The Man Who Wasn't There é un filme neo-noir de 2001 escrito, dirixido, producido e montado polos irmáns Coen. O filme estivo protagonizado por Billy Bob Thornton, acompañado por Frances McDormand, James Gandolfini, Michael Badalucco, Tony Shalhoub, Scarlett Johansson, Jon Polito e Richard Jenkins. Foi coproducida de forma independente a través de produtoras estadounidenses e británicas. A trama está ambientada en 1949 e relata a historia de Ed Crane, un barbeiro retraído que leva unha vida común nunha pequena cidade de California xunto á súa esposa, de quen sospeita que está a ter unha aventura co seu xefe. A situación de Ed cambia cando un estraño chega á barbería e ofrécelle a oportunidade de unirse a el como socio nun novo negocio prometedor, a cambio dun investimento de dez mil dólares. Atraído pola idea, Ed planea chantaxear ao amante da súa esposa para conseguir o diñeiro.
O filme tomou elementos do cine negro clásico como o branco e negro e a voz en off, ao mesmo tempo, diferenciouse deste incluíndo música clásica, ambientando a trama nunha pequena cidade e contando cun protagonista alleo ao mundo do hampa. Os Coen comezaron a desenvolver a idea a partir dun anuncio de cortes de pelo dos anos 1940 que viron mentres rodaban The Hudsucker Proxy, en galego O gran salto. O argumento estivo en gran medida influenciado polas novelas negras de James M. Cain, principalmente Double Indemnity, The Postman Always Rings Twice e Mildred Pierce. En canto á estética, The Man Who Wasn't There inspirouse en cintas das décadas de 1940 e 1950 —entre elas Shadow of a Doubt, en galego A sombra dunha dúbida—, e mesmo en películas de ciencia ficción e «documentais baratos» desas décadas.
A rodaxe levouse a cabo en distintas localizacións de California e orixinalmente filmouse en cor para despois ser convertida a branco e negro. A cinta estreouse e participou na selección oficial do Festival de Cannes de 2001, onde Joel Coen levou o premio ao mellor director. Trala súa estrea nos cines, tivo unha repercusión morna na venda de billetes, con todo foi ben recibida pola crítica cinematográfica, que eloxiou o traballo de fotografía de Roger Deakins e as actuacións, en especial o papel do lacónico protagonista interpretado por Thornton. Algúns críticos de medios como The Guardian, BBC e Austin Chronicle referíronse a ela como unha das mellores cintas do ano. Da mesma forma, o National Board of Review incluíuna dentro das súas mellores dez películas do ano e outorgoulle a Thornton o premio ao mellor actor. Deakins recibiu un nomeamento nos Premios Óscar á mellor fotografía e a película logrou múltiples candidaturas e premios por parte doutras organizacións.
Argumento A historia está narrada durante o verán de 1949 na vila de Santa Rosa situado ao norte de California. Ed Crane (Billy Bob Thornton) é un barbeiro de carácter melancólico, inexpresivo e reservado casado con Doris (Frances McDormand), unha oficial contable con algúns problemas de alcoholismo. Xeralmente Ed contesta con pouco máis que un xesto debido a que todo o que sucede ao seu ao redor resúltalle pouco máis que inerte. A tal punto que termina por sentirse aborrecido da súa vida, de aspecto rutineira e aburrida. A barbería onde traballa pertence a Frank (Michael Badalucco), o seu cuñado e tamén colega, un auténtico charlatán. Un día, na barbería, Ed coñece a Creighton Tolliver (Jon Polito), un home de negocios que está a buscar un investidor para desenvolver unha nova tecnoloxía de limpeza en seco. Despois de pensalo, a Ed resúltalle convincente a idea e decide investir. De forma anónima e sutil, Ed chantaxea ao xefe da súa esposa Doris, alcumado «Big Dave» (James Gandolfini), aproveitando que ten a completa certeza de que Dave mantén unha relación amorosa con ela. Desta forma, Ed pretende conseguir os dez mil dólares que necesita para formar parte do negocio.
