A extraversión é un dos trazos ou dimensións fundamentais da personalidade humana máis recoñecidos e estudados na psicoloxía contemporánea. Define o grao no que un individuo é sociable, asertivo, enérxico e propenso a buscar a compañía de outros, así como a súa tendencia a experimentar emocións positivas e entusiasmo ante os estímulos do mundo exterior.

A diferenza do uso coloquial do termo, que a miúdo redúcese á mera facilidade para conversar ou á simpatía, a psicoloxía científica define a extraversión a través dun enfoque dimensional continuo. No polo oposto deste espectro sitúase a '''introversión'''. Así, as persoas non se dividen en dúas categorías pechadas, senón que se distribúen ao longo dun gradiente no que a maioría da poboación se sitúa en niveis intermedios (un perfil coñecido como ambiversión). A distinción principal entre ambos os polos radica na fonte e a canle de xestión da enerxía psicolóxica: mentres que os extravertidos se "recargan" mediante a interacción social e o dinamismo contorno, os introvertidos prefiren contornas de baixa estimulación e precisan momentos de soidade para recuperar a súa enerxía.

O concepto de extraversión foi introducido orixinalmente na psicoloxía moderna por Carl Jung a principios do século XX, quen a concibiu desde unha perspectiva psicodinámica centrada na dirección da enerxía psíquica (cara ao obxecto externo ou cara o propio suxeito). Posteriormente, o trazo foi reformulado desde enfoques cuantitativos e psicométricos por autores como Hans Eysenck e, máis tarde, por Paul Costa e Robert McCrae, quen o consolidaron coma un dos cinco eixes do modelo dos cinco grandes.

Características e facetas da extraversión As persoas que obteñen puntuacións elevadas en extraversión tenden a manifestar unha actitude optimista, un estilo de comunicación asertivo e unha busca constante de acción e dinamismo. Son individuos que prefiren formar parte de grupos grandes, gozan sendo o centro de atención e amosan unha clara preferencia pola novidade e o movemento contorno. Pola contra, os individuos con puntuacións baixas (introvertidos) non teñen por que ser necesariamente asociais ou tímidos; simplemente prefiren círculos sociais máis reducidos, son máis reflexivos antes de falar e prefiren actividades de menor intensidade estimulante.

No ámbito da psicometría contemporánea, seguindo o modelo de Paul Costa e Robert McCrae a través do test NEO-PI-R,a extraversión subdividese en seis facetas ou subclases que permiten trazar un perfil exacto do suxeito;

Cordialidade ou calidez: Mide o grao de afectuosidade, proximidade e interese sincero cara aos demais. As persoas altas nesta faceta son amigables, cariñosas e fan amigos con facilidade. Gregarismo: Refírese á preferencia pola compañía de outras persoas antes que pola soidade. Indica o moito que un individuo goza das reunións sociais, as festas e os ambientes concorridos. Asertividade: Avalía a capacidade para expresar opinións, desexos, sentementos sen complexos. Os extravertidos asertivos tenden a liderar os grupos, falan con firmeza e dirixen as situacións sociais con facilidade. Actividade: Describe o ritmo de vida e a necesidade de movemento do individuo. Puntuacións altas indican persoas enérxicas, rápidas, que manteñen horarios ocupados e que prefiren acción fronte á quietude. Busca de emocións: Mide o desexo de experimentar estímulos fortes, riscos e aventuras. Os individuos con alta puntuación nesta facera abúrrense rapidamente coa rutina e requiren fontes de excitación externas constantes (coma viaxes improvisadas ou deportes de risco). Emocións positivas: Avalía a tendencia a experimentar ledicia, entusiasmo e optimismo de forma habitual. As persoas altas nesta faceta rin de forma habitual e celebran os logros de forma moi expresiva.

Bases neurobiolóxicas da extraversión A extraversión conta cunha das bases biolóxicas máis estudadas e contrastadas dentro da neurociencia da personalidade. A diferenza dos enfoques puramente ambientais, as investigación con neuroimaxe funcional demostraron que o cerebro das persoas extravertidas procesa os estímulos, os riscos e as relacións sociais de forma diferente ao das persoas introvertidas.

O sistema de recompensa e a dopamina O mecanismo neuroquímico central que explica a extroversión é o "sistema de recompensa mesolímbico", un circuíto neuronal regulado principalmenre polo neurotransmisor da dopamina. Este sistema encárgase de xerar sensacións de pracer, motivación e entusiasmo ante a expectativa de acadar un logro, un estátus social, comida ou parella.

As investigacións amosan que as persoas extravertidas posúen unha maior sensibilidade e reactividade nas súas vías dopaminérxicas. Isto significa que o seu cerebro libera máis dopamina e reacciona con moita máis intensidade ante a posibilidade de obter recompensas externas (especialmente de tipo social, como o recoñocemento, as festas ou o éxito laboral). Esta diferenza biolóxiva é a que os impulsa a buscar de forma activa a estimulación e a compañía de outros, xa que ditas situacións lles resultan inherentemente máis pracenteiras que a un introvertido.

O modelo de activación cortical de Eysenck Antes do desenvolvemento das técnicas modernas de resonancia magnética, o psicólogo Hans Eysenck propuxo unha das teorías biolóxicas máis influentes da personalidade, coñecida como a "teoría da activación cortical". Eysenck postulou que a extraversión estaba determinada polo funcionamento do Sistema de Activación Reticular Ascendente (SARA), unha estrutura do tronco encefálico que regula os niveis de alerta e espertar ("arousal") do cerebro.

Segundo este modelo:

-O cerebro dos introvertidos presenta un nivel de activación cortical basal crónicamente elevados. Ao estar xa moi estimulados internamente, evitan as contornas ruidosas ou concorridas porque os desbordan con facilidade (sobreestimulación).

