Carlos Arévalo López, nado en Betanzos o 6 de decembro de 1993, é un militar e deportista galego que compite en piragüismo na modalidade de augas tranquilas. Foi dúas veces campión do mundo e dúas veces campión europeo, e gañou dúas medallas nos Xogos Olímpicos (unha prata en Tokyo 2020 e un bronce en París 2024). Traxectoria Despois de gañar varias medallas internacionais en categorías inferiores, participou en 2013 e 2014 tanto no Campionato Europeo como Campionato Mundial absolutos, alternando o K2 200 metros cos relevos do K1 4x200 m. En 2015 competiu nos primeiros Xogos Europeos, en Bakú, quedando ás portas das medallas ao rematar cuarto na final de K2 200, con Cristian Toro como compañeiro. Ao ano seguinte disputou o Mundial sub-23 en Minsk, conquistando a medalla de bronce no C1 200 m.

Tras non conseguir unha praza para os Xogos Olímpicos de 2016 no Río de Xaneiro, pensou en deixar a competición de máximo nivel. Centrouse entón en entrar no Exército e tras unha longa paréntese comezou a prepararse para loitar por un posto nos Xogos Olímpicos de 2020.

En 2019, en Szeged, proclamouse subcampión do mundo na proba de K4 500 metros, formando equipo con Saúl Craviotto, Rodrigo Germade e Marcus Walz. Acabaron a medio segundo da embarcación alemán de Max Rendschmidt, Ronald Rauhe, Tom Liebscher e Max Lemke. Con este mesmo equipo logrou en marzo de 2021 clasificarse para a proba de K4 500 m dos Xogos Olímpicos de Tokyo 2020, só uns días despois de lograr unha praza tamén para o K1 200 m.

Comezou a súa participación olímpica en Tokyo no K1 200, quedando segundo na primeira serie e terceiro nas semifinais, e meténdose así nunha final na que conseguiu un diploma olímpico ao acabar na quinta posición, a menos de dúas décimas das medallas. Na proba de K4 500m, de novo con Germade, Walz e Craviotto, clasificáronse para as semifinais como primeiros da súa serie e metéronse na final ao acabar as semifinais tamén na primeira posición. Xa na regata final, colocáronse na primeira posición dende a saída, pero foron adiantados nos metros finais pola piragua alemá, formada polos mesmos piragüistas contra os que perderan o Mundial de 2019, obtendo deste xeito a medalla de prata.

A súa consagración chegou no Campionato Mundial de 2022 celebrado na cidade canadense de Dartmouth, de onde regresou con dúas medallas de ouro, converténdose no primeiro español en logralo. Competiu primeiro no K-4 500m, xunto ao seu equipo habitual, conseguindo a vitoria na final por diante do cuarteto alemán. Un día despois disputou a final do K-1 100m, onde obtivo o seu segundo ouro, ao impoñerse na meta ao sueco Petter Menning e ao húngaro Kolos Csizmadia. En 2023 participou co mesmo equipo de K4 500 nos Xogos Europeos en Cracovia, que no referente ao piragüismo funcionaron como un Campionato Europeo, e conseguiron o ouro por diante dos ucraínos e os serbios.

Participou nos seus segundos Xogos Olímpicos en París 2024, onde competiu con Craviotto, Germade e Marcus Cooper no K4 500 metros. Despois de meterse sen problemas na final, o equipo fíxose coa medalla de bronce, ao chegar por detrás das embarcacións alemá e australiana. En 2026 regresou do Europeo de Montemor-o-Velho con dúas medallas: conseguiu a prata no K4 500 metros e proclamouse campión europeo do K1 200 metros.

Palmarés internacional Xogos OlímpicosAnoLugarMedallaCompetición2021 Tokyo PrataK4 500 m2024 París BronceK4 500 m Campionato Mundial Ano Lugar Medalla Competición 2019 Szeged Prata K4 500 m2022 Dartmouth OuroK4 500 m OuroK1 100 m2025 Milán BronceK4 500 m2026 Poznan PrataK1 200 mCampionato Europeo2023 Cracovia OuroK4 500 m2025 Račice BronceK1 200 m2026 Montemor-o-Velho OuroK1 200 m PrataK4 500 m

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Cristian Toro Rodrigo Germade Marcus Walz

Ligazóns externas

Ficha do deportista na páxina do Comité Olímpico Español . Carlos Arévalo en CanoeResults.eu .

Categoría:Nados en Betanzos Categoría:Nados en 1993 Categoría:Piragüistas de Galicia Categoría:Piragüistas olímpicos de Galicia Categoría:Piragüistas olímpicos de España Categoría:Piragüistas nos Xogos Olímpicos de 2020 Categoría:Piragüistas nos Xogos Olímpicos de 2024 Categoría:Medallistas olímpicos de Galicia Categoría:Medallistas olímpicos de prata por España Categoría:Medallistas olímpicos en piragüismo Categoría:Medallistas nos Xogos Olímpicos de 2020 Categoría:Medallistas nos Xogos Olímpicos de 2024