Dame Jocelyn Barbara Hepworth DBE, nada en Wakefield o 10 de xaneiro de 1903 e finada en St Ives o 20 de maio de 1975 foi unha escultora e artista inglesa. A súa obra é un exemplo do modernismo e particularmente a escultura moderna. Foi unha das poucas artistas femininas da súa xeración que acadou prominencia internacional.Gale, Matthew "Artist Biography: Barbara Hepworth 1903–75" Consultado o 31 de xaneiro de 2014. Xunto con artistas como Ben Nicholson e Naum Gabo, Hepworth foi unha figura líder da colonia de artistas que residía en St Ives durante a segunda guerra mundial.

Traxectoria Primeiros anos Jocelyn Barbara Hepworth naceu en 1903 en Wakefield, West Riding of Yorkshire, como a filla máis vella de Gertrude e Herbert Hepworth.Barbara Hepworth: Biography. Hepworth Estate. Consultado o 31 de xaneiro de 2014 O seu pai era enxeñeiro civil para West Riding County Council, e en 1921 converteuse en County Surveyor. Hepworth asistiu á Wakefield Girls' High School, onde recibiu premios de música aos doce anos, como indica Sophie Bowness en "Rhythm of the Stones: Barbara Hepworth and Music" e gañou unha bolsa para estudar en Leeds School of Art a partir de 1920. Foi alí onde coñeceu ao seu compañeiro Henry Moore. Fixéronse amigos e trabaron unha rivalidade amigable que durou moitos anos. Hepworth foi a primeira que esculpiu as figuras furadas características da obra de ambos. Eles lideraron o camiño ao modernismo en escultura.

A pesar de intentar gañar unha posición nun ambiente dominado polos varóns, Hepworth logrou unha bolsa para asistir á Royal College of Art (RCA) de Londres, onde estudou dende 1921 ata que obtivo o seu diploma en 1924.

Inicio da carreira Tralos seus estudos en RCA, Hepworth viaxou a Florencia en 1921, cunha bolsa de West Riding. Hepworth tamén foi finalista do Prix-de-Rome, que gañou o escultor John Skeaping. Logo de viaxar con el a Siena e Roma, ambos casaron o 13 de maio de 1925 en Florencia. En Italia, Hepworth aprendeu a tallar o mármore con Giovanni Ardini. Hepworth e o seu home volveron a Londres en 1926, exhibindo as súas obras no seu piso. En 1929 naceu en Londres o seu fillo Paul.

Os seus primeiros traballos estaban interesados na abstracción e os movementos artísticos do continente. En 1933, viaxou con Ben Nicholson a Francia, onde visitaron os estudos de Jean Arp, Pablo Picasso e Constantin Brâncuşi. Hepworth involucrouse máis tarde no movemento artístico con base en París, Abstraction-Création.<"Abstraction-Création". Encyclopædia Britannica. Consultado o 31 de xaneiro de 2014. En 1933, cofundou o movemento Unit One con Nicholson e Paul Nash, o crítico Herbert Read e o arquitecto Wells Coates.Paul Nash: Modern artist, ancient landscape: Room guide: Unit One: 'A Contemporary Spirit' . Tate Liverpool. Consultado o 31 de xaneiro de 2014. O movemento buscaba unificar surrealismo e abstracción na arte británica.

Hepworth tamén axudou a dar a coñecer artistas continentais entre o público británico. En 1937 fixo o deseño de Circle: An International Survey of Constructivist Art, libro de 300 páxinas sobre os artistas construtivistas publicado en Londres e editado por Nicholson, Naum Gabo e Leslie Martin.Barbara Hepworth: Single Form 1961 . Peggy Guggenheim Collection, Venice. Consultado o 31 de xaneiro de 2014.

Hepworth casou con Nicholson o 17 de novembro de 1938 no rexistro de Hampstead, ao norte de Londres, despois de que este se divorciase da súa esposa Winifred.Bowness, Alan ([n.d.]). Life and Work . Hepworth Estate. Consultado o 31 de xaneiro de 2014. A parella tivo trixéminos en 1934, Rachel, Sarah e Simon. Rachel e Simon convertéronse tamén en artistas. A parella divorciouse en 1951.Riggs, Terry "Artist Biography: Ben Nicholson OM 1894–1982" Tate, Consultado o 29 de xaneiro de 2014.

St Ives Hepworth, Nicholson e os seus tres fillos foron a vivir a Cornualla co inicio da segunda guerra mundial en 1939.About Barbara Hepworth Museum and Sculpture Garden. Tate St Ives. Consultado o 31 de xaneiro de 2014. Hepworth viviu nos estudios de Trewyn en St Ives dende 1949 ata a súa morte en 1975. Dixo que "descubrir o estudio de Trewyn foi unha especie de maxia. Aquí había un estudio, un patio e un xardín onde podía traballar ao aire libre e espazo". St Ives convertérase nun refuxio para moitos artistas durante a guerra. O 8 de febreiro de 1949, Hepworth e Nicholson cofundaron a Penwith Society of Arts en Castle Inn; dezanove artistas foron membros fundadores, incluíndo Peter Lanyon e Bernard Leach.Penwith Society. Cornwall Artists Index. Consultado o 31 de xaneiro de 2014.