Dave retira o diñeiro da súa empresa —o grande almacén Nirdlinger— para pagar a chantaxe. Con todo, descobre o plan e golpea a Tolliver ata que este implica a Ed. Dave enfróntase a Ed no almacén e tenta matalo, pero Ed apuñálao fatalmente cunha navalla para cigarros. Despois do funeral de Dave, a esposa deste (Katherine Borowitz) achégase a Ed e coméntalle que un día, ela e Dave viron un ovni. Máis tarde, atópanse irregularidades nos arquivos de contaduría do almacén. A policía arresta a Doris por desfalco e pola morte de Dave. Ed contrata a Freddy Riedenschneider (Tony Shalhoub), un custoso avogado defensor de Sacramento, quen chega á cidade e alóxase no mellor e máis caro hotel. Este continua vivindo extravagantemente co diñeiro da defensa de Doris, o cal Frank obtivo hipotecando a barbería. No entanto, Doris cólgase na súa cela durante a mañá antes do xuízo. Máis tarde dáse a coñecer que estaba embarazada no momento do seu suicidio —aínda que había anos que xa non tiña relacións con Ed—. Riedenschneider abandona a cidade indignado e Frank —agora moi endebedado— empeza a beber moito.
Ed visita regularmente a Rachel «Birdy» Abundas (Scarlett Johansson), a filla adolescente dun amigo, para escoitala tocar o piano. Atormentado pola soidade, imaxínase axudándoa a empezar unha carreira musical e transformándose no seu representante. A súa fantasía remata cando un profesor de música dille que Birdy non ten talento. Conducindo de volta despois de visitar o profesor, Birdy insinúaselle a Ed e trata de facerlle sexo oral, provocando que Ed perda o control do vehículo e choque. Cando Ed esperta no hospital, dous oficiais de policía comunícanlle que está baixo arresto por asasinato. O cadáver de Tolliver foi atopado nun lago, xunto ao contrato de investimento de Ed. A policía cre que Ed obrigou a Doris a extraer da empresa o diñeiro do investimento e logo matou a Tolliver para que non revelase a orixe do diñeiro despois de que este se dese conta. Ed é axuizado polo asasinato e hipoteca a súa casa para volver contratar a Riedenschneider. A declaración inicial de Riedenschneider ao xurado é interrompida cando Frank ataca a Ed; o xuízo é suspendido. Sen diñeiro e sen nada máis para hipotecar, Ed lánzase á corte á súa sorte. A manobra non funciona e o xuíz senténciao a pena de morte.
Mentres espera no corredor da morte, Ed escribe a súa historia para vendela a unha revista pulp. Pouco antes da súa execución, Ed ve un ovni no exterior do cárcere. Finalmente, unha mañá é conducido á cadeira eléctrica. Reflexiona sobre o seu destino, sen arrepentirse das súas decisións e coa esperanza de ver a Doris no máis aló, ámbolos dous libres das imperfeccións do mundo mortal.
