Shadow of the Colossus, estreado no Xapón como Wander and the Colossus (), é un videoxogo de acción e aventuras desenvolvido por SIE Japan Studio e Team Ico, e distribuído por Sony Computer Entertainment para a PlayStation 2. O xogo foi publicado en América do Norte e no Xapón en outubro de 2005 e na rexión PAL en febreiro de 2006. Foi dirixido por Fumito Ueda en desenvolvido en SCEI's International Production Studio 1, tamén coñecido como Team Ico. Tivo o mesmo equipo de desenvolvemento que fixo o videoxogo de culto Ico, do cal Shadow of the Colossus está considerado un sucesor espiritual.

O argumento do xogo céntrase nun mozo chamado Wander que entra nunha terra prohibida. Wander debe viaxar ó longo de vasto terreo a cabalo e derrotar dezaseis grandes seres, coñecidos sinxelamente como colosos, co obxectivo de restaurar a vida dunha rapaza chamada Mono. O xogo é pouco convencional co xénero de acción e aventuras xa que non ten vilas nin alxubes para explorar, non hai outras personaxes coas que interactuar e non hai outros inimigos que derrotar que os colosos. Shadow of the Colossus foi descrito como un xogo crebacabezas, no que se deben identificar as debilidades dos diferentes colosos e utilizalas para derrotalos.

Citado como un influente título na industria dos videoxogos e un dos mellores videoxogos de tódolos tempos, Shadow of the Colossus é considerado como un importante exemplo dos videoxogos como unha arte debido ós seus deseños de paisaxes minimalistas, o modo de xogo inmersivo e a viaxe emocional. Recibiu a aclamación da crítica e tivo tamén boas vendas en comparanza con Ico, debido en parte a unha gran campaña de mercadotecnia. A banda sonora tamén foi moi eloxiada. O xogo gañou numerosos premios polo seu son, deseño e calidade. Shadow of the Colossus tamén é unha referencia en debates sobre a calidade artística e as perspectivas emocionais dos videoxogos.

Unha versión remasterizada para PlayStation 3 foi desenvolvida por Bluepoint Games e estreada como The Ico & Shadow of the Colossus Collection en setembro de 2011. Contén gráficos de alta definición (HD), contidos adicionais eliminados na versión americana, trofeos para PlayStation Network e soporte 3D. A versión HD foi estreada de xeito separado no Xapón. En febreiro de 2018, estreouse un remake en alta definición para a PlayStation 4.

Notas

Categoría:Videoxogos de 2005 Categoría:Videoxogos de PlayStation 2 Categoría:Videoxogos dun só xogador Categoría:Videoxogos de Sony Computer Entertainment Categoría:Videoxogos desenvolvidos no Xapón