Hepworth foi tamén unha debuxante habilidosa. Despois de que a súa filla Sarah fose hospitalizada en 1944, trabou amizade co cirurxián Norman Capener. Por invitación de Capener, asistiu a procedementos cirúrxicos e entre 1947 e 1949 creou preto de oitenta debuxos de salas de operacións en xiz, tinta e lapis. Hepworth estaba fascinada polas semellanzas entre cirurxiáns e artistas, afirmando: "Hai, paréceme, unha afinidade próxima entre o traballo e a estratexia dos médicos e os cirurxiáns, e os pintores e escultores".

En 1950, a obra de Hepworth foi exhibida no pavillón británico da XXV Bienal de Venecia xunto con traballos de Matthew Smith e John Constable. A Bienal de 1950 foi a última en que se exhibiron artistas contemporáneos británicos xunto con artistas do pasado. Dous encargos públicos, Contrapunctal Forms e Turning Forms, se expuxeron no Festival of Britain de 1951.

Durante este período, Hepworth cambiou de traballar só en pedra e madeira para traballar tamén con bronce e arxila. Hepworth empregou habitualmente o seu xardín en St Ives, que deseñou co seu amigo o compositor Priaulx Rainier, para ver os bronces de grande escala.

Morte do seu fillo O seu fillo máis vello, Paul, faleceu o 13 de febreiro de 1953 nun accidente de avión mentres servía na Royal Air Force en Tailandia.Stephens, Chris (1998). Dame Barbara Hepworth: Two Figures (Heroes) 1954. Tate. Consultado o 31 de xaneiro de 2014. Na igrexa parroquial de St Ives existe un memorial na súa memoria, Madonna and Child.

Esgotada, en parte pola morte do seu fillo, Hepworth viaxou a Grecia coa súa amiga Margaret Gardiner en agosto de 1954. Visitaron Atenas, Delfos e moitas illas do Exeo.

Cando Hepworth volveu a St Ives, descubriu que Gardiner lle enviara un gran cargamento de madeira de guarea nixeriana. A pesar de que só recibiu un tronco, Hepworth viu que a carga dende Nixeria ata os peiraos de Tilbury era de dezasete toneladas. Entre 1954 e 1956 Hepworth esculpiu seis pezas coa madeira de guarea, moitas delas inspiradas pola súa viaxe a Grecia, como "Corinthos" (1954) e "Curved Form (Delphi)" (1955).

Últimos anos A artista incrementou enormemente o espazo do seu estudio cando adquiriu o Palais de Danse, estudio de cinema e danza ao outro lado da rúa en Trewyn en 1960. Empregou este novo espazo para traballar en encargos a grande escala.Bowness, Sophie. St Ives. Hepworth Estate. Consultado o 31 de xaneiro de 2014.

Hepworth tamén experimentou coa litografía ao final da súa carreira. Creou dúas series litográficas coa Curwen Gallery e o seu director Stanley Jones, unha en 1969 e outra en 1971.Behrman, Pryle. "Fifty Years at the heart of British Printmaking" Consultado o 31 de xaneiro de 2014. A primeira titulouse "The Aegean Suite" (1971) e estaba inspirada pola viaxe a Grecia en 1954 con Margaret Gardiner. A artista tamén creou unha serie de litografías titulada "Opposing Forms" (1970) coa Marlborough Fine Art de Londres.

Barbara Hepworth faleceu nun incendio accidental no seu estudio de Trewyn o 20 de maio de 1975 aos 72 anos.

Recoñecemento Hepworth recibiu en 1959 o Grand Prix da Bienal de São Paulo. Tamén recibiu o premio Freedon de St Ives en 1968 como recoñecemento das súas fundamentais contribucións á cidade. Recibiu graos honoríficos de Birmingham (1960), Leeds (1961), Exeter (1966), Oxford (1968), Londres (1970) e Manchester (1971). Foi nomeada CBE en 1958 e DBE en 1965. En 1973 foi elixida membro honoraria da American Academy of Arts and Letters.Deceased Members: Deceased Foreign Honorary Members . American Academy of Arts and Letters. Consultado o 31 de xaneiro de 2014.

Trala súa morte, o seu fogar e estudio en St Ives converteuse no Barbara Hepworth Museum, que dende 1980 está baixo control da Tate.

En 2011 abriu The Hepworth Wakefield no seu fogar de Wakefield. O museo foi deseñado polo arquitecto David Chipperfield.

En xaneiro de 2015 anunciouse que a Tate Britain ía organizar a primeira grande exposición en Londres da obra de Hepworth dende 1968. Traería máis de 70 das súas obras, incluíndo as principais tallas e bronces polas que é célebre. Incluiría tamén fotografías inéditas do arquivo de Hepworth, como un autorretrato en fotograma creado na década de 1930 e collages fotográficos experimentais.

Galería

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas Páxina oficial Barbara Hepworth na Tate Collection Barbara Hepworth's Sculpture Records, 1925–1975

Categoría:Personalidades da escultura Categoría:Nados en Yorkshire Occidental Categoría:Nados en 1903 Categoría:Finados en 1975