Passo Fundo é un municipio brasileiro no norte de Rio Grande do Sul, que até 2017 formaba parte da mesorregião do Noroeste Rio-Grandense e da microrregião do Passo Fundo.As denominacións oficiais mudaron en 2017. É o municipio máis poboado do norte do Estado. Desde 2006 posúe o título de «Capital Nacional da Literatura».
Toponimia O nome de Passo Fundo procede dun antigo lugar de paso sobre o río Passo Fundo, empregado inicialmente polos pobos indíxenas e, posteriormente, polos tropeiros que atravesaban a rexión. O río era fondo e caudaloso e só podía cruzarse con seguridade nalgúns puntos; un destes lugares, situado nas proximidades da actual avenida Brasil, pasou a ser coñecido como o passo fundo, denominación que acabou aplicándose tamén ao río e ao asentamento que se formou na zona.
Segundo a documentación municipal, o curso de auga recibiu anteriormente nomes indíxenas en tupí-guaraní como Goyo-en, Curiti e Uruguai-Mirim.
O territorio tamén foi coñecido en distintas épocas por denominacións como Santa Tereza, Vacaria dos Pinhais, Nossa Senhora da Conceição de Passo Fundo e Passo Fundo das Missões, antes de consolidarse o nome actual. A cidade tamén é coñecida como a "Capital do Planalto Meio", a "Capital do Norte" e, oficialmente, "Capital Nacional da Literatura".
Economía e demografía É un dos principais centros urbanos do norte do Río Grande do Sur, un importante centro de actividade sanitaria e industrial (coñecido pola produción de software e biodiésel) e agroindustrial, e exerce como polo rexional de servizos e educación.
Segundo o censo de 2022 do Instituto Brasileiro de Geografia e Estatística (IBGE), tiña 206.215 habitantes; en 2025 a súa poboación incermentouse até os 214.811 habitantes. O municipio abrangue unha superficie de 784 km², polo que a súa densidade de poboación é duns 274 habitantes por km².
Na década de 2020, a taxa de escolarización da poboación de entre 6 e 14 anos é do 97%.
O Índice de Desenvolvemento Humano Municipal (IDHM) era de 0,776 segundo os datos de 2010.
En 2025, a mortalidade infantil situábase en 10,93 mortes por cada 1.000 nados vivos.
En 2023, o produto interior bruto por habitante era de R$ 68 227,53.
Literatura En 2006, a Lei federal n.º 11.264 concedeu oficialmente a Passo Fundo o título de «Capital Nacional da Literatura». A propia lei relaciona a distinción coa condición da cidade como sede da Jornada Nacional de Literatura. A Jornada Nacional de Literatura de Passo Fundo iniciouse en 1981, promovida pola Universidade de Passo Fundo e o goberno municipal, e converteuse nunha das principais iniciativas culturais da cidade dedicadas ao libro e á formación de lectores.
O Premio Passo Fundo Zaffari & Bourbon de Literatura foi un premio literario destinado a distinguir obras de narrativa novelística publicadas orixinalmente en lingua portuguesa. Foi concedido cada dous anos entre 1999 e 2013.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Río Grande do Sur
Ligazóns externas Sitio web oficial do municipio.
Categoría:Cidades do Río Grande do Sur