Paulina Ódena García, coñecida como Lina Ódena, nada en Barcelona o 22 de xaneiro de 1911 e finada en Granada o 14 de setembro de 1936, foi unha militante comunista española. Nos primeiros meses da Guerra Civil española quitouse a vida ao verse acurralada polas forzas sublevadas.

Traxectoria

Ódena era filla dun matrimonio que rexentaba unha xastrería no barrio barcelonés do Eixample. Desde moi nova axudou aos pais no negocio e sentiuse atraída polas ideas comunistas. Isto levouna a conflitos coa familia e pronto se independizou. En 1931 formou parte dunha delegación de mozos cataláns que estudaron na Unión Soviética durante máis dun ano, onde obtiveron a formación necesaria para desempeñaren futuros cargos.

Ao seu regreso a España pasou a formar parte das Mocidades Comunistas de Cataluña. A súa gran capacidade e intelixencia permitíronlle ser nomeada en febreiro de 1933 secretaria xeral das Mocidades Comunistas de Cataluña. Ese mesmo ano foi candidata ao Parlamento da República. Ao estalar en Cataluña a Revolución de outubro de 1934, tomou as armas e participou activamente en combates en San Cugat del Vallés e outras localidades. Ao fracasar a sublevación pasou á clandestinidade e entrou a formar parte do Socorro Vermello Internacional. A policía detívoa en agosto de 1935 aínda que pronto foi liberada.

Ese mesmo ano formou parte da delegación española do IV Congreso da Internacional Xuvenil Comunista (IJC) en Copenhague (Dinamarca). O Congreso tivo grande importancia, pois nel decidiuse que as mocidades comunistas debían unificarse coas doutros partidos revolucionarios para gañaren forza. Posteriormente, nuns meses especialmente convulsos, Ódena foi reclamada a Madrid pola dirección do PCE. As eleccións convocadas para febreiro de 1936 mobilizaron por primeira vez a toda a esquerda, unida nunha fronte común contra os demais partidos non marxistas: a Fronte Popular. Durante a campaña Ódena acompañou a Dolores Ibárruri "A Pasionaria" nos mitins que esta deu por toda a xeografía española. Tralos comicios que deron o triunfo á Fronte Popular, Ódena participou nas conversas que terminaron de unificar as mocidades marxistas de Cataluña.

En xullo de 1936 Ódena estaba en Almería nun Congreso Provincial cando estalou a Guerra civil española. Participou en varios combates nos que tiveron un papel decisivo a prol da República dúas compañías de aviación fuxidas de Granada. Estas nomearon a Ódena representante no Comité Local. Como símbolo deste cargo Ódena luciu no seu mono de miliciana as ás da aviación que levou até a súa morte, conforme reflicten as últimas fotografías que lle fixeron. A columna da que Ódena formaba parte foi asignada á toma de Guadix e máis tarde á de Motril. Neste tempo tamén realizou breves viaxes a Madrid e Barcelona para reunir armas, tralos que regresou inmediatamente á fronte.

O 14 de setembro, xunto ao Pantano de Cubillas (Granada), o chofer do coche no que ía Ódena equivocouse nun cruzamento e foi dar directamente a un control de falanxistas. Ao verse rodeada, Ódena sacou o seu revólver e suicidouse dun disparo na tempa. Segundo o historiador falanxista Julio Belza, que formaba parte daquel control, Ódena asasinara o 15 de agosto o sacerdote Manuel Vázquez Alfaya no Camiño de Las Cañas, en Motril (Granada) disparándolle na cabeza. Con todo, outras fontes (entre outros, Manuel Moreno, biógrafo de Ódena) aseguran que esa información é falsa.

En 1937 o goberno comunista de Villena (Alacant) cambiou o nome de La Colonia de Santa Eulalia polo de La Colonia de Lina Ódena. Porén, o cambio do nome da pedanía foi revertido en 1940 polo consistorio franquista. César Vallejo recordouna no "Himno a los voluntarios de la República", recollido no poemario "España, aparta de mí este cáliz":

Un espazo cultural de Granada leva o seu nome: o Centro Obreiro e Popular Lina Ódena.

Notas

Categoría:Nados en Barcelona Categoría:Antifascistas de España Categoría:Comunistas de España Categoría:Políticos do PCE Categoría:Personalidades da guerra civil española Categoría:Nados en 1911 Categoría:Finados en 1936