Roi Rodríguez Huertas, nado en Vigo o 21 de xuño de 1994, é un enxeñeiro informático e deportista galego que compite en piragüismo na modalidade de augas tranquilas.
Traxectoria Trasladouse coa súa familia a Tomiño en 2004, onde se iniciou no piragüismo da man do Club Kayak Tudense. En 2014 en Mantes proclamouse campión de Europa sub-23 na categoría de K1 1.000 metros e participou no Campionato Europeo de Piragüismo en Augas Tranquilas absoluto en Brandeburgo logrando un sétimo posto en K1 500 metros. Proclamouse tamén campión de España ese ano, en K4 500 e 1.000 metros, logrando un total de 6 medallas nas distintas categorías do campionato.
Rematou sexto no Europeo absoluto de 2015 en K1 500, ano no que participou tamén nos I Xogos Europeos en Bacú (onde rematou 11º en K1 1.000m e 17º nos 5.000m), no Campionato do Mundo sub-23 en Montemor-o-Velho (proclamándose dobre campión do mundo en K1 1.000m e K4 1.000m) e no Campionato Mundial absoluto en Milán, onde rematou cuarto en K1 500m.
En 2016 participou no Europeo en Moscova, no K4, formando equipo con Diego Cosgaya, Francisco Cubelos e Albert Martí. Lograron a medalla de bronce nos 500 metros, mentres que finalizaron quintos na final de 1.000 metros. Ao ano seguinte rematou sexto no Europeo en Bulgaria, en K1 500, e, na mesma distancia, quedou ás portas da súa primeira medalla mundial na República Checa, ao acabar cuarto. Nos 1.000 metros dese mesmo Mundial rematou noveno.
En 2018 logrou o cuarto e o quinto posto no Europeo e no Mundial respectivamente, ambas en K1 1.000 metros. Participou tamén ese ano na Copa do Mundo en Szeged, logrando un bronce en K1 1.000 metros e un ouro en K1 500, batendo ademais o récord do mundo nesta distancia, cun tempo de 1:35.149. En 2019, competiu no Campionato Mundial, tamén en Szeged, acadando un oitavo posto en K1 1.000m.
No ano 2021 volveu subir a un podio do Campionato Europeo, seis anos despois do bronce logrado en Moscova. Foi en Múnic, onde a embarcación do K4 1.000 m formada por el, Francisco Cubelos, Pedro Vázquez e Íñigo Peña conseguiu a medalla de prata por detrás só da piragua alemá. En xuño de 2024 disputou o Europeo en tres categorías (K1 1.000 m, K1 500 m e K4 1.000 m), conseguindo o bronce na proba por equipos.
Palmarés internacional Campionato Europeo Ano Lugar Medalla Competición 2016 Moscova Bronce K4 500 m2021 Múnic PrataK1 1000 m2024 Szeged BronceK4 1000 m
Notas
Véxase tamén Outros artigos Tono Campos Ligazóns externas Ficha do deportista na web do Comité Olímpico Español . Roi Rodríguez en CanoeResults.eu .
Categoría:Piragüistas de Galicia Categoría:Nados en 1994 Categoría:Nados en Vigo