Manuel Freire Rodríguez, nado en Monforte de Lemos o 2 de febreiro de 1993, é un piragüista galego, especialista en descenso de augas bravas.
Traxectoria Quixós Iniciouse no piragüismo con 10 anos e a maior parte da súa carreira tivo lugar no Club Quixós de Monforte de Lemos, co que disputou varios campionatos galegos e de España. Nos primeiros anos compaxinou o piragüismo co fútbol, xogando no Calasancio e no Brollón, e participando nunha pretemporada do Club Lemos.
En xuño de 2016 debuta nun Campionato Mundial, en Banja Luka (Bosnia e Hercegovina). En C1 na modalidade clásica acabou no posto 21º e en sprint foi 22º. En C2 acabou na 17ª posición. En xullo do mesmo ano proclámase campión de C1 na modalidade clásica no Campionato de España celebrado en Camarasa (Lleida), mentres que na modalidade de sprint foi terceiro. En C2 sprint, no que competiu xunto a Andrés Saco, foi segundo.
Fluvial de Lugo En 2017 comeza a competir no Fluvial de Lugo. En maio de 2017 proclámase campión galego por cuarto ano consecutivo. Conseguiu a medalla de ouro nas modalidades clásica e sprint.
No Campionato de España celebrado en La Seu d'Urgell (Lleida) en xuño de 2017 revalidou o título nacional na modalidade clásica e conseguiu tamén a medalla de ouro na modalidade de sprint.
En setembro de 2017 participou no seu segundo Campionato Mundial, esta vez celebrado en Pau (Francia). Xunto a Rodrigo Ramos, logrou a primeira clasificación na historia de España para a final da modalidade de C2 individual, na que lograron a oitava posición. En C1 acabou na 23ª posición. Na modalidade de C1 por equipos foi sexto, mentres que en C2 por equipos acadou a cuarta posición.
En primavera de 2018 participou no seu terceiro mundial consecutivo, que se celebrou en Muotathal (Suíza). En C1 por equipos acabou na sétima praza, mentres que a caída dun dos integrantes do equipo impediu que puntuara na modalidade de C2 por equipos. Na modalidade de C1 en patrullas xunto a Rodrigo Ramos e Alan Padilla foi quinto.
En setembro de 2018 revalidou o campionato de España de piragüismo en descenso de augas bravas, superando en vinte segundos ao segundo clasificado, en Sabero (León).
Fluvial do Barco En 2019 ficha polo Club Fluvial O Barco, xunto co piragüista monfortino Marcos González. En abril de 2019 participou na primeira Copa de España celebrada en La Seu d'Urgell (Lleida).
En maio de 2019 participou no Campionato de Europa celebrado en Trnovo ob Soči (Eslovenia). Nel acadou a 12ª posición no C2 en sprint xunto a Rodrigo Ramos, a 16ª posición en C1 na modalidade clásica e a 20ª posición en C1 en sprint. Tamén participou uns días máis tarde na segunda Copa de España celebrada no Barco de Valdeorras, na que conquistou a medalla de ouro en longa distancia e a medalla de prata en sprint. Tamén acadou a medalla de prata no campionato nacional de patrullas.
O 1 de xuño de 2019 clasificouse na Copa de Europa disputada en La Seu d'Urgell para participar no Campionato do Mundo no mes de setembro. Na modalidade de C1 non entrou na final pero a súa 18ª posición foi suficiente para clasificarse. En C2 clasificouse para a final e acabou na sétima praza xunto a Rodrigo Ramos.
O 18 de agosto de 2019 proclamouse campión por terceiro ano consecutivo de descenso en augas bravas na modalidade de longa distancia, en Sabero (León). En sprint conseguiu a medalla de bronce.
En setembro de 2019 participou no Campionato do Mundo celebrado en La Seu d'Urgell. Na modalidade de C2 por equipos acabou cuarto, a sete centésimas da medalla de bronce e a dúas décimas da de prata, mentres que en C1 por equipos, xunto a Rodrigo Ramos e Alan Padilla, acabou sexto. Nas modalidades de C1 e C2 individuais acabou 16º e 23º, respectivamente.
Recoñecementos O 2 de xuño de 2017 recibiu o premio ao mellor deportista de 2016, xunto á atleta Saleta Fernández, na Gala do Deporte de Monforte.
Notas
Categoría:Piragüistas de Galicia Categoría:Nados en Monforte de Lemos Categoría:Nados en 1993