En epidemioloxía e saúde pública, un gromo é un termo usado para denominar, ben a aparición súbita, ben un aumento brusco e considerábel da incidencia dunha doenza infectocontaxiosa con respecto á incidencia habitual, nun intervalo determinado de tempo e nun espazo localizado. Os gromos poden circunscribirse a pequenas áreas, coma vilas ou cidades, ou areas maiores coma provincias ou rexións. Cando unha epidemia afecta a un grupo de países ou ao mundo enteiro, emprégase a denominación de pandemia ou epidemia global. Cando reaparece un novo gromo nun lugar onda xa existira, denomínase repunta.González González, M. (dir.): Dicionario da Real Academia Galega. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/dicionario>

Orixe do nome e controversia entre gromo, surto e brote En agosto de 2020, co gallo da pandemia de COVID-19, na que o termo gromo epidémico multiplicou exponencialmente o seu uso nos xornais e demais medios de comunicación, o Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega incorporou a acepción de gromo epidémico. Porén, nalgúns medios, especialmente vinculados á lusofonía, optaron por empregar o termo surto, posicionándose de xeito crítico contra a RAG.Samartim, Roberto. (2022). D a subalternidade da língua galega no período autonómico. Dicionarios coma Diccionario Sotelo Blanco da lingua galega, por exemplo, que avogan por achegar o galego ao portugués, optaron tamén por esa denominación.

Así e todo, segundo o catedrático de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago de Compostela e membro da RAG desde 1984, Manuel González González, escolleuse o termo gromo por terse rexistrado máis na escrita. O termo surto non figura nunca documentado con ningún dos seus significados na historia da lingua galega, nin nos textos escritos, nin nas obras lexicográficas, nin en ningún dos estudos de carácter dialectal realizados sobre diversos puntos do territorio galego.

O termo brote tamén está recollido en algúns dicionarios e defendido por algúns expertos, malia que outros o cualifican de castelanismo. O propio termo brote si está recollido coma correcto polo Diccionario da Real Academia Galega, aínda que no aplicado ás doenzas ou epidemias, senón a outros ámbitos coma a botánica. Algúns autores, ademais de textos técnicos coma o Diccionario das ciencias da natureza e da saúde ou o Diccionario galego de termos médicos, terían avogado polo termo brote.

Tipos thumb|right|Curva epidémica que amosa os casos reportados pola Organización Mundial da Saúde de varíola símica até o 31 de marzo de 2024, onde se pode observar un gromo no ano 2022. thumb|right|En 2019 houbo en España, especialmente na rexión de Andalucía, un gromo de listeriose por consumir carne envasada en mal estado pola empresa Magrudis S.L.

Existen varios patróns de gromos, que poden ser útiles para identificar o método ou fonte de transmisión e prever a taxa futura de infección. Cada un ten unha curva epidémica distintiva, ou histograma de infeccións e mortes dos casos.

Fonte común: todas as vítimas adquiren a infección da mesma fonte (por exemplo, un abastecemento de auga contaminada, ou un produto en mal estado, coma aconteceu cun gromo de Listeriose en 2019 en Andalucía, contraído polo consumo de carne esmiuzada en mal estado). Fonte continua: brote de orixe común onde a exposición ocorre durante varios períodos de incubación Fonte puntual: brote de orixe común onde a exposición ocorre en menos dun período de incubación. Propagada: a transmisión ocorre de persoa a persoa.

Os gromos tamén poden ser: Relacionados con comportamentos de risco (por exemplo, doenzas de transmisión sexual, aumento do risco debido á desnutrición) Zoonótico: o axente infeccioso é endémico dunha poboación animal, a infección transfírese aos humanos.

En canto aos patróns de aparición, atopamos: Endémica: enfermidade transmisible, como a gripe, o sarampelo, as papeiras, a pneumonía, os catarros, os virus e a varíola, que é característica dun lugar determinado, ou dun grupo ou área de interese ou actividade en particular. Epidemia: cando se detecta que esta enfermidade infecta a un número significativamente maior de persoas ao mesmo tempo que o común naquel momento e entre esa poboación, e pode estenderse por unha ou varias comunidades. Pandemia: ocorre cando unha epidemia se estende por todo o mundo.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Pandemia Caso índice Gromo de varíola símica de 2022 Gromo de síndrome hemolítico-urémica de 2011 Gromo de hepatite aguda grave en nenos de 2022 Pandemia por coronavirus de 2020 en Galicia

Categoría:Epidemioloxía