Meu é un grupo galego de post-punk, power pop e indie rock formado no ano 2004 na Coruña.

Traxectoria Despois da separación de Elephant Band, Xoel López pon en marcha Deluxe e o resto da banda crea Meu, un novo proxecto formado por dous exmembros de Elephant Band, Nacho Mora (voz) e Ramón Saleta (batería), ademais de Mikelini Martínez (baixo) e Ricardo Saavedra (guitarra), quen tamén formara parte de Deluxe ata 2003.

En 2004 gravan unha primeira demo que os levaría a contactar co selo independente catalán Rock On Music, co cal gravan en 2005 o seu primeiro longa duración What's Up! nos estudios de gravación Bonham na Coruña. No tema "Lightning Machine" colaboraría tamén Fernando García Vilaboy, o ex-membro de Elephant Band que faltaba.

Co lanzamento do álbum, levan a cabo unha intensa xira que os leva aos escenarios de varios dos principais festivais do Estado: Primavera Sound, Purple Weekend, Festival do Norte, Cultura Quente e Xiriapop entre outros.

A banda medra e pouco a pouco vai acadando unha maior repercusión. Participan nos concertos de Radio 3, no programa Ipop de TVE. O videoclip do tema "Wretch, Wash Your Hair" prográmase en varios espazos da TVG, ademais de achegarse a Portugal para realizar unha xira polo país veciño.

Prodúcese a saída amistosa de Ramón Saleta da batería e Alberto Dopico pasa a formar parte de Meu. Coa súa incorporación, a banda comeza a preparar o que sería o seu segundo álbum Did You Hear?, que gravarían en 2007 en Madrid, baixo o mesmo selo que publicou o seu primeiro traballo: Rock On Music. A gravación realízase nos estudios Audiomatic da man de José María Rosillo en tarefas de produción.

No seu segundo traballo Meu pasa do son máis cru de What's Up! a un son máis elaborado e con máis arranxos. É o momento no que o quinto membro de Meu, Alejandro González, entra na banda para ocuparse dos teclados.

Ademais da xira de presentación do novo disco, a banda toca en directo no programa Banda Curta de TVG.

A pesar do bo momento da banda, problemas externos a Meu provocan un paro en 2009, cando estaban preparando temas para o seu terceiro traballo.

En 2023 a banda retoma a súa actividade coa súa participación no festival Noites do Porto. Prepárase o seu terceiro disco e novas actuacións.

Durante 2024 participan en festivais como o Surfing de Lérez, Noroeste Pop Rock, Felicia Pop Festival ou Feito a Man e rematan de preparar o seu terceiro álbum, Thank You For Holding, que se edita en xaneiro de 2026.

Discografía

What's Up! (Rock On Music, 2005) Did You Hear? (Rock On Music, 2007) Thank You For Holding (Chesapik, 2026)

Notas

Categoría:Grupos musicais da Coruña Categoría:Grupos musicais de Galicia Categoría:Grupos musicais de post-punk Categoría:Grupos musicais de power pop