Robert Spaemann, nado en Berlín o 5 de maio de 1927 e finado en Stuttgart o 10 de decembro de 2018, foi un filósofo católico alemán. A súa obra foi traducida a máis dunha ducia de linguas. Traxectoria Infancia e mocidade Robert Spaemann naceu o 5 de maio de 1927. O seu pai, Heinrich Spaemann, era historiador do arte, e fora redactor dos Sozialistische Monatshefte (Cadernos mensuais socialistas). A súa nai, Ruth Krämer, era unha bailarina de orixe suaba, formada no círculo de Mary Wigman.
Spaemann foi bautizado en 1930, logo da conversión dos seus pais á fe católica. A súa infancia transcorreu en Dorsten, na rexión de Münster. Nos seus anos de infancia tiveron especial importancia ás visitas á abadía de Gerleve, cando tiña cinco anos. Segundo as súas memorias, a melodía dos salmos cantados polos monxes bieitos escoitada dende o colo da súa nai, lle deu unha sensación de alegría e plenitude que lle acompañaría durante toda a súa vida. Logo do pasamento da súa nai, o seu pai foi ordenado sacerdote en 1942 polo bispo Clemens August Graf von Galen, de soada e aberta oposición ao nazismo.
No servizo de traballo —unha fase de instrución previa ao servizo militar— se enfrontou a un problema de conciencia ao achegarse o día do xuramento de fidelidade ao Führer. Conseguiu evitar a obrigación ao se provocar unhas anxinas que lle mantiveron con febre na enfermaría. Tempo despois, cando foi chamado a filas, desobedeceu e se ocultou, o que era equivalente a unha deserción. Malia isto, nunca se considerou «pacifista» no sentido que se lle deu a esta expresión nos anos sesenta, e admiraba a grandes militares europeos como Carlos Martel, Xoán de Austria, Uxío de Savoia ou Xoán III Sobieski. Porén, sempre tivo ao nazismo coma un réxime perverso.
En 1945 comezou os seus estudos de Filosofía na Universidade de Münster, coas materias complementarias de Historia, Teoloxía e Romanística. Ademais dos diálogos platónicos —moitos destes xa lidos antes da Universidade— e de autores existencialistas como Kierkegaard, nos seus anos de licenciatura se interesou especialmente pola obra de Aristóteles, Kant e Hegel. Nesta mesma época leu a Suma teolóxica, a Summa contra Gentiles e as Quaestiones disputatae de veritate, de Tomé de Aquino. O realismo tomista produciulle unha grande simpatía, xa que apreciaba nel o que cualificaba como a intentio recta, isto é, o acceso directo e sinxelo á realidade fronte ao acceso indirecto, mediado por explicacións mais escuras que a propia realidade examinada —o que cualificaba como a intentio obliqua—.
Anos de vida académica miniatura|Robert Spaemann. Escultura realizada por Wolfgang Eckert en 2012. Ao rematar a licenciatura comezou o doutoramento con Joachim Ritter, con quen formou parte do chamado Collegium Philosophicum ou Ritter-Schule, un seminario no que estabeleceu amizade con intelectuais como Hermann Lübbe, Odo Marquard, Günther Rohrmoser ou Ernst-Wolfgang Böckenforde. Durante o seu doutoramento casou con Cordelia Steiner (nada en 1925 e finada en 2003), con quen tivo tres fillos.
Doutorouse en 1952 cunha tese sobre Louis de Bonald, "Der Ursprung der Soziologie aus dem Geist der Restauration" (A orixe da socioloxía no espírito da Restauración). En resposta a esta obra, Carl Schmitt —quen dedicara varias páxinas a De Bonald na súa Teoloxía política— lle agasallou cun exemplar da primeira edición en francés da Théorie du pouvoir, aparecida en 1796, que o xurista adquirira en 1919. A tese foi seguida doutros artigos na revista Wort und Wahrheit nos que criticaba a primacía do político fronte á metafísica no pensamento da contrarrevolución e do tradicionalismo.
