Manuel Marrero Cruz, nado na provincia de Holguín o 11 de xullo de 1963, é un político cubano especializado no sector turístico, que ocupa o cargo de primeiro ministro de Cuba dende o 21 de decembro de 2019. É a primeira persoa en ocupar o cargo en 43 anos tras ser eliminado en 1976 e recuperado na Constitución aprobada en abril de 2019.

Traxectoria É enxeñeiro arquitecto de formación e foi dirixente da FEU. Uniuse ao mundo turístico en 1990 como investidor no Grupo Gaviota e posteriormente foi xefe do grupo de investimentos técnicos, subdirector e director xeral do hotel Río de Luna e logo delegado de Gaviota para as provincias orientais.

Foi director xeral do complexo hoteleiro Varadero Azul, primeiro vicepresidente e finalmente presidente de Gaviota.

En 2004 asumiu o Ministerio de Turismo, nomeado por Fidel Castro. Permaneceu no cargo ata decembro de 2019, cando foi nomeado primeiro ministro de Cuba. O seu sucesor no Ministerio de Turismo foi Juan Carlos García Grada.

Primeiro ministro de Cuba O 21 de decembro de 2019 foi designado pola Asemblea Nacional do Poder Popular como primeiro ministro do goberno. A candidatura foi proposta polo presidente do país, Miguel Díaz-Canel, e recibiu o voto unánime dos deputados. O cargo de primeiro ministro fora eliminado en 1976 e foi recuperado de novo na Constitución de 2019 aprobada ese mesmo ano. A última persoa que exercera como primeiro ministro de Cuba fora Fidel Castro que exercera dende 1959 ata 1976, cando foi elixido presidente dos consellos de Estado e ministros.

O mandato ten unha duración de cinco anos, como se indica no artigo 141 da Constitución cubana de 2019.

Notas

Categoría:Primeiros ministros de Cuba

Categoría:Políticos do Partido Comunista de Cuba Categoría:Nados en 1963 Categoría:Nados na provincia de Holguín Categoría:Ministros de Cuba