Hylte é un municipio sueco (kommun) do condado de Halland. A súa capital é Hyltebruk. Hylte repártese entre os landskaps de Småland, onde se atopa a súa capital, e Halland. En decembro de 2024 o concello tiña unha poboación de 10 196 habitantes.
O municipio, que é o único interior do condado de Halland, está sobre o límite entre os landskaps de Halland e Småland. A parte leste do concello atópase en Finnveden, unha das tradicionais "terras pequenas" de Småland. A través do municipio flúe o río Nissan.
Administración histórica A área do concello correspóndese coa das parroquias de Drängsered, Femsjö, Färgaryd, Jälluntofta, Kinnared, Långaryd, Södra Unnaryd e Torup, así como unha pequena parte de Lidhult.
Nestas fundáronse concellos rurais co mesmo nome durante a reforma municipal de 1862. Drängsered, Kinnared e Torup están no landskap de Halland que entón pertencía (ao igual que hoxe) ao condado de Halland, mentres que Femsjö, Färgaryd, Jälluntofta, Långaryd e Södra Unnaryd están no landskap de Småland e pertencía entón (a diferenza de hoxe) ao condado de Jönköping.
Coa reforma municipal de 1952 fundáronse na zona tres grandes concellos: Hylte (pola fusión dos cncellos de Femsjö, Färgaryd e Långaryd) e Unnaryd (de Bolmsö, Jälluntofta e Södra Unnaryd) en Småland, e Torup (pola fusión de Drängsered, Kinnared e Torup) en Halland.
O concello de Hylte naceu coa reforma municipal de 1971 a través da reorganización co concello rural de Hylte. Ao mesmo tempo a meirande parte da parroquia de Bolmsö (a área ao redor de Bolmsö), entón no concello de Unnaryd, transferíuse ao municipo de Ljungby no condado de Kronoberg, e unha parte máis pequena da parroquia (ao norte de Bolmen) pasou a formar parte do municipio de Värnamo.
En 1974 naceu o actual concello de Hylte a través da fusión de Hylte co concello de Torup e a meirande parte do concello de Unnaryd (as parroquias de Jälluntofta e Södra Unnaryd) e un pequena de Ljungby (un anaco da parroquia de Lidhult). Un concello non pode pertencer a máis dun condado, polo que se decidiu que Hylte pertencería a Halland.
Dende a súa fundación ata o ano 1974 o concello formou parte do partido xudicial de Värnamo e a partir de entón ao de Halmstad.
Xeografía O concello de Hylte limita ao oeste co de Falkenberg e ao sur co de Halmstad, no condado de Halland. Ao sur tamén limita co de Ljungby, no condado de Kronoberg, e ao norte co municipio de Gislaved, no condado de Jönköping.
Topografía e hidrografía A paisaxe do concello caracterízase por chairas de pouca altura e lagos ou zonas de turbeiras entre elas. Ringsmossen, Troppamossen e Mogölsmyren son áreas con comunidades de plantas de turbeiras e unha gran diversidade de aves. O val do Nissan segue principalmente unha dirección suroeste e está en gran parte cheo de material das antigas correntes subglaciares. Na zona ao redor de Torup as augas de desxeo dos lagos glaciares formaron profundos barrancos que flúen cara o Nissan. Aquí atópanse cursos de auga como o Färgeån e o Snokabäcken. A parte oriental do municipio, que principalmente está formada por leito rochoso de gneis, é rica en lagos claros pobres en nutrientes.
Divisións administrativas Ata o ano 2016 para cuestións de informes de poboación o concello estaba dividido en cinco congregacións: Femsjö, Färgaryd, Långaryd, Torup e Unnaryd.
Dende 2016 o municipio divídese en oito distritos que se corresponden coas anteriores parroquias: Drängsered, Femsjö, Färgaryd, Jälluntofta, Kinnared, Långaryd, Södra Unnaryd e Torup.
Notas
Categoría:Concellos de Suecia Categoría:Condado de Halland