María de la Fuente Freire, nada nas Pontes en 1978, é unha científica galega especialista en nanotecnoloxía. Ademais do seu labor investigador promove a igualdade de xénero no eido da investigación.
Traxectoria María de la Fuente é licenciada en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela ( 2001) e doutora na área de Nanomedicina e Terapia xénica (2006). Durante a súa su formación posdoutoral tivo unha bolsa de investigación por parte da Fundación Alfonso Martín Escudero (2008-2010), e dun contrato para investigadores posdoutorais financiado pola Fundación Científica da Asociación Española Contra o Cancro (AECC).
No ano 2013 obtén un contrato Miguel Servet do ISCIII, e constitúe a Unidade de Nano-Oncoloxía do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela. A súa actividade investigadora céntrase na aplicación da nanotecnoloxía, para mellorar o diagnóstico e tratamento do cancro, sendo investigadora principal de varios proxectos de investigación (autonómicos, nacionais e internacionais), autora de numerosos artigos científicos, e inventora de 5 patentes.
Na loita a favor da igualdade das mulleres científicas, promoveu a campaña #oCientificaoMadre para que a maternidade non supuxese unha discriminación na carreira profesional, unha campaña nos medios moi importante que supuxo un punto de inflexión no ámbito nacional, e deu lugar ao inicio de cambios lexislativos en convocatorias nacionais dependentes da Axencia Estatal de Investigación e do Instituto de Saúde Carlos III. Foi proposta para optar á Medalla Emilia Pardo Bazán, como referente na loita pola igualdade de xénero no eido da ciencia e a investigación. En 2021 unha sentenza recoñeceu a discriminación na convocatoria á que a científica galega se presentou en desvantaxe por mor do permiso de maternidade e o seu caso foi tomado como exemplo da discriminación que se debe superar na proposición de lei Ángeles Alvariño aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
Entrevista en Praza Pública
Categoría:Nados en 1978 Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Científicos de Galicia Categoría:Nados nas Pontes de García Rodríguez Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes