José Maceiras Lago, coñecido como Pepe Maceiras, é un ex copiloto galego de rallys.
Foi copiloto de Manuel Senra durante os primeiros anos da carreira deportiva deste, e gañou xunto a el dous títulos do Campionato de Galicia de Rallys de Terra. Competiu tamén no Campionato de Galicia de Rally, logrando varias vitorias e o subcampionato en 1992.
Traxectoria Debutou xunto a Manuel Senra no Rally de Ferrol de 1985, copilotando un Renault 5 GT Turbo e rematando en oitava posición. En 1986 quedaron décimos no Rally Botafumeiro e en 1987 conseguiron subir ao podio na mesma proba. Repetiron terceiro posto na edición de 1988.
En 1990 pasaron a correr cun Peugeot 205 GTI, co que disputaron o galego de asfalto e debutaron no Campionato de Galicia de Rallys de Terra, participando nas dúas últimas probas, o Rally de Narón e o Rally de Caldas, logrando a vitoria en ambas. En 1991 logrou a súa primeira vitoria en asfalto, tras vencer co 205 no 4º Rally de Vigo.
En 1992 lograron tres vitorias no campionato galego de asfalto sobre un Peugeot 309 GTI, e proclamáronse subcampións, por detrás de Germán Castrillón e Estrella Castrillón. Proclamáronse campións galegos de terra na tempada 1993 e revalidaron o título en 1994, en ambos casos co Peugeot 205. Neses anos conseguiron gañar tres veces consecutivas o Rally de Narón, por aquel entón un rally de terra.
Ademais de con Senra, disputou un Rally Botafumeiro con Ricardo Vidal e un Rally de Ourense con Jesús Campos. Deixou os rallys en 1995 por temas persoais.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Faustino Suárez
Categoría:Copilotos de rally de Galicia