O mosaico de Panxón é un fragmento dun mosaico romano descuberto no castro de Panxón, na parroquia de Panxón, concello de Nigrán.

Singularidade Data de entre o século III d. C. e IV d. C.. A súa singularidade débese a que é a única representación do xénero de temática mariña, concretamente un peixe (seguramente un muxo) e unhas ameixas, na bisbarra do Val de Miñor e contiguas. Contén tamén unhas liñas que representan as ondas do mar. Seguramente formase parte dun mosaico meirande. Mide 84 x 84 cm e está feito cun opus tessellatum de cores brancas, grises, negras, amarelas e ocres.

Historia Segundo Fernando Acuña Castroviejo, que documentou a existencia do mosaico nos anos setenta, a familia Puga de Nigrán topouse con este tesouro nunha data anterior a 1850, durante unhas obras na súa parcela ao bordo do mar, preto do castro de Panxón. O mosaico era moito máis grande, aínda que os Puga salvaron da destrución un só fragmento, e encargaron unha mesa de tesoira, ao estilo romano, para embutirlo e conservalo. A primeira propietaria foi Umbelina González Lavandeira, viúva do señor Puga, segundo reza nun manuscrito do século XIX. Pero, cos anos, aquela familia vendeu o moble ao avogado tudense Ricardo Blanco-Cicerón, un dos maiores coleccionistas de arte que houbo en Galicia, falecido en Santiago en 1926. Tras décadas de silencio, no ano 2000 a peza reaparecía en Castellana Subastas (Madrid) e comprábaa por algo menos de dous millóns de pesetas un poxador dinamarqués.

En 2012 o mosaico xa chegara a Nova York, pero en Galicia perdéraselle o rastro, ata que seis anos despois Fernández-Turégano atopou aquela imaxe do peixe que figura na única foto que se conservaba da peza, nunha sinaléctica situada na praia da Madorra, e que tiña tatuada na memoria cando se distraía mirando un catálogo de Carlton Hobbs na internet.

“Ao final, o desenlace foi por casualidade, porque un veciño de Nigrán, Gonzalo (Fernández Turégano), sobriño de Pilar (Pérez Saavedra, presidenta da Asociación pola Repatriación) nunha visita a Nova York, na galería Carlton Hobbs, observa que está á venda o mosaico romano de Panxón. Automaticamente ponse en contacto coa súa familia e co Concello”, relatou Juan A. González (nese intre alcalde de Nigrán), que explicou que, a partir dese momento, expúxose o intento de mercalo.

O prezo de venda eran 75.000 $ pero nunha entrevista entre Gonzalo e o propio Carlton Hobbs o coleccionista acordan unha rebaixa de 20.000$ coa condición de que fose exposto ao público, dos que o Concello de Nigrán achegou 40.000 euros. Con todo, a complexidade de que fose a administración a que fixese a compra levou á creación da Asociación pola Repatriación do Mosaico Romano de Panxón , que puxo en marcha unha campaña de ‘crowdfunding’ e logrou reunir o resto do diñeiro.

Todo o proceso durou máis de 4 anos. O alcalde lembrou que non só o Concello, senón tamén a sociedade civil nigranesa estaba “moi interesada” na recuperación desa peza histórica. “Como todas as travesías longas, ten un final feliz”, celebrou, antes de apuntar que agora o mosaico é patrimonio de todos os veciños de Nigrán e de todos os galegos, e que xa se iniciaron os trámites para a súa declaración como Ben de Interese Cultural.

Chegou a Madrid o 28 de novembro de 2024 e a Nigrán o 23 de xaneiro de 2025.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Mosaico de Dédalo e Pasífae

Categoría:Nigrán Categoría:Historia de Galicia Categoría:Gallaecia Categoría:Mosaicos romanos