O Campionato de Galicia de Rallys de Terra foi unha competición de rally que se disputou anualmente en Galicia nos anos 80 e 90, organizada pola Federación Galega de Automobilismo.

Historia A primeira tempada comezou en abril de 1986 coa disputa do Rally Ría de Vigo, que gañou o vigués Serafín Oitabén, conducindo un Citroën Visa, que finalmente se proclamou campión ao non se disputaren máis probas. Repetiu triunfo en 1988 (en 1987 non se celebrou), despois de gañar dous dos tres rallys que formaban o campionato.

A edición de 1989 contou con máis probas, incluído o Rally de Terra de Lugo, que puntuou tanto para o campionato de España como para o de Galicia, así como a primeira edición do Rally de Narón. O piloto do Carballiño Andrés González, conducindo un Talbot 1200, foi o vencedor final, nunha tempada na que varios pilotos conseguiron vitorias, entre eles José María Magdaleno, José Caamaño ou Alfonso Pavón e na que tamén se produciu un grave accidente de Tino Lombán no Rally do Carballiño, que o deixou varias semanas en coma. En 1990 o dominador foi o portugués João Enes, que gañou o título despois de lograr dúas vitorias e dous segundos postos. Nesta tempada debutou no campionato Manuel Senra, que xunto ao seu copiloto Pepe Maceiras, serían uns dos principais protagonistas do certame nos seguintes anos. Debutaron cun Peugeot 205 GTI na penúltima proba, o 3º Rally de Narón, logrando a vitoria, e repetiron triunfo no seguinte e derradeiro rally, o Rally de Caldas.

Senra logrou outras dúas vitorias en 1991 pero o título foi ese ano para os ourensáns Andrés González e Guillermo Díaz, que pilotaban un Renault 5 GT Turbo. Na tempada 1992 reducíronse as probas disputadas e Ana Barbero deu a sorpresa, alzándose co título, sendo a única muller en logralo. En 1993 continuaron os problemas na organización dos rallys, coa suspensión de varios deles por falta de financiamento e ao que se sumou o acontecido no 6º Rally de Terra do Carballiño, onde varias mulleres de Gabián, no concello de Boborás, cavaron unha gabia nunha parte do percorrido e impediron o paso dos vehículos, debido a un desacordo coa organización. Finalmente as dúas probas organizadas polo RACE en Lugo puntuaron para o campionato galego ademais de para o nacional, polo que se conseguiron disputar catro probas en total, resultando gañador Manuel Senra. O piloto de Dumbría repetiu título ao ano seguinte, no que se incluíron varias subidas de montaña en terra. Despois da edición de 1995, na que foi José Esturao o vencedor, o campionato deixou de celebrarse.

No ano 2011 houbo un intento por recuperar o certame, organizándose tres rallys, na Gudiña, a Terra Chá e Touro, e resultando vencedor o ourensán Juan Pablo Castro, a bordo dun Subaru Impreza. Con todo, o campionato non tivo continuidade.

Probas

Rally de Narón Rally de Porriño Rally de Terra do Carballiño Rally de Terra de Ourense Rally Ría de Vigo Rally de Terra de Barbadás Rally de Terra de Parada do Monte Rally de Terra de Lugo Rally de Caldas de Reis

Rally de Terra Concello de Chantada Rally Vila de Verín Rally de Terra Concello de Chantada Rally de Terra Xacobeo 93 Subida de Montaña en Terra de Redondela Subida de Montaña en Terra de Ponteareas Rally de Terra da Gudiña Rally da Terra Chá Rally de Terra Concello de Touro

Palmarés AnoPilotoCopilotoAutomóbil1986 Serafín Oitabén Francisco AlonsoCitroën Visa1988 Serafín Oitabén Francisco AlonsoCitroën Visa1989 Andrés González Guillermo DíezTalbot 1200 TI1990 João Enes Manuel HermoRenault 11 Turbo1991 Andrés González J. Manuel BoimortoRenault 5 GT Turbo1992 Ana Barbero Francisco VarelaCitroën AX 4x41993 Manuel Senra José MaceirasPeugeot 205 GTI1994 Manuel Senra José MaceirasPeugeot 205 GTI1995 José Esturao Anxo ÁlvarezSeat Ibiza GTI2011 Juan Pablo Castro Juan LealSubaru Impreza STi

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Web oficial da Federación Galega de Automobilismo

Categoría:Campionato de Galicia de Rallys de Terra