Dimitar Dushkov Penev (en ), nado en Mirovyane o 12 de xullo de 1945 e finado o 3 de xaneiro de 2026, foi un exfutbolista e exadestrador búlgaro. Considerado como un dos mellores defensas búlgaros da historia, militou durante case toda a súa carreira no CSKA Sofia, co que acadou numerosos títulos. Foi 90 veces internacional coa selección de Bulgaria, coa que disputou tres Copas do Mundo (1966, 1970 e 1974). Recibiu dúas veces o premio ao futbolista búlgaro do ano, en 1967 e 1971.

Como adestrador dirixiu en varias ocasións o CSKA Sofia, gañando 12 títulos, e tamén en varias etapas á selección búlgara, coa que alcanzou as semifinais do Mundial de 1994.

É tío do exfutbolista e adestrador Lyuboslav Penev.

Traxectoria Debutou como futbolista no Lokomotiv Sofia, onde militou durante dúas tempadas entre 1962 e 1964, gañando na última delas a liga búlgara. A continuación fichou polo CSKA Sofia, club no que militou durante o resto da súa carreira, ata 1977, acumulando 411 partidos e 30 goles. Gañou sete títulos de liga e cinco Copas de Bulgaria co club durante ese período, no que ademais alcanzou as semifinais da Copa de Europa na edición de 1966/67, caendo contra o Inter de Milán de Helenio Herrera. Foi elixido Futbolista Búlgaro do Ano en 1967 e 1971.

Tras colgar as botas comezou a súa carreira como técnico no Dimitrovgrad. En 1985 comezou un período de cinco anos á fronte do CSKA Sofia, no que gañou tres ligas, tres Copas de Bulgaria e tres Copas do Exército Soviético, ademais da primeira edición da Supecopa de Bulgaria. Os seus logros co club valéronlle o nomeamento como adestrador da selección de Bulgaria, cargo que ocupou brevemente en 1989 e máis tarde dende 1991 ata 1996, clasificando o equipo para a Mundial de 1994. O equipo búlgaro realizou o mellor Mundial da súa historia, alcanzando as semifinais, onde foi eliminado pola Italia de Arrigo Sacchi.

Posteriormente pasou polos bancos do Al Nassr de Arabia Saudita, o Spartak Varna, de novo o CSKA e o Liaoning chinés. En 2007 foi nomeado seleccionador de Bulgaria por segunda vez. O seu balance total como seleccionador búlgaro foi de 55 partidos, con 25 vitorias, 15 empates e 15 derrotas. Máis tarde adestrou durante dúas etapas máis o CSKA, ata 2012.

Como adestrador destacou pola súa confianza nos futbolistas novos, facendo debutar nos seus equipos a numerosos talentos, entre eles Hristo Stoichkov, Emil Kostadinov, Lyuboslav Penev, Martin Petrov, Stiliyan Petrov ou Dimitar Berbatov.

É presidente de honra do CSKA Sofia e do modesto Nottingham United FC.

Palmarés

Como futbolista Lokomotiv Sofia Liga búlgara (1): 1963/64.

CSKA Sofia Liga búlgara (7): 1965/66, 1968/69, 1970/71, 1971/72, 1972/73, 1974/75, 1975/76. Copa de Bulgaria (5): 1964/65, 1968/69, 1971/72, 1972/73, 1973/74.

Individual Futbolista Búlgaro do Ano (2): 1967, 1971.

Como adestrador CSKA Sofia Liga búlgara (3): 1986/87, 1988/89, 1989/90. Copa de Bulgaria (4): 1986/87, 1987/88, 1988/89, 1998/99. Copa do Exército Soviético (3): 1985/86, 1988/89, 1989/90. Supercopa de Bulgaria (2): 1989, 2008.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Datos do xogador no sitio web do CSKA Sofia . Datos do xogador en Transfermarkt . Datos do adestrador en Transfermarkt .

Categoría:Nados en 1945 Categoría:Nados en Bulgaria Categoría:Futbolistas de Bulgaria Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do PFC CSKA Sofia Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Bulgaria Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 1966 Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 1970 Categoría:Adestradores de fútbol de Bulgaria Categoría:Adestradores da selección de fútbol de Bulgaria Categoría:Adestradores do PFC CSKA Sofia Categoría:Finados en 2026