Enrique Fernández Otero, coñecido como Gallego Otero, nado en La Sierrita (Cumanayagua, Cienfuegos) o 4 de xuño de 1926 e finado no mesmo lugar o 27 de marzo de 2012, foi un científico cubano de orixe galega. Combatente na Revolución Cubana, foi fundador dun museo botánico dedicado ás plantas medicinais que leva o seu nome.
Traxectoria Naceu en La Sierrita, no municipio de Cumanayagua, da provincia cubana de Cienfuegos, sendo fillo de dous inmigrantes galegos da provincia de Lugo, os agricultores Jesús Otero Veiga e Elena Fernández Bullán. Aos cinco anos, seu pai suicidouse cun disparo de escopeta e a familia viviu unha época de diferentes penurias. Viviu nunha cova e traballou dende os 10 anos en diferentes actividades vencelladas á agricultura e á gandaría.
En 1958 uniuse á ao Movemento 26 de Xullo liderado por Fidel Castro e ingresou como soldado nas patrullas campesiñas da serra de Escambray. Tomou parte na fundación de varias institucións creadas pola Revolución Cubana como as Milicias Nacionais Revolucionarias ou os Comités de Defensa da Revolución e participou no primeiro Congreso do Partido Comunista de Cuba en 1975.
Amplo coñecedor da flora da illa, traballou durante décadas no cultivo de plantas medicinais e en 1984 o propio Fidel Castro encomendoulle a creación dun espazo para o fomento destas plantas, creándose así a "Finca agroecolóxica e agrobiolóxica de plantas medicinais", preto do seu lugar natal. Traballou durante cinco anos co doutor Rodolfo Arencibia Figueroa e desa labor conxunta naceu a idea da creación dun museo, o hoxe chamado "Museo de Plantas Medicinales Gallego Otero".
Notas
Categoría:Nados na provincia de Cienfuegos Categoría:Nados na diáspora galega Categoría:Nados en 1926 Categoría:Cubanos de ascendencia galega Categoría:Médicos de Cuba Categoría:Científicos de Cuba Categoría:Revolucionarios de Cuba Categoría:Comunistas de Cuba Categoría:Científicos de Cuba