Na mitoloxía nórdica, Ratatosk (en nórdico antigo, xeralmente se lle considera «dente perforador» ou «dente broca») é un esquío que corre de arriba abaixo pola árbore do mundo Yggdrasil levando mensaxes entre a aguia sen nome, pousada na copa, e o dragón Níðhöggr, que reside baixo unha das tres pólas da árbore. Ratatosk aparece mencionado na Edda poética, compilada no século XIII de fontes tradicionais máis temperás, e na Edda prosaica, escrita no mesmo século por Snorri Sturluson. Diversos eruditos teñen proposto teorías sobre as implicacións do esquío.
Etimoloxía O nome Ratatosk está formado por dous elementos: rata- e -tosk. Este último considérase maiormente que significa «cabeiro». Guðbrandur Vigfússon teoriza que o elemento rati- significa «o viaxante». Vigfússon afirma que o nome do lendario trade Rati podería presentar o mesmo termo. De acordo con Vigfússon, Ratatosk significa «o cabeiro viaxante» ou «o cabeiro gabeador».
Sophus Bugge á súa vez teoriza que o nome Ratatosk é un empréstito do inglés antigo que significa «Rat-tooth», «Rata-dente» literalmente. Esta teoría baséase no feito de que o elemento -tosk do composto non aparece en ningún outro lugar no nórdico antigo. Bugge propón que dito elemento é unha reforma da palabra tūsc do inglés antigo (en frisón antigo tusk) e que, en cambio, o elemento Rata- representa o vocábulo ræt («rata») tamén do inglés antigo.
Segundo Albert Sturtevant, «no que respecta ao elemento Rata-, a hipótese de Bugge non ten fundamentación válida en vista do feito de que o vocábulo [en nórdico antigo] Rata (forma de Rati*) emprégase en Háv[amál] (106, 1) para nomear o instrumento que emprega Odín para perforar a través das rochas en busca do hidromel dos poetas [...]», e que «Rati* debe considerarse un vocábulo nativo [en nórdico antigo] que significaba "o perforador, roedor" [...]».
Sturtevant explica que a teoría de Bugge sobre o elemento -tosk parece estar sustentada polo feito de que a palabra non aparece en ningún lugar máis do nórdico antigo. Con todo, discrepa con esta teoría, xa que afirma que o nome propio en nórdico antigo Tunne (derivado do protonórdico *Tunþē) refírese a «unha persoa caracterizada portando unha clase peculiar de dente», e especula unha forma protoxermánica de -tosk. Sturtevant conclúe que «o feito de que a palabra ocorra só no nome Rata-toskr non é evidencia válida contra esta asunción, xa que hai moitos hapax legomena de orixe nativa [en nórdico antigo], como se comproba nos equivalentes dos dialectos escandinavos modernos». Os eruditos modernos aceptaron esta etimoloxía, deixando o significado de Ratatosk como «dente tradeador», como Jesse Byock, Andy Orchard, e Rudolf Simek, ou «dente perforador», como John Lindow.
Testemuños miniatura|Un esquío vermello nunha árbore perenne en Noruega. No poema Grímnismál da Edda poética, o deus Odín (disfrazado como Grímnir) afirma que Ratatosk corre de arriba abaixo da árbore Yggdrasil levando mensaxes entre a aguia na copa e Níðhögg nas súas raíces: Tradución aproximada baseada na de Benjamin Thorpe: Ratatösk chámase o esquío, que corre no freixo Yggdrasil; de arriba as palabras da aguia debe levar, e baixo Nidhögg repetilas. Tradución aproximada baseada na de Henry Adams Bellows: Ratatosk é o esquío que alí debe correr No freixo Yggdrasil; Dende arriba as palabras da aguia leva, e dillas a Nithhogg debaixo.
No libro Gylfaginning da Edda prosaica, menciónase a Ratatosk no capítulo 16. Nel, Gangleri (descrito como o rei Gylfi disfrazado) pregúntalle a Hár que outros feitos notables hai por coñecer sobre Yggdrasil. A declaración de Hár concorda coa de Grímnismál, mais agrega que as mensaxes son chismes calumniosos:
Teorías De acordo con Rudolf Simek, «o esquío probablemente só representa un detalle decorativo da imaxe mitolóxica do freixo do mundo en Grímnismál». H. R. Ellis Davidson, describindo a árbore do mundo, afirma que o esquío tamén o roía, o que continúa o ciclo de destrución e reconstrución, e propón a árbore como simbolización da constante mudanza existencial. John Lindow sinala que se describe a Yggdrasil como podre dun lado e ao mesmo tempo mastigado por catro cervos e por Nídhögg, e que, segundo o relato de Gylfaginning, tamén soporta a hostilidade verbal que lle propina a fauna que mantén. Lindow engade que «nas sagas, unha persoa que axuda a atizar e manter vivo un feudo levando palabras maliciosas entre os bandos é raramente alguén de status elevado, o que explicaría que se lle asignara este rol na mitoloxía a un animal relativamente insignificante», esta interpretación é compartida polo filósofo e humanista dinamarqués Heinrich Niedner, quen afirma que Ratatosk corre de arriba a abaixo pola árbore co obxectivo de provocar unha loita entre a aguia e a serpe Níðhöggr.
Richard W. Thorrington Jr. e Katie Ferrell ao mesmo tempo propoñen que «o rol de Ratatosk probablemente derivou do hábito dos esquíos de árbore europeos (Sciurus vulgaris) de ter unha resposta confrontativa fronte ao perigo. Non fai falta moita imaxinación para pensar que o esquío está dicindo cousas feas dun».
Notas
Referencias
Véxase tamén
Bibliografía
Categoría:Mitoloxía nórdica