Margarita del Val Latorre, nada en Madrid en 1959, é unha viróloga e inmunóloga española, investigadora científica do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) da resposta inmunitaria fronte ás infeccións virais e investigadora científica no Centro de Bioloxía Molecular Severo Ochoa (CBMSO). Defensora da eficacia do uso das vacinas e das corentenas nos casos de crises epidemiolóxicas como a pandemia do coronavirus COVID-19 en 2020.

Traxectoria Del Val é Doutora en Ciencias Químicas, na especialidade de Bioquímica e Bioloxía Molecular pola Universidade Autónoma de Madrid (UAM). Estudou a licenciatura entre 1976 e 1981 e despois fixo a tese, tamén na UAM, no Centro de Bioloxía Molecular Severo Ochoa. A súa nai e o seu pai eran doutores en química e criaron a Margarita del Val nunha contorna intelectual e científica. Iniciou os estudos de química pero logo decidiuse pola de Bioquímica, de recente creación e promovida por Federico Maior Zaragoza, Margarita Salgas e Eladio Viñuelas.

Realizou a súa estancia posdoutoral en Alemaña, a partir de 1986, primeiro dous anos no Instituto Federal de Investigación en Enfermidades Virais de Animais en Tubinga e a continuación tres anos na Universidade de Ulm. Alí iniciou estudos sobre a resposta inmune celular fronte ás infeccións virais, a interferencia dos virus con esta resposta inmune, e o procesamento e presentación de antíxenos virais a linfocitos T citotóxicos, que lle levou ao deseño da primeira vacina experimental baseada en epítopos T illados, concepto que é actualmente a base de varios ensaios clínicos.

Foi investigadora no Instituto de Saúde Carlos III en Majadahonda durante 19 anos, onde estableceu o seu propio grupo. Desde 2010 traballa no Centro de Bioloxía Molecular Severo Ochoa (CSIC - UAM) en Madrid, orientando a súa investigación cara ao estudo da resposta inmune fronte a patóxenos en modelos animais de infección e vacinación nos últimos anos. É investigadora científica do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), en concreto, da resposta inmunitaria fronte ás infeccións virais.

Realizou dúas estancias temporais no NIH en Bethesda, preto de Washington, nos Estados Unidos, e unha na Universidade McGill en Montreal, no Canadá.

Dirixiu numerosos proxectos de investigación, realizou divulgación científica e publicou artigos de grande impacto. Ao comezo da crise do coronavirus en España, escribiu diversos artigos de sensibilización da poboación, destacando o titulado "Coronavirus, una llamada a la sensatez y la responsabilidad".

Representou a España na Axencia Europea do Medicamento (EMA) para a comercialización de medicamentos. Ademais é membro da Real Academia Nacional de Farmacia e do Comité Experto Asesor en Vacinas da Comunidade de Madrid. Como Vocal da área de Ciencias da Vida e da Saúde da Confederación de Sociedades Científicas de España (COSCE), coordina o Acordo COSCE de Transparencia en Experimentación Animal.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Coronavirus

Ligazóns externas

Entrevista a Margarita Del Val, inmunóloga y viróloga del CSIC en RTVE Las científicas del coronavirus. Margarita del Val Exposición virtual Universidade de Alacant Con Nombres de Mujer. Científicas en el campo de la inmunología y las vacunas

Categoría:Nados en Madrid Categoría:Alumnos da Universidade Autónoma de Madrid Categoría:Bioquímicos de España Categoría:Nados en 1959 Categoría:Académicos da Real Academia Nacional de Farmacia