-O cerebro dos extravertidos presenta un nivel de activación cortical basal máis baixo. Ao estar infraestimulados por natureza, precisan buscar de forma activa estímulos fortes, ruído, acción e interacción social no mundo exterior para acadar un nivel óptimo e cómodo de alerta cerebral.

Estudos posteriores con neuroimaxe confirmaron en gran parte esta hipótese, amosando que os extravertidos presentan tamén un menor fluxo sanguíneo en áreas coma a cortiza orbitofrontal e a cortiza insular en estado de repouso, o que require unha maior dose de novidade e estimulación ambiental para activarse de xeito óptimo.

Perspectiva evolutiva da extraversión Dende o enfoque da psicoloxía evolucionista, as diferenza individuais na extraversión explícanse a través do mecanismo de selección balanceada, concretamente mediante o equilibrio de custos e beneficios adaptativos. Baixo esta perspectiva, ningún nivel do trazo é evolutivamente superior ao outro, senón que ambas as estratexias (alta e baixa extraversión) presentan ventaxes e inconvenientes dependendo do contexto ambiental.

Beneficios adaptativos Os individuos con alta extravisión presentan claras vantaxes en termos de éxito reproductivo e acceso a recursos:

-Éxito de apareamento: Aos seres máis sociais e asertivos, os extravertidos tenden a conseguir un maior número de parellas sexuais e a iniciar relacions con maior facilidade.

-Exploración da contorna : A súa motivación cara á recompensa impúlsanos a explorar novos territorios,buscar alianzas sociais e liderar grupos, o que historicamente facilitaba a adquisición de status e bens materiais

-Redes de apoio: Mostran unha maior capacidade para crear redes sociais amplas que empreganse de protección en momentos de crise.

Custos adaptativos Porén, estas ventaxes supoñen riscos significativos que actúan coma contrapeso evolutivo:

-Exposición a perigos físicos: Debido á súa necesidade de estimulación constante e á súa alta busca de emocións, as ersoas extravertidas sofren de maneira estatísticamente significativa máis accidentes, lesións físicas e exposición a situacións ambientais perigosas.

-Inestabilidade familiar: O mesmo impulso facilita a procura de novas parellas pode traducirse en niveis máis altos de infidelidade, rupturas de parella e conflitos familiares, afectando á estabilidade do coidado parental.

-Custos enerxéticos: Manter un nivel de actividade física e sociais constante supón un elevado desgaste metabólico e inmunolóxico en comparación co perfil reflexivo e aforrador dos introvertidos.

Estabilidade e cambios normativos ao longo do ciclo vital A investigación en psicoloxía de personalidade amosa que a extraversión combina unha alta estabilidade de orde clasificatoria (estabilidade relativa) cun patrón de cambio normativo ao longo do desenvolvemento humano. Isto significa que, aínda que a posición dun individuo en comparación co seu grupo de idade tende a manterse constante co paso dos anos, os niveis absolutos do trazo varían de xeito predicible segundo as diferentes etapas vitais.

O principio de maduración Ao longo do ciclo vital, a extraversión experimenta unha evolución vinculada ao chamado "principio de maduración" da personalidade. Porén as súas facetas non evolucionan da mesma maneira:

-Aumento na mocidade: Durante a adolescencia e o inicio da idade adulta, as facetas de asertividade, dominancia social e iniciativa económica tenden a aumentar significativamente coincidindo coa necesidade de independizarse, buscar parella e acceder ao mercado laboral.

-Descenso gradual na vellez: A partir dos 30 anos, e especialmente ao entrar na vellez, as facetas ligadas á vitalidade social, á necesidade de gregarismo e á busca de emocións fortes experimentan un descenso gradual. Biolóxicamente, isto asóciase cunha redución natural dos niveis de dopamina e da enerxía física.

Estabilidade a longo prazo Malia estes cambios nos niveis medios, os estudos lonxitudinais confirman que a extraversión é un dos trazos máis estables no tempo. Se un individuo é o máis extravertido do seu grupo de amigos aos 20 anos, as probabilidades estatísticas indican que seguirá sendo o máis extravertido do seu grupo aos 70 anos, aínda que a súa necesidade absoluta de festas ou ambientes concotridos disminuíse.

Impacto no rendemento laboral e académico A extraversión exerce unha influencia notable no comportamento e nos resultados das persoas tanto no ámbito educativo como no profesional. Porén, o seu impacto non é lineal nin universal, senón que depende de xeito crítico das demandas específicas da tarefa ou do posto de traballo.Judge, T. A., Higgins, C. A., Thoresen, C. J., & Barrick, M. R. (2002). Big Five personality traits, general mental ability and career success across the life span. "Personnel Psychology" , 55(3), 530-551.

Ámbito laboral e profesional No contorno laboral, a extraversión é un dos preditores máis sólidos do éxito naqueles roles que requiren unha alta interacción social e liderado:

-Liderado e xestión de equipos: Debido a súa asertividade e facilidade para a comunicación, os extravertidos adoitan emerxer como líderes naturais e son percibidos como máis eficaces na dirección de grupos e na motivación do persoal.

-Postos comerciais e relacións públicas: "Existe unha correlación directa e positiva entre os niveis de extraversión e o rendemento en traballos de vendas, negociación e atención ao cliente onde o entusiasmo e a facilidade de trato son esenciais.

-Estratexias de afrontamento: Profesionalmente, tenden a utilizar estratexias de afrontamento activas e a buscar apoio social, o que os protexe de certos tipos de tensión laboral, aínda que poden frustrarse máis rapidamente en contornas illadas ou rutineiras.

Ámbito académico A diferenza do mundo laboral, a relación entre a extraversión e o rendemento académico é máis compleza e varía segundo a idade do alumnado: