Joan Feynman, nada en Queens (Nova York) o 31 de marzo de 1927 e finada o 21 de xullo de 2020, foi unha astrofísica americana. Fixo contribucións importantes ao estudo de temas relacionados co vento solar, relacións Sol-Terra e física magnetosférica. En particular, Feynman foi coñecida por desenvolver a comprensión da orixe das auroras polares, e por crear un método para predicir as manchas solares.

Vida temperá Feynman criouse en Far Rockaway, Queens, Cidade de Nova York, xunto co seu irmán máis vello, Richard Feynman. A súa familia era orixinaria de Rusia e Polonia; ambos os proxenitores eran xudeus asquenací. Como o seu irmán, Joan foi unha nena inquisitiva, e mostrou  interese en comprender o mundo natural dende unha idade temperá. Aínda así, tanto a súa nai como a súa avoa intentaron disuadila do seu interese pola ciencia. A pesar disto, o seu irmán Richard sempre alentou a súa curiosidade sobre o universo, a introduciu no coñecemento das auroras e fixo dela, con 5 anos, a súa 'axudante de laboratorio'. Convenceuse de que, efectivamente, podía estudar ciencia, cando se topou cun gráfico baseado nas investigacións da notable astrónoma Cecilia Payne-Gaposchkin.

Formación Feynman graduouse na Universidade de Oberlin. Máis tarde asistiu á Universidade de Siracusa, onde estudou teoría do estado sólido no departamento de física dirixido por Melvin Lax. Durante os seus anos de licenciatura, Feynman tomou un ano sabático para vivir en Guatemala, onde estudou a antropoloxía dos maias que alí viviron. Feynman finalmente conseguiu o seu doutoramento en física en 1958. A súa tese trataba sobre a  "absorción de radiación infravermella en cristais de estruturas reticulares tipo diamante". Tamén realizou traballo pos doutoral na Universidade de Columbia.

Carreira Entre 1960 e 1962 estivo retirada da investigación para poder coidar ós seus dous fillos, caendo na depresión e sendo aconsellada de volver ó traballo por un terapeuta. Volveu traballar, primeiro a tempo parcial, no Columbia University’s Lamont-Doherty Earth Observatory, onde comezou o estudo da magnetosfera.

No 1971 comezou a traballar no Ames Research Center da NASA. Posteriormente, pasou ó High Altitude Observatory no National Center for Atmospheric Research en Boulder, Colorado, á National Science Foundation (NSF) e ó Boston College, pasando no 1985 ó Jet Propulsion Laboratory (JPL) en Pasadena, California, onde remataría a súa carreira e ó que seguiría ligada despois.

Durante a súa carreira, Feynman foi autora ou coautora de máis de 100 publicacións científicas. Tamén editou tres libros científicos.

Premios e honras Feynman foi elixida dúas veces secretaria da Sección de Física Solar e Interplanetaria da Unión Americana de Xeofísica.

En 2002, Feynman foi designada como unha dos científicos sénior de elite do JPL.

No mesmo 2002, foille outorgada como distinción a Medalla ao Logro Excepcional da NASA.

Notas

Categoría:Alumnos da Universidade de Syracuse Categoría:Alumnos do Oberlin College Categoría:Alumnos da Universidade Columbia Categoría:Nados en Queens Categoría:Nados en 1927 Categoría:Finados en 2020 Categoría:Astrofísicos Categoría:Físicos dos Estados Unidos de América