O encoro da Castellana é un encoro que se acha no curso alto do río Mandeo, entre as parroquias de Vilarraso e Curtis, dos concellos de Aranga e Curtis, na provincia da Coruña, asolagando tamén terras da parroquia de Foxado (Curtis). Próximo ó lugar da Castellana (Vilarraso), foi construído para aproveitamento hidroeléctrico.

Verte as súas augas nel o río de Portabenza.Folla 46-IV titulada Guitiriz do ano 2001 do Mapa Topográfico Nacional de España a escala 1:25000.

Historia e características A súa capacidade é duns 90.000 m³. De estrutura recta e perfil de gravidade, posúe 7,5 metros de alto e 20 de longo. A auga é canalizada até a cámara de carga, que a descarga na minicentral mediante tres tubos de formigón armado de 37 m de lonxitude. Non posúe dispositivo ningún para o remonte dos peixes e ten estabelecido un caudal ecolóxico de 0,85 m³/s durante todo o ano. Nas augas represadas, cuxas ribeiras conforman un bosque de bidueiros e amieiros, pódense observar diferentes aves acuáticas como o lavanco e o mergullón pequeno durante todo o ano, mentres durante as épocas de invernada a cerceta, a garza real, o corvo mariño real e a narcexa. Entre as especies ictiolóxicas destaca a reñosa.

O encoro comezou a funcionar en 1944 e foi o 13 de agosto de 1945 cando o Ministerio de Obras Públicas autorizou a derivación dun caudal de 1,5 m³/s para a produción de electricidade. Estivo en funcionamento até 1970, xerando enerxía para lugares próximos como Teixeiro, Vilardois, Vilarraso, A Reborica e Estraviz.

Entrou de novo en funcionamento en 1991. Orixinalmente concedida a Fenosa, foi xestionada por Minicentrales M.N., o que fixo que a asociación de pesca Río Mandeo denunciase a compañía por captación ilícita de auga e delito ecolóxico. Tamén denunciou o escaso caudal ecolóxico, que non atinxía os 0,05 m³/s.

Posteriormente, a empresa Navarro Generación levou a explotación do encoro. O grupo Eufer, alianza de Enel e Unión Fenosa, e disolvido en 2010, foi o titular da concesión cun caudal de 6 m³/s e unha potencia instalada de 1300 kW.

O 4 de xullo de 1999, dous excursionistas morreron após a abertura das comportas da central e a subida repentina do caudal do río. Doce anos despois, o xuízo contra os acusados, o monitor da excursión e os encargados da central, finalizou sen condena.

En 2016 rematou a concesión hidráulica e entrouse nunha fase de información de compatibilidade co plan hidrolóxico da bacía. O 19 de marzo de 2021, o BNG celebrou un acto reivindicativo na minicentral da Castellana mediante o cal reclamou que a minicentral ―xunto con outras en trámite de extinción das concesións― pasase a ser de xestión pública.

En 2020, para a mellora e ampliación do fornecemento de auga á localidade de Teixeiro, así como ó polígono industrial de Curtis-Teixeiro e ó centro penitenciario de Teixeiro, anunciouse a execución da captación e bombeo de auga desde o encoro. Un edificio de bombeo permitirá captar 0,08 m³/s (ampliábel a 0,13) e estará conectado mediante unha tubaxe de impulsión de 3,6 km de lonxitude á estación de tratamento de auga potábel (ETAP) existente no polígono industrial.

Galería de imaxes

Notas

Referencias

Véxase tamén

Outros artigos Encoros de Galiza Ligazóns externas

Castellana Categoría:Aranga Categoría:Curtis Categoría:Río Mandeo