Elenco
Billy Bob Thornton como Ed Crane, un barbeiro taciturno e inexpresivo que traballa na barbería do seu cuñado. Frances McDormand como Doris Crane, a esposa de Ed e contable no grande almacén Nirdlinger. Michael Badalucco como Frank Raffo, cuñado de Ed, dono e barbeiro principal da barbería. James Gandolfini como «Big Dave» Brewster, veterano de guerra e encargado do grande almacén onde traballa Doris. Katherine Borowitz como Ann Nirdlinger Brewster, esposa de Big Dave e propietaria do Nirdlinger. Jon Polito como Creighton Tolliver, emprendedor viaxeiro que convence a Ed de investir no seu negocio de limpeza en seco. Scarlett Johansson como Rachel «Birdy» Abundas, unha adolescente que logra o interese de Ed debido ás súas habilidades como pianista. Richard Jenkins como Walter Abundas, un avogado coñecido de Ed e pai de Birdy. Tony Shalhoub como Freddy Riedenschneider, un prestixioso e hábil avogado encargado de defender aos Crane. Christopher Kriesa como Oficial Persky Brian Haley como Oficial Pete Krebs Jack McGee como Detective privado Burns Gregg Binkley como The New Man Alan Fudge como Dr. Diedrickson Lilyan Chauvin como Medium Adam Alexi-Malle como Jacques Carcanogues Brooke Smith como Prisioneira Christopher McDonald como Vendedor de macadam Jennifer Jason Leigh como Prisioneira
Produción
Antecedentes Os irmáns Coen comezaron a escribir o guión a mediados dos anos 1990 e fixeron unha pausa no medio para filmar O gran Lebowski; novamente dispoñibles, os irmáns trasladáronse a Irlanda —onde Frances McDormand se atopaba traballando— para continuar co guión. Unha vez escrito o guión, os Coen enviáronllo aos produtores Eric Fellner e Tim Bevan da compañía Working Title Films; tiñan intencións de iniciar a produción en 1999 pero aproveitando a dispoñibilidade de George Clooney preferiron dedicarse a outro proxecto: O Brother, Where Art Thou?. Así que rematou a filmación e montaxe de O Brother, Where Art Thou?, a mediados do ano 2000, os directores continuaron con The Man Who Wasn't There —nese entón titulada provisionalmente The Barber Project—. O proxecto financiouse de forma independente a través das produtoras Gramercy Pictures, Working Title Films e Good Machine —compañía de Ted Hope e James Shamus, quen máis tarde fundaron Focus Features— que reuniron un orzamento aproximado de vinte millóns de dólares.
Sen ter claro aínda quen ía interpretar o protagonista, os Coen escribiron o personaxe de Doris —a esposa de Ed Crane— e Frank —o dono da barbería— para Frances McDormand e Michael Badalucco, respectivamente. Para protagonizar a cinta, os directores déronlle a oportunidade a un actor con quen non traballaran antes, Billy Bob Thornton, que aceptou a proposta para encarnar ao barbeiro antes de ler o guión: «Sabía que sería bo. Hai certas persoas coas que sabes que non pode saír mal», comentou o actor. Mentres que para o rol do xefe e amante de Doris, os Coen convenceron a James Gandolfini, quen segundo eles era perfecto para o personaxe». Outros dous actores xa coñecidos polos Coen, Jon Polito e Tony Shalhoub, tamén se sumaron ó elenco, completado por Adam Alexi-Malle, Katherine Borowitz, Richard Jenkins e a nese entón adolescente Scarlett Johansson. Cando Jenkins recibiu a chamada para asistir ao casting a súa resposta foi negativa debido a que xa asistira a tres probas de selección para tres producións anteriores dos Coen, sen éxito en ningún dos casos. Aínda así, os directores finalmente elixírono para o papel.
Filmación A filmación comezou o 26 de xuño do ano 2000 en California e finalizou o primeiro de setembro, tras dez semanas de rodaxe. A cinematografía de Roger Deakins foi sinxela e tradicional. A maioría das tomas fixéronse coa cámara á altura da vista, con lentes normais e unha longa profundidade de campo. En comparación coas vellas películas de cine negro estadounidense, Deakins usou unha ampla gama de grises e tentou crear pouco contraste sen moitas sombras fortes, utilizando menos cantidade de luces e de maior tamaño. A pesar de estar ambientada no pasado, utilizou tecnoloxías contemporáneas e quería que The Man Who Wasn't There reflectise a era en que estaba a ser realizada: «non tratamos de facer unha película vella», dixo Deakins. Filmouse en formato de 35 mm en cor e logo foi convertida a branco e negro durante a posprodución. Ese procedemento debeuse, en parte, a razóns técnicas posto que nas últimas décadas a dispoñibilidade de rolos de película en branco e negro era moi escasa. Con todo, debido a esixencias contractuais e de mercadotecnia, nalgúns países estreouse en cor. «A película fíxose para ser vista en cor», afirmou Joel Coen, e mencionou que en cor se vería «horriblemente fóra de lugar» debido a que a escala de grises neutralizou cores alleas á época de ambientación da trama.