Ekai Lersundi Martínez, nado en Ondarroa (Biscaia) o 13 de outubro de 2001 e finado na mesma vila o 15 de febreiro de 2018, foi un mozo trans, activista e referente do movemento LGTBI español. Suicidouse aos 16 anos, mentres se atopaba á espera de que se lle autorizase a terapia hormonal.

Datos biográficos Dende os 3 anos, a familia comezou a recibir informes escolares sobre unha suposta inmaturidade e dificultades de aprendizaxe, posteriormente identificadas como dislexia e discalculia. Os informes tamén sinalaban que, con todo, puña gran empeño no estudo. Na educación secundaria as dificultades aumentaron e comezou a desenvolver un carácter retraído.

Malia terlles mencionado aos pais algunha vez que "querería ser un neno", non lle deron maior importancia. Porén, ao comprar roupa ou cortar o pelo, a tendencia era máis acusada. En 2017, Lersundi declarou ante os pais que era un mozo. Estes ofrecéronlle o seu apoio e contactaron con Chrysallis, unha asociación de familias de menores trans. Nese momento, con axuda da súa nai, Ekai escolleu o nome da súa nova identidade. Tamén llelo notificou ás súas amizades e coñecidos, entre quen obtivo grande apoio. O próximo paso era notificar a situación no seu instituto e no sistema sanitario. Isto resultou máis dificultoso, ao non teren experiencia en casos similares.

Afeccionado á escritura, proxectaba realizar o bacharelato de Artes en Durango (Biscaia) e cursar Comunicación Audiovisual na universidade. Tamén mostraba interese pola fotografía e a cultura xaponesa.

Activismo Desde o primeiro momento contou co apoio da súa familia e reivindicou a súa identidade de xénero. De feito, chegou a expor o seu caso ante diversos medios de comunicación. Ekai tamén impulsou sesións formativas para o profesorado e alumnado do seu instituto. Ditas sesións recibiron o visto e prace do Goberno Vasco en febreiro de 2017, aínda que Lersundi non chegou a velas.

Superando o seu carácter tímido, conseguiu que os seus compañeiros e profesores deixasen de usar o seu nome de nacemento e adoptasen o de Ekai.

Malia ter a opción de realizar o seu tratamento hormonal en Barcelona, Lersundi, a xeito de reivindicación, optou por solicitalo no Hospital Universitario de Cruces-Gurutzetako Unibertsitate Ospitalea, en Barakaldo (Biscaia). Daquela, a lei permitía este tipo de tratamento a partir dos 16 anos. Porén, a autorización demorouse e Ekai comezou a desenvolver caracteres sexuais secundarios femininos. O mozo atopouse nunha situación crítica que os seus pais tentaron resolver cunha queixa ante o organismo competente. No entanto, as circunstancias superárono e o 15 de febreiro de 2018 a súa nai atopouno morto na casa.

Referente O suicidio de Lersundi visibilizou moitos casos de menores trans na mesma situación. Isto evidenciou a necesidade de actualizar a atención que se presta a estas persoas. Entre outras cuestións, reivindícase: Ter en conta cada caso de xeito individual e a necesidade ou non de tratamentos coma o endocrinolóxico ou o cirúrxico. Considerar as particularidades de cada caso para cambiar a mención do sexo no DNI (actualmente esíxese un mínimo de dous anos en tratamento hormonal) Deixar de considerar os procesos de transición como patoloxías psiquiátrico-psicolóxicas e axilizar o acceso ao tratamento hormonal Unha Lei Trans única para todo o Estado español que substitúa os regulamentos autonómicos.

A asociación Chrysallis, o Concello de Ondarroa, Save the Children e asociacións do ámbito da psicoloxía, a sexoloxía e o colectivo LGTBI ofrecéronlle o seu apoio á familia. O caso de Ekai Lersundi favoreceu a difusión dun amplo movemento para o recoñecemento das persoas trans e o desenvolvemento de recursos en todos os ámbitos para a súa protección.

Desde outubro de 2018 existe un monólito en recordo a Ekai no paseo Itsas Aurre de Ondarroa.

Documental En 2020 estreouse un documental breve sobre a vida de Ekai Lersundi, "Mi pequeño gran samurai", dirixido pola ondarrutarra Arantza Ibarra Basáñez. Estreouse a nivel mundial no festival Zinegoak de Bilbao na sección oficial e obtivo o premio do público. Ten sido proxectado noutros festivais, mesmo a nivel internacional, coma o estadounidense Silicon Valley Queer Film Festival.https://www.siliconvalleyqueerfilmfestival.com/march2022/ekai/

Notas

Categoría:Nados en 2001 Categoría:Finados en 2018 Categoría:Nados en Ondarroa Categoría:Activistas LGBT de España