A palabra continuo provén do latín continŭus.

Filosofía

En filosofía, suscita o problema de se a realidade é continua, (unha única realidade) ou descontinua (multiplicidade de realidades). Problema que xa na antigüidade suscitou varias aporías que dan lugar a variedade de formas de pensamento ao longo da historia; formas diversas de monismos e pluralismos, e a posibilidade ou imposibilidade do cambio ou movemento.

Matemáticas e física

Unha función, variable ou sistema é continuo, en contraposición a discreto, se entre dous puntos calquera existe unha infinidade de puntos e se, ademais, ten a propiedade de completitude; é dicir, se a distancia entre os dous puntos tomados mide d, para cada número entre 0 e d podemos atopar un punto cuxa distancia do primeiro mida exactamente a ese número.. É o caso, por exemplo, dos números reais, así como o espazo-tempo, segundo a relatividade.

Topoloxía

En topoloxía, un continuo é un espazo topolóxico conexo e compacto. Os continuos naceron como un intento de caracterizar as funcións continuas como aquelas que transformaban continuos en continuos. A idea non callou, pero o termo seguiu usándose, pois en numerosas áreas da matemática utilízanse conxuntos compactos e conexos. Algúns autores esixen, ademais, que se cumpra a propiedade de Hausdorff.

Desde o punto de vista topolóxico, en física fálase de continuo para referirse a un subconxunto conexo do espazo euclídeo.

Música

Continuo é sinónimo de baixo continuo, un recheo harmónico da liña do baixo executado por dous instrumentos, moi común en obras do período barroco.

Historia

Os continuos ou cabaleiros continuos eran uns cargos palatinos xenuínos das casas reais ibéricas durante a Baixa Idade Media, que en ocasións chegaron a resistir até o século XVII, como cargo honorífico.

Véxase tamén Outros artigos Conxunto Continuidade (matemáticas) Discreto Hipótese do continuo Avaliación continua

Categoría:Matemáticas Categoría:Terminoloxía musical