Xiraldo de Braga, máis coñecido como san Xiraldo de Braga, naceu en Gascuña, no século XI, e faleceu en Bornes de Aguiar en 1108. De familia nobre, profesou entre os bieitos do mosteiro de Moissac, onde ocupou os cargos de bibliotecario, mestre de oblatos e cantor. Máis tarde, foi arcebispo de Braga, cidade da que é padroeiro.

Traxectoria O bispo Bernardo de Toledo conseguiu levalo á súa catedral para desempeñar alí as funcións de mestre e cantor.

Foi nomeado arcebispo de Braga, daquela pertencente ao reino de Galicia. Presúmese que introduciu o dígrafo "lh" na escrita galaico-portuguesa, oriundo do provenzal.En 1100 viaxou a Roma para obter do papa Pascual II a dignidade metropolitana definitiva para a sé de Braga, ameazada polo impulso de Santiago de Compostela.

En 1101, Diego Xelmírez é nomeado bispo de Santiago e, no seu afán de ampliar o poder compostelán, prodúcense enfrontamentos. Por exemplo, Xelmírez leva a cabo en 1102 o pío latrocinio, isto é, o roubo das reliquias dalgúns santos como Covade, Froitoso, Silvestre ou Susana, traizoando a confianza depositada nel por Xiraldo.

A autonomía eclesiástica de Braga será o presaxio da independencia do Condado Portucalense. En 1103 marcha de novo a Roma para obter a confirmación da xurisdición sobre todas as dioceses de Galicia (Astorga, Mondoñedo, Ourense, Lugo e Tui) e tamén as de Portugal (Porto, Coimbra, Lamego e Viseu). Porén, Santiago terá xurisdición sobre Lisboa, Évora, Idanha, A Guarda, Salamanca e Mérida.

Tivo un goberno breve pero intenso, no que levou a cabo unha serie de reformas a nivel eclesiástico, moral e administrativo. Reorganizou a escola e o capítulo catedralicio, continuou as obras da Catedral, recuperou os bens eclesiásticos usurpados e reformou o culto e a liturxia coa introdución do rito romano.

Morreu o 5 de decembro de 1108 en Bornes de Aguiar, concello de Vila Pouca de Aguiar. Foi sepultado na capela de San Xiraldo, na Catedral de Braga.

Notas Categoría:Finados en 1108 Categoría:Santos do catolicismo Categoría:Nados en Portugal Categoría:Nados no século X Categoría:Nados en Gascuña