No camiño de San-Yago é un relato de Xavier Pardo, publicado por entregas na revista A Nosa Terra entre xullo de 1926 e abril de 1927. O libro conta a viaxe realizada polo propio Xavier Pardo canda Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Lois Feixoo e Antón Sánchez en xullo de 1926 (Ano Xacobeo) desde Ourense até Santiago de Compostela.
Viaxe A primeira entrega, publicada o 25 de xullo de 1926, inclúe un breve texto introdutorio da redacción da revista -posiblemente do seu director, Víctor Casas-, no que se explica o camiño. Despois, Xavier Pardo explica que foron a pé en peregrinación até o Sepulcro do Apóstolo para sentir a emoción da ruta.
Antes de saíren, o grupo reuniuse o mércores 7 de xullo na casa de Vicente Risco, onde había un exemplar da Carta xeométrica de Galicia de Domingo Fontán. Nela trazaron o camiño a seguir. Ían equipados con cámaras de fotos e barómetro. dereita|miniatura|Unha das inscricións na ponte Ceballos. Saíron ben cedo na mañá do 8 de xullo, desde a ponte Nova. Foron pola estrada de Villacastín até Bobadela, onde colleron cara a Canedo -que entón era aínda concello de seu- polo camiño real, que mandara construír o arcebispo Sebastián Malvar Pinto. Cruzaron o rego do Porto pola ponte Ceballos, da que copia unha inscrición, e nela detivéronse a almorzar pan con chocolate. Proseguiron pola costa de Canedo até O Castro de Beiro, desde onde ven os montes de Oseira, e pasan pola abadía de Beiro, onde fora párroco Basilio Álvarez, a quen dedica uns parágrafos.
O relato continúa coa terceira entrega, publicada en outubro. Seguen por Liñares, As Quintás e Afonsín, e pouco despois descansan nunha carballeira. Están xa nos Chaos de Amoeiro, zona que coñece ben Otero Pedrayo, sobre a cal escribiu anos despois o poemario Bocarribeira. Atravesan a estrada que vai de Tamallancos ao Viñao, e entran na vila de Amoeiro, onde xantan nunha taberna-estanco. Logo de dar conta de ovos fritidos e rabanadas de xamón fritido e mais con carne guisada con patacas, seguido de queixo e acompañado de viño bravo e augardente, o grupo botou unha sesta.
A cuarta entrega foi publicada en novembro. Cruzan o río Barbantiño pola ponte San Fiz. Detéñense a descansar baixo uns salgueiros, e a Garda Civil pregúntalles quen son e que fan. Logo pasan pola aldea de San Fiz, onde está a capela de San Pedro, e logo pola Touza. A xente tómaos por enxeñeiros da liña de ferrocarril de Ourense a Santiago de Compostela, que pasa por alí mais que non foi inaugurada até 1958. Na aldea unha veciña explícalles que precisan unha estrada nova. Seguen cara a Maside, onde contemplan a igrexa parroquial románica. Proseguen cara a Dacón até O Carballiño. Instálanse no hotel Carlos, onde os interroga de novo a Garda Civil, e reciben a visita de Jaime Solá e outro xornalista.
A quinta entrega apareceu en decembro de 1926. Pola mañá cruzan o río Arenteiro cara ao Irixo. Pasan por Madarnás, onde fan fotos do interior do pazo, e pola Eirexa. Seguen cara a Dadín, onde visitan a igrexa e estudan as sepulturas, e no Irixo cruzan o río Viñao. A carón da ponte paran nun zapateiro para arranxar as botas de Feixóo, e xantan e descansan na propia casa do home. Despois seguen con certo apuro, pois teñen previsto chegar a durmir a Silleda.
A sexta entrega saíu publicada en xaneiro de 1927, co relato do paso do terreo montañoso, con fermosas vistas e a carón de mámoas e un poboado castrexo. Pasan pola aldea da Ermida, aínda que a capela que lle dá nome estaba pechada, e despois entran xa na provincia de Pontevedra, e pasan pola aldea da Ermida da parroquia de Lebozán, no concello de Lalín. Pasan o alto do Espiño e pola aldea do mesmo nome, O Espiño, e á esquerda ven a serra do Candán. Seguen cara á Castiñeira, A Saborida, Lodeirón e Vilatuxe, xunto ao río Deza. Vaise facendo de noite, e cústalles recoñecer o camiño e non atopan aldeas pola estrada. Seguen camiñando, e detéñense a falar de trasgos e meigas. Pouco despois crúzanse cun fogueteiro, e seguen un longo anaco sen pasar por aldeas. Finalmente chegan a Silleda, e logo de buscaren aloxamento, un camioneiro déixaos na pensión de Trabazo.
En febreiro de 1927 publicouse a sétima entrega. Espertan a media mañá, un sábado (10 de xullo) de calor, e aproveitan para escribir até a hora do xantar. No comedor coñecen unha mestra de Toural dos Vaos, defensora da Unión Patriótica e que dá clase preto de Silleda. Pola tarde únense ao grupo Florentino López Cuevillas e Alfonso Vázquez Monjardín, que chegaron desde Ourense no Castromil. A media tarde saen cara á Ponte Ulla. En Chapa coinciden co médico José Valenzuela Ulloa, e na Bandeira paran a tomar gasosas. Pasan por Orazo, onde hai unha fábrica de campás, e por Valboa, cantando polo camiño cantigas, himnos e alalás. Na Ponte Ulla fan noite nunha pousada preto da igrexa, pois no parador de antes da Ponte non hai oco para os sete.O texto orixinal di realmente "no pasador de Antes do Ponte", con maiúsculas, que corriximos por supoñer que non se refira a un topónimo senón a un parador que houbera antes de chagar a Ponte Ulla, que era o destino final desta etapa. Cómpre advertir que o autor sempre utilizou a forma feminina (a Ponte Ulla) menos nesta ocasión que o escibe en masaculino (Antes do Ponte).
A oitava e derradeira entrega apareceu en abril de 1927. Logo de almorzaren visitan a igrexa parroquial, e seguen cara ao Sol, en Santa Cruz de Ribadulla. Desde aí collen un camiño a carón da casa de Antonio López Ferreiro cara ao Pico Sacro, onde agardan por eles un grupo de mozos, entre eles Lois Tobío Fernández, Ramón Martínez López, Wenceslao Requejo Buet e Noya. Xantan xuntos, e contemplan Santiago de Compostela. Retoman o camiño por Sergude e A Susana, onde enganchan de novo coa estrada de Ourense. Paran nunha taberna no Castiñeiriño e cruzan o río Sar pola Ponte Pedriña.
Escoitan as dez da noite nas badaladas da Catedral de Santiago de Compostela, e van recoller as Compostelas que os acreditan como peregrinos.
Narración A segunda entrega, publicado o 1 de setembro, comeza cun texto introdutorio do propio autor no que explica que en principio tiña previsto facer non un relato narrativo, senón só unha crónica sinxela con pegadas da viaxe, e que algunhas das notas e observacións foron sacadas do Diario da Viaxe que fixo Risco. Segundo explica na terceira entrega, tiña previsto facer unha reportaxe para o Seminario de Estudos Galegos, acompañada de debuxos e fotos.
O relato, amais de ir contando por onde pasan, inclúe descricións da arquitectura, a paisaxe e as xentes coas que se van cruzando.
Notas
Véxase tamén Bibliografía e (2016): De camiños, viaxeiros e camiñantes. Peregrinos de Nós ao cabo do mundo. Ed. Galaxia. ISBN 9788498656916
Outros artigos Pelerinaxes I Ligazóns externas
Categoría:Obras literarias de 1926 Categoría:Novelas en galego Categoría:Libros de viaxes sobre Galicia Categoría:Vía da Prata (Ruta Xacobea) Categoría:Ramón Otero Pedrayo Categoría:Vicente Risco