Logo do doutoramento, traballou por catro anos como corrector de manuscritos e revisor de traducións na Editorial Kohlhammer. Foi durante este tempo que pensou na idea de elaborar un dicionario histórico de filosofía, o Historisches Wörterbuch der Philosophie. Conseguiu o apoio de Karlfried Gründer ao proxecto, e lle presentaron a idea a Joachim Ritter, quen asumiu con entusiasmo o seu papel de editor. A obra foi publicada por Schwabe AG, de Basilea, e comezou a súa publicación en 1972 e a rematou en 2007, converténdose na maior obra colectiva de investigación académica en Filosofía en lingua alemá, e nun dos maiores proxectos colectivos de investigación humanística, con 13 volumes.
En 1956 recibiu en Münster unha oferta como asistente de investigación. Habilitouse como catedrático de Filosofía e Pedagoxía en 1962, cun estudo sobre François Fénelon, "Reflexion und Spontaneität. Studien über Fénelon" (Reflexión e espontaneidade). Durante os mesmos anos que estudou a Fénelon, leu a obra de Rousseau, a quen chegou a considerar como paradigma de todos os dilemas e contradicións da Modernidade. Os seus artigos sobre este escritor foron posteriormente recompilados no opúsculo "Rousseau - Bürger ohne Vaterland" (Rousseau - cidadán sen patria), publicado en 1980.
Logo da súa habilitación como catedrático, comezou a súa actividade como ordinario de Filosofía e Pedagoxía no Escola Técnica Superior de Suttgart (hoxe Universidade de Stuttgart). Estivo alí até que, en 1969, foi convidado a suceder a Hans-Georg Gadamer, quen se xubilaba como catedrático de Filosofía na Universidade de Heidelberg. Porén, dous anos máis tarde decidiu volver a Stuttgart.
Spaemann fixo varios amigos en Heidelberg, mais disentía do espírito das protestas de 1968, moi vivo nesta universidade. Decepcionoulle do ambiente de o Heidelberg o que percibiu como falta de bravura de moitos académicos: a corrección política e ante as presións estudantís. Entre os feitos que máis lle indignaron foi a falta de apoio do Instituto de Filosofía a un profesor que resistira á presión dos estudantes, e a cancelación das clases dunha profesora que fora boicoteada. Ambas decisións eran politicamente correctas, e Spaemann advertía unha claudicación da dirección universitaria no seu deber de defender a liberdade de cátedra.
A súa volta a Stuttgart coincidiu no tempo cunha polémica aberta que mantivo con Jürgen Habermas no Merkur. Habermas comezara a desenvolver a súa «ética do discurso», unha teoría que, aparecida no contexto antiautoritario xurdido a partir de 1968, chegaría a ter unha grande popularidade nos círculos intelectuais europeos. Habermas defendía a creación dun espazo de diálogo libre de dominio como alternativa procedemental a unha ética substantiva, ao estilo do realismo clásico. Spaemann publicou un artigo no que criticaba o utopismo latente na súa proposta, á que atribuía suplantar a razón práctica polo discurso ideal. A súa crítica foi seguida dunha cordial réplica de Habermas e dunha contrarréplica, tamén respectuosa, do propio Spaemann.Debate completo recollido en
Ese mesmo ano foi chamado para ocupar unha cátedra de Filosofía na Universidade de Múnic, onde comezou a súa docencia no semestre do verán de 1973. Permaneceu en dita cátedra até 1992, ano no que se xubilou e foi nomeado emérito. En Múnic, Spaemann atopou a estabilidade académica precisa para formar a algúns profesores como Reinhard Löw, Thomas Buchheim, Rolf Schönberger o Walter Schweidler. Ademais, nesta etapa colleron forma algunhas das súas obras principais.
O problema do devir da teleoloxía na historia do pensamento lle «perseguira» ao longo da súa carreira académica até entón. Malia lle dar un enfoque aristotélico, Spaemann apreciaba moito o tratamento que facía Kant do problema na Kritik der Urteilskraft (Crítica do xuízo). Nos anos setenta, se lanzou a explorar a perda da teleoloxía a finais da Idade Media, e rematou os seus traballos coa publicación en 1981, xunto co seu discípulo Reinhard Löw, do libro Die Frage Wozu? Geschichte und Wiederentdeckung des teleologischen Denkens (A pregunta "para qué"? Historia e redescobremento do pensamento teleolóxico).
