. Tivo unha boa recepción e un crítico comentou que «a novela mostra unha esperanza infrecuente». Pouco despois Miles descubriu que tiña un tumor cerebral inoperable e desapareceu da vida de Manning. Dado que a aventura romántica mantívose en segredo, custoulle moito atopar información sobre el e non puido pagar a viaxe para visitalo no hospital de Edimburgo onde agonizaba. Perdeu o seu emprego en Peter Jones e comezou a traballar cun bo soldo na Medici Society, pero foi despedida cando se negou a acatar a orde do seu xefe de abandonar a escritura de novelas durante a noite para conservar a enerxía para o traballo diúrno. Manning obtivo outro traballo, como encargada de avaliar o potencial que tiñan as novelas novas para converterse en películas para Metro-Goldwyn-Mayer, pero para a época en que logrou aforrar cartos abondo para unha viaxe a Edimburgo, Miles estaba demasiado enfermo para vela. Faleceu en decembro de 1937.

Miles non adoitaba presentarlle aos seus amigos do mundo literario, pero antes da súa morte viuse obrigado a presentarlle a Manning á poetisa Stevie Smith. Ambas se compenetraron inmediatamente e gozaron dos seus paseos para explorar os canellóns de Londres, con saídas regulares a museos, cines e visitas ao fogar en Palmers Green que Smith compartía cunha tía excéntrica. Segundo un amigo de ambas, Manning atopaba na casa de Smith «unha atmosfera de seguridade e comodidade que debe facer que a súa habitación en Oakley Street parecese aínda máis fría e raída». O novelista e crítico Walter Allen coñeceu a Manning en 1937 e observou que tiña un enxeño «devastador» e que era «unha moza formidable como calquera en Londres». Manning e Smith, engadiu, eran un malicioso par de esnobs.

Matrimonio e Romanía En xullo de 1939, Walter Allen presentou a Manning o marxista R. D. «Reggie» Smith. Reggie era un home enerxético de gran tamaño, posuído por un constante desexo de estar en compañía doutros. Fillo dun fabricante de ferramentas de Mánchester, estudara na Universidade de Birmingham, onde fora influenciado polo poeta esquerdista Louis MacNeice e fundara a Sociedade Socialista de Birmingham. Segundo a organización de intelixencia británica MI5, Reggie fora recrutado como un espía comunista por Anthony Blunt nunha visita á Universidade de Cambridge en 1938.