A Casa de moeda de Nova Orleáns (en inglés New Orleans Mint) foi unha fábrica de moeda estadounidense sita en Nova Orleáns, Luisiana, unha das ramas da Casa da Moeda dos Estados Unidos, que estivo operativa entre 1838 e 1861 e, posteriormente, entre 1879 e 1909."New Orleans US Coin Mint". USA Coin Book."The Old U.S. Mint". Louisiana State Museum.
Durante os seus anos de funcionamento produciu máis de 427 millóns de moedas de ouro e prata de case todos os valores, por un valor aproximado de 307 millóns de dólares. Todas estas moedas amosan como marca de ceca a inicial "O" do topónimo de Nova Orleáns.
O edificio estivo pechado durante a maior parte da Guerra Civil estadounidense e o subseguinte período de reconstrución. Posteriormente serviu para diversas funcións, como Oficina de Ensaios dos Estados Unidos, almacén da Garda Costeira ou refuxio nuclear. A partir de 1981, pasou a integrar o Museo Estatal de Luisiana. En 2005 sufriu danos severos por mor do Furacán Katrina e, logo de tres anos de obras de restauración, reabriu en outubro 2007.
A Casa de Moeda de Nova Orleáns foi recoñecida como Sitio Histórico Nacional (National Historic Landmark) e é o edificio en pé máis antigo de cantos albergaron unha rama da Casa da Moeda nos Estados Unidos."United States Mint, New Orleans Branch". National Historic Landmarks.
Historia
Prolegómenos esquerda|miniatura|250x250px|Planos orixinais da Casa de Moeda de Nova Orleáns (1835). Museo Estatal de Luisiana.
O rápido crecemento dos Estados Unidos nos inicios dos anos 1830 trouxo como consecuencia unha escaseza das moedas en circulación. Asemade, en 1804 suspendérase a produción de dólares de prata porque estes eran intercambiados por moedas españolas de inferior peso nas Indias Occidentais, polo que quedara o medio dólar como a maior moeda de prata en uso.Winter, D. (2006). Para aliviar esta escaseza, circulaban nos Estados Unidos algunhas moedas estranxeiras. Nesa conxuntura, a Casa da Moeda de Filadelfia era a única ceca activa ata 1838, cando empezaron a establecerse outras casas de moeda en diferentes lugares do país. En 1836, o presidente Andrew Jackson emitira unha orde executiva que ordenaba que todas as transaccións de territorio estadounidense se realizasen en efectivo. Esta decisión, no contexto da depresión económica que seguiu o Pánico de 1837 (causado en parte polas políticas fiscais de Jackson), aumentou a necesidade de máis diñeiro en circulación.Bailey, T. A.; Kennedy, A.; Cohen, L. (1998). Páxinas 276-279, 289.
Como resultado, en 1835 o Goberno federal estableceu tres cecas sucursais: as casas de moeda de Nova Orleáns (Luisiana), Charlotte (Carolina do Norte) e Dahlonega (Xeorxia), estas dúas últimas situadas en rexións auríferas. Porén, Nova Orleáns foi seleccionada pola súa localización estratéxica ás beiras do río Mississippi, o cal a convertía nun centro importante para a actividade comercial, na que destacaba a exportación de algodón producido nas plantacións daquela zona. Así mesmo, grandes cantidades de ouro proveniente de México pasaban anualmente polo porto de Nova Orleáns. No século XIX, Nova Orleáns era a quinta cidade máis grande dos Estados Unidos ata a Guerra Civil e mantiña máis comercio co estranxeiro que ningunha outra cidade do país. Ademais, a distancia coas veas de ouro que se acababan de descubrir en Alabama era relativamente curta.Lambousy, G. (2003). 36-38.
O 10 de abril de 1835, o director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Samuel Moore, anunciaba nun xornal de Filadelfia a proposta de construción das instalacións da nova rama da casa de moeda en Nova Orleáns. Contratouse a Martin Gordon para supervisar as obras, que se levaban a cabo sobre un deseño do arquitecto William Strickland, quen xa fora responsable do deseño das cecas de Filadelfia e de Charlotte. A construción respondía aos gustos de Strickland polas formas neorrenacentistas.Lambousy, G. (2003). Páxinas 38-39.
O edificio da ceca ergueuse nun lugar preeminente da cidade. Aséntase moi preto do río, no barrio francés, orixe da actual cidade de Nova Orleáns. Baixo os períodos de dominación francesa e española, nese lugar atopábase unha das fortificacións defensivas da cidade. En 1792, o gobernador español, Francisco Luis Héctor de Carondelet, ergueu alí o Forte San Carlos, que foi destruído en 1821.
De xeito diferente ás outras dúas casas de moeda, que só cuñaban moedas de ouro, Nova Orleáns producía moedas de ouro e de prata, e en cantidades moito máis grandes, o que a convertía na ceca sucursal máis importante do país, ata que a Casa da Moeda de San Francisco empezou a producir un valor monetario aínda maior en moedas de ouro, a mediados da década de 1850.
Primeiro período de funcionamento: 1838-1861 miniatura|John Leonard Riddell, empregado da ceca de Nova Orleáns O inicio das actividades do novo establecemento tiveron lugar o 8 de marzo de 1838, cun depósito de lingotes de ouro de orixe mexicana, e dous meses despois, o 7 de maio, saíron das prensas da nova casa de moeda as súas primeiras cuñaxes: 30 moedas de dez centavos (dimes). Desde esta data ata que a ceca caeu en mans dos Confederados en 1861, nas súas instalacións cuñáronse practicamente todos os valores de moedas de prata e de ouro: moedas de tres (só en 1851), de cinco e de dez centavos en prata, cuartos dólares, medios dólares e dólares tamén en prata, e moedas de un, de 2'5, de tres, de cinco, de dez e de vinte dólares de ouro.Lambousy, G. (2003). Páxina 39.
