A neuroplinia 1 ou neuropilina-1 é unha proteína que nos humanos está codificada no xene NRP1 do cromosoma 10. Nos humanos o xene da neuroplilina 1 está situado no locus 10p11.22. Esta é unha das neuropilinas humanas, xa que existe tamén a neuropilina 2.

Función

A NRP1 é un correceptor que está unido á membrana e a un receptor tirosina quinase, que se une tanto ao factor de crecemento endotelial vascular (VEGF; MIM 192240) coma a membros da familia da semaforina (ver SEMA3A; MIM 603961). A NRP1 desempeña funcións versátiles na anxioxénese, guía dos axóns no seu crecemento, supervivencia, migración e invasión celular.

Interaccións

A neuropilina 1 interacciona co VEGF-A.

Papel na COVID-19

A neuropilina 1 facilita a entrada do virus SARS-CoV-2, axenta causante da COVID-19, nas células, o que a fai unha posible diana para futuros fármacos antivirais.

Implicación no cancro

A neuropilina 1 foi implicada na vascularización e progresión de cancros. A expresión da NRP1 é elevada en mostras de diversos tumores humanos, como cánceres os de cerebro, próstata, mama, colon e pulmón e os niveis de NRP1 están positivamente correlacionados coa metástase.

No cancro de próstata o xene NRP1 demostrou ser un xene suprimido por andróxenos, regulado á alza durante a resposta adaptativa de tumores de próstata a terapias que actúan sobre os andróxenos e un biomarcador para o prognóstico da metástase e o cancro de próstata mortal. Estudos feitos en ratos in vitro e in vivo mostraron que a NRP1 unida á membrana é proanxioxénica e que promove a vascularización de tumores de próstata.

A expresión elevada de NRP1 está tamén correlacionada coa invasividade de cancro de células pulmonares non pequenas tanto in vitro coma in vivo.

Diana para terapias contra o cancro

Como correceptor para o VEGF a NRP1 é unha diana potencial para as terapias anticancerosas. Un péptido sintético, EG3287, xerado en 2005 bloquea a actividade da NRP1. O EG3287 induce a apoptose en células tumorais con elevada expresión de NRP1. Aprobouse unha patente para o EG3287 en 2003. En 2015 non había ensaios clínicos en marcha ou rematados para o EG3287 como terapia para o cancro humano.

A NRP1 soluble ten o efecto oposto á NRP1 unida á membrana e ten actividade anti-VEGF. Os estudos en ratos in vivo indicaron que as inxeccións de sNRP-1 (neuropilina 1 soluble) inhiben a progresión da leucemia mieloide aguda en ratos.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Proteínas de membrana