José Villalonga Llorente, nado en Córdoba o 4 de decembro de 1919 e finado en Madrid o 7 de agosto de 1973, foi un adestrador de fútbol español. Tivo unha curta pero prolífica carreira nos bancos, conquistando unha decena de trofeos, entre eles os primeiros títulos europeos do Real Madrid e do Atlético de Madrid. Co equipo branco gañou dúas ligas, dúas Copas Latinas e as dúas primeiras edicións da Copa de Europa, mentres que co Atlético conseguiu dúas Copas do Xeneralísimo consecutivas e unha Recopa de Europa.
Ademais guiou á selección española ao seu primeiro título, a Eurocopa de 1964, que gañou despois de derrotar na final á Unión Soviética. Militar de profesión, acadou o grao de tenente coronel no Exército.
Traxectoria Nunca xogou profesionalmente ao fútbol, aínda que si o fixo como afeccionado en equipos da súa cidade natal. Compaxinou a súa carreira militar co seu interese pola Educación Física e a preparación deportiva. Despois de obter o título de adestrador de fútbol en 1949, foi contratado polo Real Madrid en 1952 para colaborar no campo técnico do equipo. Dous anos despois, en 1954, foi nomeado adestrador, iniciando un período de tres anos con destacados éxitos para o equipo branco.
Na súa primeira tempada no banco, 1954/55, o Real Madrid proclamouse campión de liga con 5 puntos de vantaxe sobre o FC Barcelona, e gañou tamén a Copa Latina, o seu primeiro título europeo, despois de derrotar na final no Parc des Princes ao Stade de Reims.
Un ano despois a UEFA organizou a primeira edición da Copa de Europa e o equipo de Villalonga proclamouse campión, derrotando na final de novo ao Stade de Reims no Parc des Princes, por un resultado de 4-3. Os autores dos goles do Madrid foron Di Stéfano, Rial (2) e Marquitos. Na seguinte campaña revalidou o título europeo, vencendo na final á Fiorentina de Fulvio Bernardini (2-0), e conquistou ademais a liga e a súa segunda Copa Latina.
A continuación ingresou no equipo técnico da Real Federación Española de Fútbol, onde foi responsable da preparación física e adestrador da selección xuvenil.
En xullo de 1959, sendo xa profesor na Escola de Adestradores, ingresou no Atlético de Madrid como secretario técnico, e trala dimisión do checoslovaco Ferdinand Daučík pouco despois do inicio da tempada 1959/60, pasou a ser tamén adestrador.
Nas súas dúas primeiras campañas á fronte do Atlético de Madrid proclamouse campión dúas veces da Copa do Xeneralísimo, derrotando na final en ambos casos ao Real Madrid, xa con Miguel Muñoz no banco. Durante a tempada 1961/62 seguiu dirixindo o equipo, incorporando como axudante ao exfutbolista do Atlético e paisano seu, Rafael García "Tinte". O Atlético alcanzou a final da Recopa de Europa, onde Villalonga se volveu enfrontar á Fiorentina, adestrada desta vez por Ferruccio Valcareggi. O partido rematou en empate e adiouse a repetición do encontro por mor da celebración do Mundial de Chile 1962. Finalmente, catro meses despois, disputouse o desempate e o Atlético conseguiu o seu primeiro título europeo, gañando por 3-0 con goles de Jones, Mendonça e Peiró.
Seleccionador nacional O 26 de setembro de 1962 foi nomeado adestrador da selección española, e aínda que deixou o banco madrileño, compatibilizou o seu novo cargo co de secretario técnico do Atlético de Madrid ata o final daquela tempada.
Como seleccionador nacional afrontou a clasificación para a Eurocopa de 1964, obxectivo que conseguiu despois de eliminar a Romanía, Irlanda do Norte e Irlanda. Xa na fase final da Eurocopa, disputada en España, un gol do galego Amancio na prórroga das semifinais contra Hungría meteu a España na súa primeira final. Nesta, o combinado adestrado por Villalonga enfrontouse á Unión Soviética, dirixida dende o banco por Konstantin Beskov, e conseguiu a vitoria por 2-1, con tantos de Chus Pereda e Marcelino, logrando así o primeiro título na historia da selección.
A continuación clasificou o conxunto español para o Mundial de 1966 en Inglaterra, e dirixiuno durante o torneo, pero non puido pasar da primeira fase.
En total dirixiu a selección española nun total de 22 partidos, con 9 vitorias, 5 empates e 8 derrotas.
Despois deixar a selección pasou a dedicarse a tempo copleto á docencia no eido técnico. En 1967 foi nomeado director da Escola Nacional de Adestradores, cargo que ocupou ata a súa morte en 1973. Así mesmo, foi o primeiro profesor de fútbol do INEF de Madrid. Faleceu en Madrid, como consecuencia dun infarto de miocardio, o 7 de agosto de 1973, aos 53 anos.
Palmarés Real Madrid Primeira División (2): 1954/55, 1956/57. Copa de Europa (2): 1955/56, 1956/57. Copa Latina (2): 1955 e 1957.
Atlético de Madrid Copa do Xeneralísimo (2): 1960, 1961. Recopa de Europa (1): 1961/62.
Selección española Eurocopa (1): 1964.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do adestrador en BDFutbol .
Categoría:Nados en 1919 Categoría:Finados en 1963 Categoría:Nados en Córdoba Categoría:Adestradores de fútbol de España Categoría:Adestradores do Real Madrid CF Categoría:Adestradores do Atlético de Madrid Categoría:Adestradores da selección de fútbol de España Categoría:Adestradores gañadores da Liga de Campións da UEFA Categoría:Adestradores do Mundial de Fútbol de 1966