Neste primeiro período foron varios os personaxes destacados que pasaron pola Casa da Moeda de Nova Orleáns. Un deles foi John Leonard Riddell (1807-1865), que traballou como refinador e fundidor entre 1839 e 1848 e, á marxe deste traballo, acadou un notable prestixio nos eidos da botánica, a medicina, a química, a xeoloxía e a física (foi o inventor do microscopio binocular). Riddell escribiu tamén acerca de temas numismáticos. En 1845 publicou un libro titulado Monograph of the Silver Dollar, Good and Bad, Illustrated With Facsimile Figures, e dous anos máis tarde apareceu un artigo seu en DeBow's Review titulado "The Branch Mint at New Orleans [...]". Porén, Riddell resultaba un personaxe controvertido no seo da Casa da Moeda e as súas disputas con outros traballadores da institución están ben documentadas.Riddell, J. L. (1845). A Monograph of the Silver Dollar: Good and Bad. Illustrated with Facsimile Figures [...]. Norman.Riddell, J. L. (1847). "The Branch Mint at New Orleans with an Account of the Process of Coinage [...]". En DeBow's Review. Xuño.Lambousy, G. (2003). Páxina 40.
Guerra civil e reconstrución: 1861-1879 esquerda|miniatura|250x250px|Medio dólar cuñado polos Confederados na Casa de Moeda de Nova Orleáns (1861).
A Casa de moeda de Nova Orleáns operou continuamente desde a súa apertura en 1838 ata o 26 de xaneiro de 1861, cando o Estado de Luisiana se separou dos Estados Unidos. O 29 de xaneiro, a Convención de Secesión volveu reunirse en Nova Orleáns e aprobou unha ordenanza que lles permitía aos funcionarios federais a permanencia nos seus postos, e o 5 de febreiro designouse un comité co obxectivo de facer un inventario do anterior Goberno federal, no que se informou de que a cámara acoirazada da Casa da Moeda atesouraba 483.983 dólares en moedas de ouro e de prata. Nos rexistros dos Arquivos Nacionais de Rockville, Maryland, reflíctese que esta cantidade se desagregaba en 308.771 dólares en pezas de ouro e 175.212 en moedas de prata. A única moeda de ouro producida en xaneiro de 1861 foi a de vinte dólares de ouro, da que se cuñaron 15.438 unidades no devandito mes. Con todo, nos rexistros da propia Casa da Moeda menciónase que soamente se cuñaron 5.000 unidades desa moeda polo Goberno federal en xaneiro de 1861."A Mystery Solved. New Orleans Mint 1861 Coinage Records". En The Numismatist Journal. Abril de 2013. Páxinas 53-54. Ademais, os funcionarios confederados crearon probas dun reverso alternativo a nome dos Estados Confederados (véxase a imaxe adxunta).Meisky, D. "A brief history of Confederate Coins ". American Numismatic Association."Coins of the Civil War". En GovMint.com
En marzo de 1861, Luisiana aceptou a Constitución dos Estados Confederados e o novo Goberno confederado mantivo nos seus postos a todos os funcionarios da fábrica de moeda.Lambousy, G. (2003). Páxina 42. Baixo as novas autoridades cuñáronse 962.633 dos 2.532.633 de moedas de medio dólar producidas na ceca de Nova Orleáns con data de 1861.Yeoman, R. S. (2007). Páxina 191. Investigacións recentes deron como resultado que algunhas destas moedas presentaban lixeiras anomalías, como os medios dólares de 1861 (con marca de ceca O) cunha liña entre o 8 e o 6 da data, ou aqueles en que un dos rebentos de loureiro do reverso aparece con forma de punta de lanza.Wiley, R. (1993). Capítulo 6."1861-O 50C W-13 CSA Issue Bisected Date". Professional Coin Grading Service."1861-O 50C W-15 CSA Issue Speared Olive ". Professional Coin Grading Service. Descoñécese o número exacto de moedas de medio dólar confederadas que se cuñaron con estas anomalías, pero sábese a día de hoxe hai catro exemplares localizados. Un deles, que se vendeu nunha poxa por unha grande suma, foi no seu día propiedade de Jefferson Davis, o único presidente dos Estados Confederados.
miniatura|300px|A Casa da Moeda de Nova Orleáns nun gravado de 1873.
As operacións de cuñaxe confederadas proseguiron desde o 1 de abril ata que o ouro se esgotou, ese mesmo mes. O persoal mantívose nos seus postos ata o 31 de maio de 1861. A partir dese momento, a Casa da Moeda serviu para acuartelar as tropas confederadas, ata que foi finalmente capturada, xunto co resto da cidade, o ano seguinte, en gran parte polas forzas navais da Unión, baixo o mando do almirante David Farragut.Lambousy, G. (2003). Páxinas 42-43.
Xa en mans das autoridades da Unión, en 1876, a casa de moeda foi reaberta como oficina de ensaio de metais preciosos. A súa maquinaria de cuñaxe vírase moi deteriorada pola guerra pero, debido á súa importancia, proporcionóuselle un novo equipamento para a fabricación de moedas. O edificio foi reformado e volveu pórse en servizo en 1879, para producir principalmente moedas de prata, entre elas o salientable dólar Morgan, que sairía das súas prensas entre 1879 e 1904.Lambousy, G. (2003). Páxina 43.
Segundo período de funcionamento: 1879-1909