Juan Carlos González Martín, alcumado "Culebra" ou "Culebras", nado en Vigo c.1938 e finado na mesma cidade o 25 de maio de 2018, foi un piloto de rally, contrabandista de tabaco e narcotraficante galego.
Traxectoria
Piloto de rally Competiu en rallys dende os anos 60, gañando o alcume de "Culebra". En 1967, a bordo dun Seat 850 Coupé, rematou quinto no Rally Rías Baixas e na edición do ano seguinte mellorou un posto, conducindo un Renault 8 Gordini. Disputou varios rallys máis a finais dos anos 70 e logrou a súa primeira vitoria no Rally San Froilán de 1979 a bordo dun Seat 1430. Tamén ese ano gañou a VI Subida a Manzaneda. Despois de máis de dez anos sen competir reapareceu no Rally Rías Baixas de 1990, tras mercarlle a Pep Bassas o BMW M3 co que este se proclamara campión de España en 1989. Con este vehículo rematou segundo o rally por detrás de Germán Castrillón. Gañou logo o Rally do Sil de 1991 e o Rías Baixas de 1991 con outro BMW M3 adquirido tamén a Pep Bassas. Sumou un total de tres vitorias no Campionato de Galicia de Rally.
Contrabandista e narcotraficante Dedicouse ao contrabando de tabaco dende a súa xuventude, sendo detido e sancionado varias veces durante os anos 60 e 70. Posteriormente pasou ao narcotráfico e en 1996 foi detido por intentar vender 800 quilogramos de haxix a uns clientes que resultaron ser axentes encubertos. Foi condenado en 1999 e pasou catro anos no cárcere. No ano 2008 foi detido con toda a súa familia no marco da Operación Malpolón, na que se lle incautaron numerosos bens e propiedades, entre eles 6 millóns de euros que tiña nun banco en Portugal, outros 13 millóns invertidos a través de sociedades, 32 inmobles, nove vehículos, un iate, obras de arte e xoias. En 2015 foi condenado a seis anos de cárcere e a pagar unha multa de 56 millóns de euros por branqueo de capitais. Segundo a sentenza, a rede encabezada por el e da que tamén formaban parte varios membros da familia, branqueou máis de 20 millóns de euros procedentes do narcotráfico, a través de decenas de operacións mercantís. Ademais foron condenados a penas de entre 3 e 5 anos de prisión a súa muller, os seus tres fillos, dúas sobriñas e unha antiga compañeira sentimental, ademais de varias persoas máis con diferentes penas. Mentres que os membros da súa familia entraron na prisión para cumprir as súas condenas, o "Culebra" alegou problemas de saúde nunha serie de recursos que foron retardando o seu ingreso, ata que faleceu en 2018 sen pisar o cárcere.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Reportaxe sobre o "Culebra" en Equipo de investigación, laSexta .
Categoría:Nados en Vigo Categoría:Finados en 2018 Categoría:Contrabandistas de Galicia Categoría:Narcotraficantes de Galicia Categoría:Pilotos de rally de Galicia Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes