O Gruppo Bertone, comunmente coñecido simplemente como Bertone, foi unha compañía de automóbiles italiana, que se especializou no deseño de automóbiles, construción de carrozarías e fabricación. O estilo Bertone é distintivo, a maioría dos coches teñen un forte "parecido familiar", ata se son encargados por diferentes fabricantes. Bertone deseñou coches para Abarth, Alfa Romeo, Aston Martin, Citroën, Ferrari, FIAT, Iso, Lancia, Lamborghini, Mercedes-Benz, Opel e Volvo, entre outros. Ademais, o estudio de Bertone foi responsable de dous dos deseños posteriores da scooter de Lambretta. A finais dos anos 80, Bertone deseñou o casco da motocicleta K20 para o fabricante suízo de cascos de bicicletas e de motocicletas Kiwi.
A compañía tiña a sede en Grugliasco no norte de Italia. O Gruppo Bertone foi fundado como Carrozzeria Bertone en 1912 por Giovanni Bertone. O deseñador Nuccio Bertone tomou o control da compañía logo da segunda guerra mundial e a compañía foi dividida en dúas unidades: Carrozzeria para a fabricación e Stile Bertone para o deseño. Ata a súa creba en 2014, a empresa estaba encabezada pola viúva de Nuccio Bertone, Lilli Bertone.
Historia Giovanni Bertone iniciou un negocio de fabricación de carros en Turín, á idade de 28 anos. Xunto con tres traballadores, construíu un vehículo de cabalos.
Nas primeiras décadas do século XX, os coches non eran habituais. O tráfico da estrada aínda era dominado polos carros tirados por cabalos e os coches construídos por Bertone eran altamente considerados pola súa exactitude, calidade e solidez. En 1914, naceu Giuseppe Bertone, alcumado "Nuccio", o segundo fillo de Giovanni Bertone. O alcumo fíxose coñecido máis tarde como a firma de Nuccio, un dos máis grandes mestres do estilo italiano no mundo. O estalido da primeira guerra mundial desencadeou unha gran crise no novo sector industrial italiano e Giovanni Bertone resultou moi afectado, polo que se viu obrigado a pechar a súa empresa.
Década de 1920
Ao final da primeira guerra mundial, o negocio de Bertone reiniciouse e expandíu as súas actividades, e comezou a centrarse no sector automotriz. En 1920, abriu unha nova planta preto de Monginevro 119 en Turín. Tiña vinte empregados en nómina. Un ano máis tarde, asinou o primeiro contrato importante da empresa. Tratábase dunha carrozaría de estilo torpedo baseado no chasis SPA 23S. Logo, deseñou o FIAT "501 Sport Siluro Corsa", o primeiro dunha familia de modelos que caracterizaría á marca nos seguintes anos. Con iso, naceron os coches deportivos de alto rendemento.
Durante os anos 20, Turín foi un dos centros de excelencia mundiais da industria automobilística. Bertone estaba situado no centro da mesma e formou alianzas con case todos os fabricantes contemporáneos. Giovanni Bertone comezou a facer carrozarías sobre os chasis Fast, Chiribiri, Aurea, SCAT e Diatto. As relacións máis importantes e duradeiras foron aquelas cos dous maiores fabricantes de Turín FIAT e Lancia.
Vincenzo Lancia decatouse de inmediato que Giovanni Bertone era un excelente artesán cun gran futuro por diante. Co cariñoso alcumo de "Bertunot", encargou a Bertone a creación de carrozarías completas, sobre todo pola serie de limitacións que as empresas da época tiñan para fabricar. Esta foi a primeira oportunidade de Bertone para levar a cabo a produción limitada de coches especiais en bases mecánicas estándar, e foi o comezo dunha grande experiencia industrial.
Estes foron anos moi emocionantes para Bertone, e tamén para a evolución do estilo industrial e o deseño. As formas da carrozaría cambian lenta pero continuamente, as formas angulares comezan a desvanecerse, as ás empezan a unirse. Giovanni Bertone produciu corpos en forma de torpedo e sedán para FIAT e Lancia, e tamén para Itala, Diatto e SPA. Tamén fixo traballos para clientes privados ansiosos de exclusividade. Xunto aos modelos deportivos como o Ansaldo 6BS de 1928, Giovanni Bertone tamén deseñou coches de luxo como o Fiat 505 limousine e o Itala 51S, ambos en 1924. Máis adiante deseñou o Lancia Lambda VIII Series 1928.
Década de 1930 A pesar do feito de que a depresión de 1929 levara a moitos fabricantes de automóbiles de Turín case a quebra, a astuta xestión de Giovanni Bertone permitiu á compañía seguir creando coches con grande atractivo. En 1932, Giovanni deseñou o elegante Lancia Artena, que foi producido ata 1936. En 1933, ao ano seguinte, produciuse un evento que resultou ser a pedra angular para a Carrozzeria Bertone. Nuccio Bertone, que tiña dezanove nese entón, comezou oficialmente a traballar na compañía do seu pai. No mesmo período, Bertone comezou a traballar en vehículos comerciais, e como o negocio creceu, eran necesarios novos locais. A compañía trasladouse a Corso Peschiera 225. O Gruppo Bertone tiña nese intre cincuenta empregados.
En 1934, Bertone creou o Fiat 527S Ardita 2500, un punto de inflexión no deseño de coches, con algúns novos detalles incribles, como os impresionantes faros dianteiros con carenado ao longo do capó. Co Ardita creouse un novo estilo, destinado a engalar cara a finais da década, con asombrosos modelos FIAT e Lancia para o seu día. Os exemplos foron o "seis xanelas", FIAT 1500 Aerodinamica, o opulento Lancia Aprilia Cabriolet e o novo Fiat 1500 Torpedo, con características estruturais antes nunca vistas, como o capó abatible que se gardaba completamente dentro do coche. Coas audaces innovacións de Giovanni e as elegants creacións, foi altamente apreciado polos expertos e os fans dos coches.
Década de 1940 Co estalido da segunda guerra mundial, o mercado de automóbiles experimentou unha repentina e drástica recesión. Case todos os fabricantes de carrozarías, incluíndo Bertone, reaccionaron á crise recorrendo a vehículos militares de diversos tipos. A compañía creou vehículos como a ambulancia Bertone na base do Lancia Artena. Foron tempos difíciles. A demanda era escasa. Faltaban materias primas e man de obra. As ordes militares eran difíciles de cumprir. Pero a produción non se detivo na fábrica de Corso Peschiera, fabricáronse algúns luxosos Lancia Aprilia e o moi elegante chasis longo Fiat 2800 cabriolet, o único do seu tipo, construído por encargo para o piloto de carreiras e xornalista de automobilismo Giovanni Lurani Cernuschi.
Logo da guerra, a medida que o longo e lento proceso de reconstrución comezou en Europa, as grandes empresas industriais aumentaron gradualmente os seus niveis de produción e as carrozarías volveron funcionar. Durante estes anos difíciles, Nuccio Bertone creou automóbiles como o Lancia Aprilia Cabriolet e o Fiat 1100 Stanguellini, que foron precursores dalgunhas das tendencias de deseño da década seguinte.
A finais da década de 1940, Nuccio Bertone volveuse ás carreiras, ao volante de varios coches diferentes, incluíndo un Fiat 500 Barchetta, que Nuccio construíu para si mesmo. Ao final da década o encontro con Vittorio Stanguellini levou á creación dun cupé cun chasis Fiat 1100 que obtivo un grande aprecio público.
Década de 1950 Os anos 50 trouxeron os primeiros pedidos doutros países, en particular de MG e Bristol Cars Limited en 1952. Ao ano seguinte, Nuccio Bertone deseñou o prototipo para o Alfa Romeo Giulietta Sprint, que foi presentado no Motor Show de Turín de 1954. Inicialmente planeouse unha produción de 1000 unidades, pero ao final fixéronse case 40.000 vehículos entre 1954 e 1965. O coche deixou de produciuse en 1965.
A relación entre Bertone e Alfa Romeo alcanzou o seu pico creativo cos coches conceptuais da Berlinetta Aerodinamica Tecnica (BAT) que levaron ao límite o deseño e a aerodinámica dos coches: o BAT 5 en 1953, o BAT 7 en 1954 e a BAT 9 de 1955. A investigación en aerodinámica culminou na produción do Abarth 750 Record en 1956, construído sobre un chasis Fiat 600 e probado na vía de alta velocidade en Monza. Este Abarth estableceu dez rexistros mundiais impresionantes, incluíndo facer 4.000 km cunha media de 156´36 km/h e cubrindo 10.125´26 km en 72 horas.
En 1957, a compañía ampliouse para comezar a produción do NSU Sport Prinz. A fábrica de Corso Peschiera non puido facer fronte aos volumes de produción previstos. A construción comezou en Grugliasco nos arredores de Turín, para unha nova planta que entrou en funcionamento en 1959, cunha man de obra de 550 empregados. A finais dos anos 1950, Bertone chegou con algúns deportivos berlinetta que ían facer historia, como o Giulietta Sprint Special, o Aston Martin DB2/4 e o Maserati 3500 GT.
Década de 1960
Os anos 60 foron os anos do GT de estilo italiano. Nuccio Bertone presentou cinco variacións sobre o tema que sempre levara no seu corazón, na forma de cinco modelos extremadamente atrevidos de GT: o Alfa Romeo 2600 Sprint, nas versións cupé e cabriolet, dous Ferrari 250 GTs, un chamado 'Wax' para un cliente, e o outro para o seu uso persoal, o Aston Martin DB4 GT 'Jet' e o Maserati 5000 GT. Ao mesmo tempo, iniciábanse dúas novas alianzas industriais, cos traballos sobre a serie limitada SIMCA 1000 Cupé e BMW 3200 CS, así como o importante, pero desafortunado ASA 1000, máis coñecido como "Ferrarina", ou "pequeno Ferrari" (como o proxecto orixinado con Enzo Ferrari), que, malia as altas expectativas do público, nunca chegou ao mercado automobilístico.
O Iso Rivolta GT 300, o Iso Rivolta GT 340 e o Iso Grifo tamén foron creados nos anos 60. Nuccio Bertone tamén deseñou un prototipo de cabriolet deste último e unha versión de carreiras coñecida como o A3C. Os anos do Grifo foron tamén os anos de Corvair Testudo, conducido persoalmente por Nuccio Bertone ao Salón do motor de Xenebra en 1963. Ao ano seguinte viu o Alfa Romeo Canguro, seguido en 1965 polo Alfa Romeo Giulia GT, o lexítimo herdeiro da Giulietta Sprint.
En 1965, Carrozzeria Bertone experimentou un importante punto de inflexión, co lanzamento do Fiat 850 Spider. O éxito comercial deste modelo levou a Nuccio Bertone a aumentar a capacidade de produción da compañía a 120 unidades por día (entre 1965 e 1972 producíronse preto de 140.000, a gran maioría dos cales foron vendidos nos Estados Unidos). Co Fiat 850, a compañía deu un salto xigantesco en termos de volume de produción, das 13.000 carrozarías producidas en 1966 a case 30.000 en 1968, un aumento do 40 por cento.
O final da década de 1960 viu o comezo da asociación con Ferruccio Lamborghini que estaba destinado a facer historia no mundo do automóbil. O primeiro vehículo que saíu dista asociación foi o Lamborghini Miura, que presentou no Salón do Automóbil de Xenebra 1966, que reinventou o concepto de deseño de cupé de alto rendemento. O Miura foi seguido polo Marzal en 1967 e o Espada en 1968. No mesmo período apareceron outros dous cupés: o Alfa Romeo Montreal e o Fiat Dino Cupé, ambos en 1967. Automóbiles asombrosos, innovadores, inventando a súa propia linguaxe para o deseño do futuro: eran as marcas rexistradas de Nuccio Bertone. No Salón do Automóbil de París de 1968, presentou o concepto Carabo, baseado nun chasis Alfa 33.
Década de 1970
En 1970, Bertone tiña un persoal de 1.500 empregados, e a fábrica de Grugliasco cubría unha superficie de 267.000 metros cadrados. A sociedade con Lamborghini conduciu ao desenvolvemento do Lamborghini Espada, en 1973 coñecido como o catro prazas máis rápido do mundo. O deseño inspirouse nun concepto anterior, o Jaguar Pirana. Logo do seu éxito inicial co Espada pasou a deseñar o Lamborghini Jarama e o Lamborghini Urraco. Co prototipo Lancia Stratos Zero, construído sobre unha base Lancia Fulvia 1.6 HF, Bertone chegou a representar un novo punto de referencia na arte moderna, así como na escena internacional do deseño de coches. O Stratos Zero, presentado no Salón do Automóbil de Turín en 1970, evocou unha mestura intemporal de arquitectura, escultura e deseño industrial.