Paulinho Paiakan, finado o 16 de xuño de 2020, foi un líder do pobo caiapó, unha tribo indíxena do Brasil. Liderou aos caiapó nas súas protestas contra a destrución da selva amazónica.

Traxectoria Paiakan foi contratado polo goberno brasileiro en 1971 para facilitar a construción do sistema de estradas trans-amazónicas polas terras do pobo caiapó. Unha vez que Paiakan viu a natureza do proxecto de primeira man, deixou o traballo e comezou a mobilizar ao seu pobo contra o proxecto. Xunto a un grupo de persoas da súa vila natal, estableceu unha nova aldea chamada Aukre, onde se propuxo gravar a destrución da selva e das tradicións caiapó.

Deuse a coñecer no escenario mundial percorrendo Europa e América do Norte con comparecencias públicas e discursos, coa colaboración da Rede Amigos da Terra, o Fondo Mundial para a Vida Silvestre e o Grupo de Apoio aos Caiapó de Chicago nunha campaña contra o proxecto da presa de Altamira. Na Universidade de Chicago declarou: O bosque é unha cousa grande; ten persoas, animais e plantas. De nada serve salvar os animais se se queima o bosque; non ten sentido salvar o bosque se as persoas e animais que viven nel son asasinadas ou expulsadas. Os grupos que intentan salvar as razas de animais non poden gañar se as persoas que intentan salvar o bosque perden; a xente que intenta salvar aos indíxenas non pode gañar se algún dos outros perde; os indíxenas non poden gañar sen o apoio destes grupos; pero os grupos non poden gañar tampouco sen o apoio dos indíxenas, que coñecen o bosque e os animais e poden contar o que lles está pasando. Ninguén de nós é o suficientemente forte como para gañar só; xuntos podemos ser o suficientemente fortes como para gañar. O Banco Mundial anunciou que non concedería a Brasil un préstamo para o proxecto despois desta campaña e da protesta en Altamira.

Acusación de violación e xuízo En 1992, Paiakan foi acusado de violar a unha muller xove e branca á que contratara para dar titorías aos seus fillos. En 1994 foi absolto, pero nun novo xuízo en 1999 foi condenado a seis anos de prisión. O asunto estigmatizou non só a Paiakan, senón a todo o movemento de pobos indíxenas do que fora unha figura clave.

Morte Paiakan faleceu o 16 de xuño de 2020 no Hospital Público Rexional do Araguaia en Redenção, Pará, pola COVID-19. Tiña ao redor de 65 anos no momento da súa morte.

Notas

Categoría:Pobo caiapó Categoría:Finados en 2020 Categoría:Finados pola COVID-19 no Brasil Categoría:Activistas do Brasil Categoría:Nados en ano descoñecido Categoría:Indixenistas de América