O asasino que hai en min é unha novela negra en lingua inglesa do escritori estadounidense Jim Thompson, publicada en 1952 por Fawcett Publications co título orixinal de The Killer Inside Me. Na introdución da antoloxía Crime Novels: American Noir of the 1950s aparece descrita como "unha das novelas de crime máis apaixonantes e intransixentes xamais escritas"Crime Novels: American Noir of the 1950s, Literary Classics of the United States, Inc. 1997. Nova York: The Library of America. Foi traducida ao galego por Eva Almazán e publicada en 2012 por Rinoceronte Editora. Trama Lou Ford é un oficial do shériff nunha pequena cidade de Texas. Ford parece ser un policía habitual da cidade pequena, cunha vida anódina. Mais por baixo desa fachada é un astuto sociópata e depravado, con gustos sexuais sádicos. Malia ter unha relación estable coa profesora Amy Stanton, amiga da infancia, leva unha relación sadomasoquista coa prostituta Joyce Lakeland. Ford describe esta relación como "desbloquear a doenza" que o afecta desde adolescente, cando abusou sexualmente dunha nena, un crime polo cal o seu irmán máis novo adoptivo Mike foi culpado para evitar que Lou fose a prisión. Logo de pasar polo cárcere, Mike faleceu nun accidente laboral traballando para o magnate local da construción, Chester Conway, e Lou sospeita que Mike foi asasinado por non querer cumprir coas directrices do seu patrón.
Para vingarse de Chester Conway, Lou e Joyce fan chantaxe a Elmer Conway, o fillo do construtor, para evitar que se saiba que este tamén mantén unha relación coa prostituta. Porén, Lou dálle unha tunda a Joyce e dispara a Mike, simulando que se mataron entre eles. O avogado Howard Hendricks sospeita de Lou tras velo preto do lugar do crime, e o shériff Bob Maples comeza a investigar. Deteñen a Johnnie Pappas, un rapaz amigo de Lou que traballaba nunha estación de servizo, e a quen Lou dera un billete marcado de 20 dólares que á súa vez a el lle dera Elmer como pagamento da chantaxe. Para evitar que Johnnie Pappas o incrimine, Lou mátao e simula que o rapaz se suicidou nos calabozos da comisaría, abafado pola culpa. Porén, o avogado, o shériff e o o deputado Jeff Plummer seguen desconfiando. Lou e Amy, a súa moza, fan plans para escaparen da cidade e casar a escondidas, xa que por mor da moral imperante aínda non puideran facer pública a súa relación.
Un vagabundo que anteriormente fora ferido por Lou intenta facerlle chantaxe, dicíndolle que escoitou unha conversa que o incrimina. Cita o vagabundo na súa casa na noite en que ten pensado marchar con Amy, pero de novo simula un crime: de varios golpes deixa a Amy ferida de morte, e comeza a perseguir o vagabundo pola cidade acusándoo de violador. Plummer mata o vagabundo na persecución, e Lou é sedado e levado ao hospital. Plummer e Hendricks visitan a Lou no hospital, agora xa convencidos de que foi el o autor dos asasinatos, e dinlle a Lou que o shériff Bob Maples se suicidara, convencido da culpa de Lou. Móstranlle unha carta que Amy escribira e que tiña intención de darlle durante a súa fuga, na que sutilmente lle pide que lle aclare se está metido nalgunha lea. Lou nega que a carta sexa incriminatoria, pero Plummer e Hendricks ingrésano nun psiquiátrico, onde o torturan sen éxito obrigándoo a escoitar a voz de Johnnie e a ver imaxes de Amy.
Finalmente o avogado de Lou libérao, se ben non pode sacar a Lou da cidade. Lou acepta o seu destino e reflexiona sobre o seu pasado, chegando á conclusión de que o seu odio e a súa violencia, especialmente cara ás mulleres, se deberon a un incidente da infancia no que a súa antiga ama de chaves abusou del para vingarse do pai de Lou, médico con quen ela estaba infelizmente involucrada nunha relación sadomasoquista. Este incidente levouno a abusar das mulleres, o que levou á súa demencia precoz. Sabendo que o seu destino está marcado, Lou organiza o seu final. Enche a súa casa con alcohol e candeas, sabendo que vai ser visitado. Plummer e Hendricks chegan á vivenda cun equipo de policía e mais con Joyce, quen non falecera, se ben está gravemente ferida e irrecoñecible. Joyce asegúralle a Lou que non o delatou, e el afirma o seu afecto por ela antes de apuñalala. A policía dispara contra Lou e mátao, pero os disparos provocan unha grande explosión na casa.
Narración
A obra está narrada en primeira persoa. A trama está ambientada en Central City, unha vila ficticia de Texas, en 1952.
Adaptacións A obra foi levada ao cinema dúas veces. The Killer Inside Me, dirixida en 1976 por Burt Kennedy con Stacy Keach como Lou Ford e Tisha Sterling como Amy Stanton, e The Killer Inside Me, dirixida en 2010 por Michael Winterbottom con Casey Affleck e Jessica Alba.
Notas
Categoría:Obras literarias de 1952 Categoría:Novela negra en inglés Categoría:Novelas ambientadas nos Estados Unidos de América Categoría:Obras traducidas do inglés ao galego