Tamén nos seus anos de Múnic viu a luz un escrito sinxelo e breve, pero moi significativo do seu estilo e pensamento, elaborado a partir dunha serie de charlas emitidas en Bayerischer Rundfunk en xaneiro e febreiro de 1981. Publicado en 1982, o libro bosquexa algúns conceptos éticos básicos: ben e mal, convicción e responsabilidade, pracer e realidade, o «eu» e os demais, o incondicionado e o deber de obedecer sempre á conciencia, o abandono ante o que non se pode cambiar, etc. Esta breve introdución á ética ten sido traducida a quince linguas e ten unha notable difusión internacional. En liña coa súa propia visión da Filosofía, Spaemann trata nela de «abordar os temas do momento, pero non segundo o espírito do momento»; isto é, «captar a norma da existencia presente, a conciencia da época, dende un horizonte que non se define por esa conciencia».
Moi preto da súa xubilación, en 1989 publicou Glück und Wohlwollen (Felicidade e benevolencia), a súa grande obra dedicada á ética. A motivación principal do escrito foi atopar o nexo entre a ética clásica da felicidade ou eudaimonia e a incondicionalidade do deber kantiano. Dita conexión está, segundo Spaemann, na apertura benevolente ao ser, no «recoñecemento da realidade», que propiamente constitúe, ao mesmo tiempo, a base de todo deber e o interese fundamental do home. Dun lado, esta apertura benevolente configura a vida virtuosa ou o ordo amoris do que falaba Santo Agostiño, e da forma á eudaimonia ou «vida lograda». Doutro, o libre «recoñecemento da realidade» constitúe a base de calquera imperativo ético:
Noutra pasaxe de Glück und Wohlwollen, Spaemann explica a mesma idea recorrendo aos relatos do pecado orixinal e do fratricidio de Caín, na Xénese. No primeiro relato, o home caído se agocha, e a pregunta que Deus lle dirixe é unha pregunta pola realidade: «Onde estás?»; no relato do fratricidio de Caín, a interpelación de Deus apunta na mesma dirección: «Onde está o teu irmán?». A resposta de Caín, pola súa parte, pon de manifesto a actitude que se atopa no raíz do crime: «Acaso son eu o gardián do meu irmán?».
Na orixe de toda ética atópase, por conseguinte, o «recoñecemento da realidade» —da realidade dun mesmo, do outro e do mundo, que inclúe a súa teleoloxía ou realización—. Os dous polos opostos da vida moral residirían, neste sentido, na «curvatio in seipsum», o repregamento egoísta sobre o propio eu; e a apertura benevolente ao ser, cuxa máxima expresión estaría na gratitude relixiosa.
Actividade como profesor emérito Xa como profesor emérito, a difusión de interpretacións puramente empiristas da idea de persoa lle levou a desenvolver unha filosofía da persoa volvendo ás orixes do concepto. En 1996 publicou a obra Personen. Versuche über den Unterschied zwischen «etwas» und «jemand» (Persoas. Sobre a distinción entre "algo" e "alguén"). A este estudo seguiron varios escritos e recompilacións de artigos máis breves, como Das unsterbliche Gerücht. Die Frage nach Gott und der Aberglaube der Moderne (O rumor inmortal. A cuestión de Deus e a superstición da Modernidade), Der letzte Gottesbeweis (A última proba da existencia de Deus), Nach uns die Kernschmelze. Hybris im atomaren Zeitalter (Logo de nos, a fusión do núcleo. Hybris na era atómica), ou os dous volumes recompilatorios de ensaios e discursos.
A súa obra foi moi apreciada por Xoán Paulo II e por Bieito XVI, con quen cultivou unha grande amizade. Xunto con filósofos, intelectuais e científicos como Paul Ricoeur, Emmanuel Lévinas, Ralf Dahrendorf, Charles Taylor, Bernard Lewis, Hans-Georg Gadamer, Carl Friedrich von Weizsäcker ou Ernst-Wolfgang Böckenförde, participou nos encontros de intelectuais auspiciados por Xoán Paulo II na súa residencia de verán en Castel Gandolfo. Foi membro da Pontificia Academia para a Vida, participando de xeito moi activo nas súas sesións. Cando Joseph Ratzinger era Prefecto da Congregación para a Doutrina da Fe, foi convidado en dúas ocasións a disertar, respectivamente, sobre o pecado orixinal e sobre a evolución.