Pier Maria Baldi, tamén coñecido coma Piero Maria Baldi, nado en Florencia en 1630 e finado na mesma cidade o 9 de novembro de 1686, foi un arquitecto e pintor barroco italiano, acompañante de Cosimoe III de Medici, na viaxe que realizou polos Países Baixos, Francia e a Península Ibérica, incluída Galiza, entre 1668 e 1669, da cal deixou un rico conxunto de debuxos con vistas panorámicas das cidades e lugares polos que pasou.
Traxectoria Seguidor e quizais discípulo de Baldassare Franceschini, chamado il Volterrano, gozou da protección dos Médici. En 1667 o gran duque Fernando II de Médici escribiu a Gian Lorenzo Bernini recomendando a Baldi, a quen presentaba coma mozo florentino «assai ben avanzato nel disegno en el colorito», para que o axudase nos estudos de pintura e arquitectura que se propuña realizar en Roma. Un ano despois viaxou pola Península Ibérica e Francia no séquito de Cosimo III de Medici, herdeiro do Gran Ducado de Toscana. Baldi debuxou á augada sepia vistas panorámicas de cada unha das poboacións en que parou a comitiva para acompañar o relato da viaxe, redactado por Lorenzo Magalotti. Conservados en dous volumes gardados na Biblioteca Mediceo-Laurenciana de Florencia, os rápidos esbozos de Baldi, nos cales se evidencia a súa formación como arquitecto, superan en realismo e capacidade descritiva a narración oficial da viaxe realizada por Magalotti.
No que respecta a Galiza, unha edición facsímile corada áchase no Arquivo Municipal da Coruña. Antonio Bonet Correa salienta o carácter excepcional que teñen as vistas das cidades galegas, sendo as acuarelas de Baldi os únicos testemuños debuxados ou pintados que se conservan da Idade Moderna. A propia vista da Coruña inspirou o mural de Urbano Lugrís realizado na década de 1950 e declarado Ben de Interese Cultural en 2017. Alén disto, Baldi foi un dos primeiros autores que representou o escudo de Galiza coa cruz de Santiago acolada, fórmula que perdurou até o século XX.
miniatura|centro|upright=3|Cidade de Tui, acuarela de Pier Maria Baldi, 1669.Embaixo á esquerda debúxase o propio artista esbozando en vivo.
Son estes debuxos o máis salientábel da súa obra, na realidade escasa e mal coñecida. En 1680 foi nomeado capataz das obras granducais en Pisa e Livorno, mais do seu traballo como arquitecto tan só se coñece a construción dunha fonte monumental deseñada por el na praza de Santa Croce de Florencia, remodelada no século XIX. Da súa pintura, perdido o retrato do cardeal Leopoldo de Médici do cal hai rexistro documental, resta a pintura dun altar coa Virxe do Rosario e santo Domingo na igrexa suprimida de Santo Domingo al Maglio e un fresco co bautismo de santo Agustín no claustro de Santo Spirito.
Galería de imaxes
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas
Categoría:Nados en Florencia Categoría:Nados en 1630 Categoría:Finados en 1686 Categoría:Pintores de Italia Categoría:Arquitectos de Italia do século XVII