Vibrio parahaemolyticus é unha especie de bacterias gramnegativas de forma bacilar curvada que viven no mar e estuarios, que, cando son inxeridas, poden causar gastroenterite bacteriana en humanos. V. parahaemolyticus é positiva para a oxidase, é un orgnismo aerobio facultativo e non produce esporas. Como outros membros do xénero Vibrio, esta especie é móbil, cun só flaxelo polar.

Patoxénese Aínda que as infeccións por esta bacteria poden ocorrer pola ruta fecal-oral, a inxestión da bacteria en comida crúa ou pouco cociñada, xeralmente ostras, é a causa predominante da gastroenterite aguda causada por V. parahaemolyticus. As infeccións de feridas causadas por esta bacteria tamén poden ocorrer pero son menos comúns que as producidas polos alimentos mariños. Os mecanismos da enfermidade non están aínda claros.

Os illamentos clínicos adoitan posuír unha illa de patoxenicidade (PAI) no segundo cromosoma. A PAI poden adquirila por transferencia horizontal de xenes e contén xenes de varios factores de virulencia. Hai dúas variantes completmente secuenciadas da PAI de V. parahaemolyticus con liñaxes claramente diferentes. Cada variante de PAI contén un sistema de secreción de tipo III (T3SS) xeneticamente distinto, que pode inxectar proteínas da virulencia nas células do hóspede que alteran as funcións da célula hóspede ou causan a súa apoptose. As dúas variantes coñecidas de T3SS do cromosoma 2 de V. parahaemolyticus son T3SS2α e T3SS2β. Estas variantes corresponden ás dúas variantes coñecidas da PAI. Xunto co T3SS, na PAI atópanse dous xenes ben caracterizados que codifican proteínas da virulencia: o xene da hemolisina direta termoestable (tdh) e/ou o xene de hemolisina relacionada con tdh (trh). As cepas que posúen un tipo ou ambos destas hemolisinas presentan beta-hemólise en placas de ágar sangue. Parece existir unha correlación distinta entre a presenza de tdh, trh, e as dúas variantes coñecidas de T3SS: diversas observacións correlacionaron a T3SS2α con cepas tdh+/trh-, mentres que a T3SS2β correlaciónase con cepas tdh-/trh+.

Signos e síntomas O período de incubación de aproximadamente 24 horas vai seguido dunha intensa diarrea acuosa ou sangrante acompañada de náuseas, vómito, cambras abdominais, e ás veces febre. Os síntomas desaparecen normalmente en 72 horas, pero poden persistir ata 10 días en persoas inmunocomprometidas. Como a gran maioría dos casos de envelenamentos alimentarios por V. parahaemolyticus son autolimitantes, a doxiciclina non é normalmente necesaria. En casos graves, está indicada unha terapia de rehidratación oral.

Epidemioloxía Os brotes tenden a concentrarse en rexións costeiras durante o verán e inicio do outono cando as maiores temperaturas da auga favorecen niveis máis altos da bacteria. Os alimentos de orixe mariña son os que están implicados na maioría dos casos, como luras, xarda, atún, sardiñas, cangrexos, gasterópodos, gambas, e bivalvos, como ostras e ameixas. No noroeste dos Estados Unidos, hai un incremento da incidencia desta doenza debido ás ostras contaminadas con V. parahaemolyticus, que está asociada co movemento cara ao norte pola costa atlántica de augas máis cálidas do golfo de México.

Ademais, nadar ou traballar en áreas afectadas pode orixinar infeccións nos ollos, oídos, ou cortes abertos e feridas.

Hóspedes

Entre os hóspedes de V. parahaemolyticus algúns exemplos son: Clithon retropictus, un gasterópodo tipo mincha. Litopenaeus, gamba (sospeitoso; posible causa de hepatopancreatite necrotizante). Nerita albicilla, gasterópodo. Magallana gigas, ostra do Pacífico.

Notas

Véxase tamén

Bad Bug Book da FDA, entrada sobre V. parahaemolyticus Cepa tipo de Vibrio parahaemolyticus en BacDive - a Bacterial Diversity Metadatabase

Categoría:Vibrionales